0 Gardados para despois

Laureano Araujo

España é unha ditadura fascista

Vivimos nunha ditadura fascista e sabémolo ben. Despois de todo, xa padecemos unha hai tempo, durante décadas. Para empezar, a ideoloxía oficial é claramente antidemocrática e antiparlamentaria. No canto de eleccións libres, o que temos aquí é unha permanente mobilización das masas dirixida a crear unha aparencia de adhesión sen fisuras á ditadura. Os concellos, os parlamentos autonómicos e as Cortes Xerais forman parte dunha estrutura de poder piramidal que culmina no noso líder carismático, fonte de todo poder lexislativo, executivo e xudicial. As eleccións están amañadas para que as gañe sempre o partido único. Á oposición oficial asígnaselle un voto residual que disque lexitima o sistema.

O culto á figura do noso líder crea unha sensación de ubicuidade moi angustiosa: monumentos, carteis, cuñas propagandísticas nos medios de comunicación. Cando pasamos por diante dun lugar onde se atopa unha representación do noso líder debemos amosarlle o respecto preceptivo. Algúns evitan eses sitios e dan grandes rodeos polas rúas adxacentes, pero hai que ter coidado, porque o exército, a policía e os grupos paramilitares están ao axexo e non é o primeiro que pillan in flagranti. En realidade, o peor non é que as nosas rúas parezan invadidas polos uniformados: o peor é que estes homes controlan todos os recursos do Estado, da sociedade e da economía.

A oposición –a verdadeira, non a que a ditadura utiliza como coartada– está duramente reprimida e malvive na clandestinidade. Moitos dos seus dirixentes están na cadea, e moitos foron torturados e executados. As súas ideas e as súas accións non se difunden nin na radio, nin na televisión, nin na prensa de papel, nin na internet. Por suposto, toda manifestación é reprimida ipso facto. E cando dicimos manifestación non nos referimos unicamente á política, senón tamén ao mundo do traballo. Obviamente, os sindicatos están perseguidos. No seu lugar funciona un órgano paritario de ordenación das relacións laborais onde as propias autoridades designan os presuntos representantes dos empregados.

A xenofobia e o racismo están institucionalizados, de tal maneira que as persoas pertencentes a outras etnias e nacionalidades viven apartadas en barrios periféricos e acoutados. Nos autobuses urbanos, estas persoas só poden viaxar nos asentos da parte traseira. Este miserento mundo paralelo onde habita unha parte da nosa sociedade comprende medios de transporte, servizos públicos e sociais, restaurantes, cines. Tamén o sexismo está elevado á categoría de ideoloxía oficial. Todas as nosas elites son masculinas. As únicas mulleres en posicións de liderado son as que dirixen as organizacións femininas centradas en educar as mulleres nos valores tradicionais de submisión.

A persecución da intelectualidade e das artes é particularmente brutal. Se vostede está a ler este artigo é porque ten acceso á internet profunda, dado que os medios de comunicación están, sen excepción, ferreamente controlados. Todo isto forma parte dunha práctica de violacións masivas e sistemáticas dos dereitos humanos do conxunto da cidadanía. Non hai nada parecido á liberdade de expresión, de tal maneira que os cárceres están ateigados de presos de conciencia. Vivimos nunha ditadura fascista e sabémolo ben, porque fomos quen de aprender da nosa experiencia histórica.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.