0 Gardados para despois

Laureano Araujo

‘Catalunya i Espanya a la tardor’

Tras as descoloridas declaracións de independencia do 10 e do 27 de outubro, o unionismo recibiu con alivio o anuncio do presidente Rajoy das medidas adoptadas ao abeiro do artigo 155 da lei fundamental. Para moitos que non simpatizan co PP e non esquecen a súa irresponsabilidade política, a xogada de Rajoy é a primeira que merece admiración, malia as moi serias dúbidas constitucionais que suscita. O restabelecemento do Estado de dereito mediante a disolución do Parlament, o cesamento do Govern e a convocatoria de eleccións autonómicas para o 21 de decembro –ás cales pode presentarse sen trabas o mesmo nacionalismo catalán que clama contra a tiranía española–, dificultan a manipulación da axenda política ao abrir canles regradas de expresión das distintas opcións, descolocan os sectores unionistas máis radicais, poden fragmentar o independentismo e van someter o argumentario propagandístico secesionista a un severísimo test de estrés.

A denuncia que fan os separatistas da represión a que o Estado disque somete os cataláns ten un aquel paradoxal, porque, para xustificaren a independencia, os revolucionarios non poden de ningunha maneira invocar a súa condición de líderes democráticos dunha maioría cidadá. De feito, impuxeron a secesión dunha maneira raposeira e autoritaria, contando probabelmente –razóns non lles faltaban– con que o Estado reaccionase dun xeito violento e os armase de lexitimidade, ante a Unión Europea e a comunidade internacional, para forzaren unha negociación. Para eles, as medidas relativamente asépticas tomadas por Madrid son, neste sentido, moi inconvenientes. Con todo, a implementación da coerción federal –que implica a suspensión de facto da autonomía– podería atoparse con atrancos importantes, o primeiro dos cales sería a resistencia dun movemento independentista disciplinado, motivado e disposto a facer sacrificios, así como a desobediencia ou a obstrución dunha parte das institucións catalás. As previsíbeis querelas da fiscalía contra o president e os consellers cesados, así como contra a mesa do Parlament disolto, poderían animar a insubordinación. A priori, as condicións obxectivas para un conflito civil están dadas.

Pero, aínda no suposto de que cheguemos aos comicios en condicións óptimas, o 22 de decembro espertaremos e veremos que o independentismo segue aí. Se cadra volverá quedar algo por debaixo do 50% dos sufraxios, así que haberá que buscar unha solución a longo prazo. Cataluña terá que decidir, nunha consulta non binaria, se opta polo statu quo, se quere asegurar un maior nivel de autogoberno dentro de España ou se prefire independizarse. E España, inmersa nunha deriva recentralizadora avalada por un Tribunal Constitucional moi politizado e desprestixiado, terá que recoñecer a súa condición plurinacional, adaptar a súa gobernanza multinivel a esta realidade e aceptar a posibilidade de que unha nación como a catalá poida desexar, tras tomar unha decisión consistente, seguir o seu propio camiño. Un referendo sobre a relación entre Cataluña e España é democraticamente ineludíbel, se o que queremos é atoparmos un arranxo democrático e pacífico que nos evite o desenlace humillante e traumático a que podería conducirnos o fracaso colectivo maiúsculo que estamos a fraguar. Galiza, entrementres, non é nin está ni se la espera.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.