0 Gardados para despois

Beatriz Figueroa

Cando baixa a marea (rosa)

Durante o pasado mes de outubro as actividades dedicadas ao cancro de mama parécenme sobreactuadas. A cidadanía necesita exteriorizar as súas boas accións para sentirse responsable e comprometida. Para moitas persoas, inconscientemente, participar nestas mareas rosas e consumir mercadotecnia é unha forma fácil de visibilizar publicamente como xa achegaron o seu gran de area. Despois seguen coas súas vidas de confort coma se xa fixeran o que debían e quizais todo o que poden, pensarán a maioría, por esta "boa causa".

Hai unha certeza: ás boas persoas aféctanlles as inxustizas e a dor inmerecida que sofren outras persoas. Algunhas van máis aló e realizan boas accións e hai quen, talvez as menos, necesitan exteriorizarlas, xa que só dese xeito poden sentirse responsables e comprometidas, ignorando que a responsabilidade e o compromiso xenuínos deixan atrás a propia satisfacción. Trátase dunha sobreactuación que non está pensada nin dá apoio ás enfermas que senten e padecen unha dura realidade social e laboral máis aló do rosa. A gran maioría das persoas participantes nestas mareas rosas descoñecen o longo proceso da enfermidade.

Para todas as que a vivimos tamén nos foi allea no pasado e moito menos poderiamos imaxinar que nese duro transo pasariamos do confort dunha vida saudable á exclusión social en e pola enfermidade. Desde o ámbito da saúde pública fálase de que esta enfermidade é a maior epidemia da era moderna. Aínda así recoñezo que sinto calafríos cando escoito a palabra "C". Dáme vertixe pensar nesta palabra porque cando a padeces xa nada volverá ser como antes: avidanonsegueigual.

Entendo que as persoas queiran vivir tranquilas e non darlle máis importancia da que teñen a eses pequenos detalles da vida cotiá: ter un teito baixo o que vivir, alimentos que levar á boca, prendas que as abriguen. Mulleres aínda enfermas e, outras moitas, sobreviventes de cancro de mama dan gran valor ao que antes tiñan: as necesidades máis básicas do ser humano suficientemente cubertas.

Nestes anos miles destas mulleres escribíronme testemuños tan dramáticos como valentes por atreverse a ir contracorrente do imperante e tiránico pensamento positivo vinculado ao rosa ao que estamos obrigadas as mulleres que padecemos cancro de mama. Iso non quere dicir renderse, todo o contrario. Preservar a vida é o primeiro e non serei eu quen negue que non podemos aforrar esforzos para vencer o cancro sen perder en ningún momento a esperanza. Reivindicar os nosos dereitos con responsabilidade nun Estado Social non é ser pesimistas senón realistas cando as perspectivas científicas indican que a realidade da loita contra esta enfermidade require unha protección especial no ámbito social e laboral.

O 19 de outubro celebrouse o Día Mundial do Cancro de Mama e é motivo de satisfacción colectiva o incremento de mulleres que o superan. O que me molesta é do que nunca se fala. Nin a enfermidade nin a supervivencia é un camiño de rosas, nin de cor rosa. Nós libramos un pulso a vida ou morte. Con todo, o tan desgastado Estado de Benestar, mentres ou despois, non ten cubertas as necesidades máis básicas. Abandónanos a nosa "boa sorte" de sobrevivir, sen darnos recursos para facer fronte ás secuelas psicosociais, a incomprensión das físicas porque "xa estás curada" e á realidade da discriminación social .

O ambiente festivo das coloridas carreiras tinguidas de cor rosa oculta a cara cruel do cancro que, en demasiadas ocasións, pregúntome por outra banda se lle importa a alguén. Os muros de Facebook, as fotos de perfil de WhatsApp, os tertulianos da televisión, políticos de todas as ideoloxías mostran un lazo rosa para dicirlle ao mundo que se solidarizan co cancro de mama. Como paciente agradezo o xesto. Eu tamén o fixen cando confiaba que ante esta fatalidade non me quedaría totalmente desprotexida. O cancro deixoume espida, do mesmo xeito que a miles de enfermas, sen ningún dos dereitos que a Constitución Española, ultimamente na boca de todos, me garantía: unha protección social suficiente en caso de necesidade. Cústame ver a "suficiencia" en 426 euros para, ademais de pagar o 40% dos meus moitos medicamentos, satisfacer as necesidades básicas de vivenda, alimentación e vestido cando estás privada do ben máis prezado: a saúde.

Do día 19 é para min imposible esquecer o lazo rosa que lucían na súa solapa políticos que nos representan no Congreso. Son os mesmos deputados das comisións de Sanidade e Emprego e Seguridade Social que non contestaron o correo que lles envíe en xuño falándolles desas mulleres que senten desafiuzadas despois de sobrevivir a un cancro de mama. Coa súa falta de resposta, eses políticos desluciron o seu xesto de porse un lazo rosa porque ignoraron a máis 640.000 cidadáns que asinaron para un cambio de lei da Seguridade Social. Eses políticos negáronme a oportunidade de estar no Congreso ese día como voz de mulleres, con ou sen lazo rosa, que mentres ou despois de curarnos dun cancro non queremos que se nos mate de fame.

O cancro non ten preaviso, tampouco compaixón e a maior parte das veces atópanos coa ardua tarefa de vivir inconclusa. Se o vencemos deberiamos poder continuar esa tarefa de vivir con moita máis intensidade. En cambio, o actual sistema non vai máis aló da saúde, privando ás persoas enfermas da dignidade por falta de recursos económicos.

Como os nenos, anciáns e animais son pasto fácil das lapas que sen clemencia arrasaron miña querida terra galega, enfermas de cancro de mama e as que xa recibimos a alta médica quedamos excluídas do mesmo sistema que ironicamente nos salvou a vida. O cancro deunos outra oportunidade, a mesma que despois nos nega o sistema e a sociedade.

Vostedes este mes de outubro xa cumpriron co seu compromiso rosa anual. Ata o próximo 19 de outubro sigan co seu día a día e gocen desas pequenas cousas tan cotiás como subestimadas. Moitas de nós non podemos a pesar de matar ao "bicho".

Acerca de Beatriz Figueroa