0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Que aprendemos até o 1 de outubro en Cataluña?

Aprendemos, por exemplo, que a nation building catalá constitúe un éxito rotundo. No século XIX, a Renaixença puxo en marcha un proceso que se acelerou nos últimos 30 anos. Xa en 1989, o Parlament afirmou o carácter nacional de Cataluña, e desde entón asistimos a unha permanente confirmación desta resolución mediante unha reiterada e teimuda manifestación da vontade cidadá. Pero que Cataluña sexa unha nación non significa que sexa titular do dereito de autodeterminación: non é unha colonia, senón un país rico, e a súa cidadanía vive nunha democracia.

Aprendemos, por exemplo, que o Goberno de España, controlado polo PP, non quixo ver as consecuencias que en Cataluña ía ter o seu labor de recentralización, o seu inmobilismo, a súa xudicialización do debate político, as súas clases de constitucionalismo para dummies impartidas á cidadanía desde todos os foros imaxinábeis. Non quixo ver nada diso ou, peor aínda, pensou tirar diso proveito electoral. Despois de todo, en Cataluña só ten un 8,5% dos sufraxios, conque se centra en gañar votos en España fomentando a desinformación desde as institucións e os medios públicos. Que o partido máis importante de España (e de Galiza!) faga tamaño alarde de irresponsabilidade resulta moi preocupante, pero axuda a comprender o alcance da súa antidemocrática e desesperada decisión de impedir, mesmo pola forza, o referendo sobre a independencia do 1 de outubro. Por desgraza, agora mesmo é difícil imaxinar a maneira de atraer o PP cara á moderación e a centralidade política.

Aprendemos, por exemplo, que o secesionismo creceu dun xeito espectacular desde que, en 2010, o desprestixiado Tribunal Constitucional decidiu esnaquizar, a instancias do PP, un Estatut pactado entre os parlamentos catalán e español e votado en referendo pola cidadanía catalá. Daquela empezou a callar, en plena crise económica e alentado por unhas elites tan neoliberais como as de Madrid e Bruxelas, un discurso moi emocional, esencialista, vitimista, mesiánico e taumatúrxico, masivamente difundido polo Govern e os medios públicos. Nas eleccións chamadas plebiscitarias do 27 de novembro de 2015, as candidaturas independentistas obtiveron case o 48% dos votos (máis de 1.900.000), o cal revelou naquel momento un apoio enorme pero aínda insuficiente á separación. Porén, houbo case 470.000 votos a maiores a prol dun referendo, así que case o 60% do electorado catalán deixou claro o seu desexo de ser consultado acerca da independencia. Este último dato foi incorporado á folla de ruta secesionista para pór en marcha o actual proceso revolucionario.

Aprendemos, por exemplo, que os independentistas e os unionistas deberán elixir entre o pacto e a vitoria. Non cabe dúbida ningunha de que, tanto en termos políticos como morais, nin a insurrección nin a represión son camiños desexábeis; é preferibel unha abordaxe desdramatizada, racional, dúctil, pragmática, realista, paciente e leal. Necesitamos actores políticos responsábeis e temperados, con sentido de Estado e boa fe, dispostos a propiciaren un cambio cultural, a facerlle comprender á cidadanía que o seu país é moi complexo, que un referendo en Cataluña é ineludíbel e que o mellor que nos pode pasar é atoparmos unha fórmula federal, xusta e solidaria, con soberanía compartida entre Cataluña e España. Necesitamos líderes cataláns e españois que non se envolvan en bandeiras para agacharen o seu ideario patrioteiro e reaccionario, que non nos mintan e que non nos manipulen. A non ser que prefiramos –da man de salvadores da patria iluminados con ínfulas martiriais e de fanatizados machos ibéricos de palo y tiente tieso– saírmos disparados como balas cara ao escenario máis traumático.

Aprendemos, por exemplo, que a Constitución, que, como a maior parte das leis fundamentais, non prevé como abordar un conflito como este, xa non ofrece unha acomodación axeitada para Cataluña e coloca os actores políticos ante un dilema. O referendo acerca da independencia carece de soporte xurídico (non só no dereito español, senón tamén no comunitario e no internacional público), pero é demandado dunha maneira nítida por parte da cidadanía, e isto é algo que unha democracia non pode ignorar de ningunha maneira. Impóñense a reforma constitucional e mais unha lei de claridade. Aprendemos todos moitas cousas, e agora convertémonos nos únicos responsábeis de aplicar os nosos coñecementos. Se somos intelixentes e xenerosos saberemos como traballarmos a prol da convivencia e da paz. En caso contrario, se non aprendemos nada, seremos os únicos culpábeis da catástrofe.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.