0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Cataluña e España: xogo de elites

Facermos unha análise solvente das relacións actuais entre Cataluña e España é unha tarefa complexa. Cómpre abordarmos o problema desde diferentes perspectivas, unha das cales podería ser a que Charles Wright Mills nos propuxo en 1956 en The Power Elite, onde demostra, para o caso dos EUA, que unha estrutura formalmente democrática é compatíbel co goberno oligárquico das elites. Se esta teoría é de aplicación a Cataluña e a España, entón pode fornecernos un instrumento a maiores para a reflexión e o debate.

As elites, que, agás as políticas, xamais foron elixidas –pénsese nos grandes empresarios, nos multimillonarios, nos propietarios dos grandes medios, etc.–, séntense chamadas a tomaren decisións que repercuten nas vidas dos cidadáns, pero, operando en estruturas paralelas, non están sometidas a control democrático ningún e actúan cunha total falta de transparencia. Na súa autopercepción confunden as súas posicións de partida privilexiadas co seu valor como persoas: é obvio que son mellores e que a autoridade que exercen lles corresponde por natureza.

Un segmento decisivo das elites catalás espera mellorar as súas expectativas coa independencia do seu país. O desconcerto tras a sentenza do TC sobre o Estatut coincidiu co inicio da etapa máis dura da crise económica, e estas elites viron nesta conxuntura unha xanela de oportunidade para facerse co control absoluto do poder utilizando as institucións con fins espurios, instrumentalizando os medios públicos e afíns e mobilizando un sector da cidadanía contra todos os males que representa a España opresora, o menosprezado inimigo exterior.

O único que converte unha revolución en respectábel é a vitoria. De aí que o Govern estea capitaneado por persoas caracterizadas pola súa inmoderada adhesión ao esencialismo mesiánico do independentismo. Pero é posíbel que o seu relato vitimista –tan poderoso e eficaz– careza do apoio cidadán amplo esixíbel nestes casos; que non suscite a simpatía internacional que precisa; e que subestime a capacidade do Estado de reprimir a revolta, o cal explicaría a abraiante precipitación e improvisación con que actúan os nacionalistas cataláns.

En España, entrementres, as elites, concentradas na súa tradicional actividade de saqueo e sorprendidas polo vertixinoso crecemento do secesionismo, reaccionaron dun xeito antidemocrático e xesticulante para evitaren o éxito das súas homólogas catalás. Esta batalla poderíana gañar: á fronte do executivo e da potente maquinaria do Estado atópase un dos seus homes, un nacionalista español que preside tamén o extremista partido incendiario que prendeu este lume e que agora, tras anos de arrogante tancredismo, finxe actuar de bombeiro.

As elites neoliberais –tamén as catalás e as españolas– son expertas en manipularen a opinión pública e en eludiren a fiscalización democrática dos seus actos co obxectivo de aseguraren, alén dos avatares políticos, a continuity of government, é dicir, a preservación dos elementos centrais do capitalismo. Alguén dirá que a teoría de elites non explica, nin sequera en parte, o que está a suceder entre Cataluña e España. Pero iso sería tanto como ignorar por completo os intereses de clase e mais a capacidade de mobilización de recursos das oligarquías. E iso é exactamente o que lles interesa.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.