0 Gardados para despois

Diego Sande Veiga

Cal é o futuro do comercio internacional de alta tecnoloxía en Galicia?

É por todos coñecido que vivimos actualmente nun mercado crecentemente globalizado. As relacións entre as diferentes economías mundiais tórnanse cada vez máis interdependentes, de maneira que un suceso acontecido nunha delas pode ter un efecto sobre outra. Esta relación de dependencia esténdese tamén aos axentes que participan delas. Un exemplo disto témolo na última crise financeira, na que moitos expertos localizan como detonante da mesma o acontecido coas hipotecas subprime nos EE.UU., contaxiando con posterioridade ao resto dos países.

Nun contexto económico marcado polo aumento das interaccións entre as economías e axentes, é obvio pensar que as relacións comerciais internacionais tamén se viron influenciadas na mesma dirección. Estas non só se intensificaron por esta causa, senón que nas economías como a española, con fortes caídas da demanda interna debido á crise económica, trataron de incrementar as súas exportacións como unha posible saída a esta problemática.

Nesas circunstancias e apuntando cara o futuro, cobra especial sentido e importancia unha análise do acontecido coas exportacións galegas, poñendo o foco nos datos relativos á alta tecnoloxía. Que sectores presentan maior equilibrio importacións-exportacións? Están estas exportacións crecendo ou diminuíndo? En que sectores de alta tecnoloxía estamos gañando terreo? En cales perdendo? Son algunhas das preguntas que nos poden xurdir e ás que trataremos de dar resposta.

En canto ás dúas primeiras preguntas, podemos empregar parte da información sobre os índices de valor unitario encadeados de importacións-exportacións elaborada polo IGE. Os índices de valor unitario encadeados baséanse na selección anual de grupos de produtos homoxéneos chamados clases elementais das que se obteñen valores unitarios (como aproximación de prezos). Cos valores obtidos realízanse comparacións interanuais que logo se encadean para obter os índices (IGE, 2010). Unha das súas principais utilidades é, ademais de comprobar a evolución dos prezos das exportacións e importacións, seguir a evolución do comercio exterior e a servir de instrumento para construír índices de  competitividade.

Se observamos  o gráfico 1, compróbase como o valor unitario das exportacións é superior ó das importacións nas tres áreas das que dispón de información o IGE a final do período: agricultura e gandaría, industrias extractivas e industria manufactureira. Esta circunstancia non se produciu todos os exercicios, como se pode visualizar para o caso das industrias extractivas (en vermello). Véxase:

Gráfico 1: Diferenza dos Índices de Valor Unitario encadeado Exportacións-Importacións, Galicia 2007-2016

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE, 2017

Sen embargo, se nos fixamos nas tendencias si que é posible observar outra característica un pouco máis preocupante. No caso da industria manufactureira, en color verde no gráfico, compróbase a persistente caída na diferenza de valores desde 2012. Xa que pretendemos ollar cara o futuro, cómpre neste punto afondar na análise do que está acontecendo coa nosa industria punteira para saber en que non estamos a ser competitivos. Tomemos, xa que logo e nunha reflexión da que se poidan extraer coñecementos para a planificación estratéxica, os datos que fan referencia aos saldos de exportacións-importacións de alta tecnoloxía.

Se observamos o gráfico 2, destácase en primeiro lugar a evolución positiva no período do comercio exterior relacionado con produtos químicos (amarelo), seguido polo incremento nos produtos farmacéuticos (morado). Para o resto de sectores -agás para a maquinaria e equipos mecánicos que manteñen cifras similares a inicio e final de período tras evidentes oscilacións- a evolución é distinta, con caídas dos valores no conxunto do período nalgúns casos, e desde 2014 noutros. Así, sectores como a construción aeronáutica, ou a área TIC co material electrónico e equipos de comunicación, os instrumentos científicos e a maquinaria e material eléctrico estarían perdendo relevancia á hora de xerar volume de comercio exterior. Un caso destacado é o da aeronáutica, no que está a producirse un  evidente problema, tendo en conta os recursos destinados pola administración nestes últimos anos a un sector que quizais non conte co ecosistema apropiado para a evolución pretendida. Vexan a seguir os datos: 

Gráfico 2: Saldo Exportacións-Importacións de produtos de alta tecnoloxía, Galicia 2007-2016 (miles de euros)

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE, 2017
*Nota: Non se inclúen no gráfico os datos para os sectores de fabricación de armas e de maquinaria de oficina por ser menores a 6M€. Ambos presentan valores negativos no período.

Ao tratar de efectuar unha análise deste tipo non se pode esquecer o contexto internacional, nin se debe caer no curtopracismo, e se ben os resultados tampouco poden ser illados da incipiente terciarización da economía, o certo é que as cifras poderían estar a reflectir unha perda de competitividade no contexto global en varias áreas do noso sector industrial.

Máis alá de posibles situacións circunstanciais do mercado, o modelo ultraliberal seguido caracterizado pola ausencia dunha política industrial claramente definida e a inexistencia dun plan de innovación que sitúe a esta última como elemento transversal do desenvolvemento, é un factor que non se pode obviar. É nese laissez-fairé que está a ofrecer resultados negativos en múltiples sectores no que queremos fundamentar o futuro económico en Galicia? Deixamos o barco á deriva da ditadura dos mercados ou cara onde queremos ir?

 

Bibliografía

IGE (2010). Índices de valor unitario encadenados. Referencia año 2010 . Obtido o 25 de 10 de 2017, de http://www.ige.eu/estatico/pdfs/s3/metodoloxias/met_ivus_ref_2010_es.pdf

Acerca de Diego Sande Veiga

Doutorando no programa de Economía e Empresa da USC, onde se licenciou en Administración e Dirección de Empresas. Traballador do ámbito público cun percorrido que, dentro da súa xuventude e entre outras experiencias, inclúe xa o paso pola empresa pública, pola administración autonómica e por dúas das universidades do SUG. A súa conciencia social móveo a participar activamente e desde moi novo no terceiro sector e a estar atarefado na construción doutra Galicia, doutra Europa e doutro mundo que si son posibles.