Cínicos

Para o dicionario da RAG, o cínico é aquel que “fala ou actúa con falta de pudor ou recato” ou “mente con descaro”. En La ideología española (2006), Enrique Gil Calvo intenta atopar un concepto operativo para a política e fala do cínico como aquel que “sortea la legalidad con impune ventajismo y busca instrumentalizar a los poderes públicos para explotarlos en propio beneficio aún a riesgo de debilitarlos”. Para Gil Calvo, de feito, o cinismo é unha característica da cultura política española; tamén, puntualizamos, dos nacionalismos catalán e español. Desta práctica sistemática de utilizar o poder institucional en beneficio propio forma parte o control da opinión pública mediante, por unha banda, un discurso destrutivo e polarizador, que desfigura a realidade para impor un relato subxectivo, e, por outra, o conseguinte mesianismo redentor.

Xa durante o primeiro mandato de Rodríguez Zapatero, Cataluña foi utilizada cinicamente polo PP para desgastar o executivo. Os mesmos actores que daquela, no marco do que se chamou a estratexia da crispación, non tiveron inconveniente ningún en deslexitimar o poder político e en organizar unha campaña contra Cataluña –o Estatut ía balcanizar España!–, son os que agora deben xestionar a reacción do Estado fronte á revolución que contribuíron a desencadear, ignorando á mantenta –como auténticos antisistema– o principio de que cos asuntos de Estado non se xoga xamais. E eses mesmos actores, concentrados na súa inveterada actividade de saqueo, actuaron en todo momento cunha arrogancia e cunha intransixencia tales que nin sequera consideraron necesario pensar nun novo modelo de gobernanza multinivel que neutralizase o relato que as elites secesionistas catalás estaban a elaborar.

Este relato separatista sostén agora, co seu vitimismo en fase paroxística, que España viola sistematicamente os dereitos humanos dos cataláns, cidadáns todos eles virtuosos e mártires dun ideal democrático que só a república independente será quen de encarnar. Que isto suceda nun país rico como Cataluña resulta significativo, porque é precisamente nalgúns territorios europeos acomodados –Flandres ou a chamada Padania do norte de Italia– onde atopamos, neste contexto de crise financeira global, os movementos separatistas máis activos, aguilloados pola oportunidade de desfacerse do lastre das rexións máis pobres, percibidas como parasitarias, e optimizar así o seu financiamento (claramente mellorábel, desde logo, no caso catalán).

As medidas propostas o 21 de outubro polo Goberno de España en aplicación do previsto no artigo 155 da Constitución suporían unha suspensión de facto da autonomía catalá: limitación das atribucións do Parlament, cesamento dos membros do Govern e asunción do poder executivo por parte do Goberno de España, cuxo xefe –que cinicamente declarou que nunca quixo implementar o artigo 155– tería un máximo de seis meses para disolver a cámara lexislativa e convocar eleccións autonómicas. O feito de que as medidas sexan tan severas e que a súa aprobación por parte do Senado non sexa inmediata podería incentivar o presidente da Generalitat a convocar os comicios nos próximos días coa finalidade de limitar a duración e minimizar os efectos da suspensión da autonomía.

Porén, os secesionistas tamén poderían intentar que a coerción federal que induciron se esnafre contra a rebelión institucional e contra a axitación cidadá, dous obstáculos difíciles de franquear para unha democracia. O impacto mediático das medidas adoptadas serviría para espallar a imaxe de España como Estado autoritario, máxime se as cámaras gravasen novas escenas de contundencia policial excesiva. O independentismo dispón dun eficiente aparato propagandístico, ben nutrido con fondos públicos. O lacrimóxeno vídeo “Help Catalonia. Save Europe”, colgado en YouTube o 16 de outubro por Òmnium Cultural, foi reproducido xa preto de 1.800.000 veces. A propaganda revélase aquí como un exercicio de cinismo dirixido a disimular o feito de que, por romántica que queira parecer, simplemente non hai maneira ningunha de fundamentar democraticamente a declaración de independencia do 10 de outubro.

No intercambio epistolar do 16 e do 19 de outubro entre os presidentes da Generalitat e do Goberno de España, ambas partes, enguedelladas en cadanseu discurso nacionalista, apelaron cinicamente ao diálogo: a catalá para negociar só a independencia, a española sen nin sequera mencionar a posibilidade dun referendo legal. Como se aínda non estivese claro que o que se vai necesitar, agora e tras as próximas eleccións autonómicas, é un acordo democrático: os secesionistas, a quen habería que lembrarlles que apenas hai exemplos de separacións conseguidas pacificamente, deben retornar de inmediato á legalidade, e os unionistas deben aceptar unha consulta sobre a relación entre Cataluña e España. Despois de todo, ao día seguinte de atoparmos unha solución, o adversario –cuxo retrato deformamos até convertelo nunha caricatura odiosa– seguirá aí e teremos que convivir con el.

Ou a nosa democracia se reinventa para osixenarse e para encaixar a nación catalá en España ou corremos o risco de perdermos ambas: a democracia e mais Cataluña. Mentres tanto, e fronte á poderosa tentación de retraernos, alimentada pola sensación de noxo cando observamos os peores actores políticos imaxinábeis xestionando a crise constitucional máis grave da nosa historia, cómpre aferrarnos á heterodoxia no medio deste debate fanatizado, cómpre renegarmos de tanta picaresca infantil e destrutiva e cómpre denunciarmos civicamente a manipulación ideolóxica e a presión emocional a que nos someten uns e outros para arrastrarnos á desfeita que eles mesmos causaron e que quizais ningún deles poida xa evitar. Cínicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.