0 Gardados para despois

Pepe Arias e Rafa do Pico

Cataluña e nós

Durante estes días vemos innumerables artigos, posicionamentos e manifestos solidarios con Cataluña fronte unha realidade despótica, a que leva a que o goberno de Mariano Rajoy poida laminar as competencias dunha autonomía en menos de quince días no que algúns proclaman como “o Estado máis federal de Europa”. O que buscamos con este artigo non é denunciar a evidente supresión de dereitos civís e os impedimentos antidemocráticos para exercer o dereito a decidir, se non analizar como o que acontece en Cataluña afecta ao que nós pretendemos facer na Galicia do século XXI.

Atopamos a primeira liña de discrepancia en relación á natureza do procés. Existen, nese sentido, dúas valoracións que consideramos erradas. Nin estamos diante dun conflito ente as elites catalás e españolas como afirma unha parte da esquerda española, nin estamos diante dun conflito que ten o seu centro na cuestión identitaria. Que acontece entón en Cataluña?

Por unha banda, o proceso soberanista é a principal brecha que nestes momentos ten aberto o Réxime do 78. É un desafío que, como vemos estes días, pon en evidencia as carencias da democracia no Estado español. O procés non é consecuencia exclusiva da acción das diferentes expresións orgánicas do catalanismo político. Sen pretender retirar relevancia a eses continxentes, o elemento clave que mobiliza a importantes segmentos da poboación é a aposta pola democratización, onde a cuestión nacional engarza cunha serie de elementos que xeran un marco complexo e onde as contradicións e os intereses enfrontados están presentes. É dicir, boa parte do que vemos en Cataluña é unha continuidade das demandas de participación e de democracia radical do 15M. É máis, podemos afirmar que se o procés existe é precisamente porque o nacionalismo catalán foi sobardado polas demandas populares.

A mesma sociedade que dera as costas a esta reforma estatutaria emerxeu no momento no que o Tribunal Constitucional cepillou parte dos seus artigos

A mecha que prende o procés é curiosa. Artur Mas negociou na Moncloa con José Luís Rodríguez Zapatero a versión definitiva do Estatut, aprobado polos parlamentos catalán e español e votado pola cidadanía cunha abstención do 51,15%. Dato relevante neste momento no que a cuestión da participación é bandeira dos que cuestionan a lexitimidade do 1-O ao mesmo tempo de que impiden a colocación de urnas. A mesma sociedade que dera as costas a esta reforma estatutaria emerxeu no momento no que o Tribunal Constitucional cepillou parte dos seus artigos, actuando despois dunha denuncia do Partido Popular. Dende aquela os acordos en despachos que a dereita nacionalista catalá tivo con PP e PSOE nas últimas décadas semellan máis complicados. Guillem Martínez fala dun procés gubernamental e dun procés popular, pero semella que se os actores do pocés gubernamental se baixan da reivindicación independentista terán un futuro incerto, podemos preguntarllo a Duran i Lleida.

Atopamos aquí a primeira diverxencia coa lectura que fai quen ostentou a dirección política do nacionalismo galego durante as últimas xoga hoxe un papel decisivo no desenvolvemento dos acontecementos en Cataluña, nin tampouco xogará nada aquí se non somos quen de conectala coas novas demandas que parten da sociedade, co empobrecemento de parte das clases medias e a emerxencia do preciariado, con novas necesidades invisibles para a esquerda clásica (a española e a nacionalista), e coa conexión da causa galega coas referencias culturais da mocidade.  Ese é o éxito do procés: poder incorporar a sectores populares alonxados historicamente do catalanismo político, conectando a cuestión nacional coas demandas dunha sociedade complexa.

Levamos demasiado tempo mantendo unha visión idealista de Galicia, que parte máis da do século XX que cunha análise obxectiva da realidade actual

Estas expresións do nacionalismo galego parten dun posicionamento ideolóxico mitificador, idealizando unha realidade que cambiou considerablemente e que xa non é esa nación de mariñeiros e labregos que debullaban os documentos do nacionalismo galego de finais dos 60 e principios dos 70. Vemos como de forma incomprensible esa descrición chega até os nosos días. Levamos demasiado tempo mantendo unha visión idealista de Galicia, que parte máis da do século XX que cunha análise obxectiva da realidade actual. Curiosamente non se teñen en conta experiencias que esas mesmas mulleres e homes protagonizaron na súa actuación política, como a experiencia da Fronte Popular. Sabemos que este argumento, o de termos un discurso desconectado da realidade e a necesidade de ter solucións para unha “sociedade aberta” - concepto que parte de Karl Popper e do liberalismo político- , se ven utilizando como coartada para xustificar os diferentes bandazos cara posicións mornas e conciliadoras nos últimos anos. Nós consideramos que, ao contrario, hai que facer unha análise para entender a complexidade das clases subalternas, apostando por unha idea de democracia que non sexa diluída polo liberalismo, e que vaia máis alá de votar cada catro anos.

Levamos algún tempo detectando que estamos diante da normalización da crise. Esta substantivase no mantemento dos elementos materiais da crise aberta a partir de 2009 - supresión de parte do sistema de benestar e precarización das condicións de vida - ao tempo que entramos nun ciclo político de desgaste, no que o horizonte de cambios a partir de procesos electorais parece pecharse. Aínda que nada é eterno, non estamos a falar da disolución do espazo de ruptura, pero si de ter que optar entre as diferentes bifurcacións que aparecen no mapa. Unha delas, pouco disimulada, propón mutacións importantes na carta de navegación en busca da pretendida moderación. Mantén todos os elementos idealistas na análise da realidade concreta e carece de valentía democrática para se posicionar con contundencia ao redor do 1-O. Curiosamente estamos a falar daqueles sectores que conforman o chamado polo nacionalista de En Marea, que mesmo atopan na aplicación do Artigo 92 da Constitución unha válvula de escape para crise catalá. Critican a proposta de Podemos de “referendo acordado” para poñer enriba da mesa a do “referendo non vinculante”. Vemos como a cuestión nacional, no debate interno de En Marea, é utilizada simplemente como unha bandeira para xustificar posicións fraccionais. Porque o autonomismo, sendo talvez excesivamente condescendentes, non é máis que unha forma de federalismo forte. Tampouco as “Bases Democráticas” que presentou nestes días o BNG mostran avances significativos nin grandes diferencias co que estamos a analizar.

Aconteza o que aconteza este 1-O, o que resulta evidente hoxe é que o futuro inmediato de Galicia xógase en parte no taboleiro estatal, e nas alianzas que sexamos quen de establecer

Aconteza o que aconteza este 1-O, o que resulta evidente hoxe é que o futuro inmediato de Galicia xógase en parte no taboleiro estatal, e nas alianzas que sexamos quen de establecer. Non falamos de pactos electorais, senon de alianzas. As mutacións que se deron na política estatal, e en concreto na marxe esquerda, merecen unha reflexión en profundidade que moitas veces non se da, incluso por aqueles axentes implicados no espazo confederal, seguramente por entender a confluencia como un espazo provisional no que gañar tempo até ter a potencia de lanzar unha marca propia. Estes bandazos, que supoñen non entender nada do que aconteceu en Galicia dende a emerxencia de AGE, debilitaron a idea de suxeito político galego e como consecuencia abren a porta para que as dinámicas estatais poidan ter unha maior influencia. Pero dentro da valoración da entrada de novos axentes, é incuestionable que Podemos é a organización de ámbito estatal que mellor asumiu a cuestión da plurinacionalidade no Estado, conseguindo que aumentase dentro da poboación española o apoio ao dereito a decidir. Non estamos diante da posición que defendeu IU historicamente, que mesmo tivo que matizala diante das detencións e ataques aos dereitos fundamentais nestes días. Que non sexa a nosa posición non significa que debamos valorar positivamente estes avances.

Pero baixando o balón ao chan, cales son os retos inmediatos que temos? A decisión do Partido Popular de editar xornais partidarios en Compostela, Coruña e Ferrol evidencia onde imos dar a batalla fundamental neste novo ciclo político. Esa é a tecla que debemos activar neste momento, a de reforzar os espazos municipalistas blindando o seu funcionamento, construíndo dende eles dous elementos que debemos atender: un programa comprensible e avanzado para o conxunto da cidadanía, e tamén un modelo de organización acorde cos postulados da nova política. Sabemos que é máis doado enuncialo que facelo, pero nestes momentos precisamos definir claramente as prioridades de transformación social, ao tempo que reforzamos a idea de democracia radical na articulación do espazo. Transformación social e participación que, por certo, foron as nosas bandeiras na Primavera Municipalista.

Manter o horizonte estratéxico, prepararnos para os vindeiros desafíos e rematar coa deriva conservadora. Sen unidade dende a diversidade, sen Unidade Popular, non conseguiremos mudar a correlación de forzas e abrir un novo horizonte de cambio, onde poidamos saír desta situación de prostración como nación.

Acerca de Pepe Arias e Rafa do Pico