25 de Novembro. Defender o obvio

Nuns días estaremos conmemorando o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data sinalada para reivindicar a loita feminista e sensibilizar á cidadanía sobre unha violencia que, dende sempre, se manifesta como un abano de violencias.

A violencia machista que perpetra centos de asasinatos de mulleres é unha violencia que habitualmente só se visibiliza por unha grande parte da sociedade nos casos máis extremos de asasinatos representando a expresión máis detectable, pero cando xa é demasiado tarde. Fronte a isto, temos que manifestar con nitidez que a violencia machista é responsabilidade da sociedade no seu conxunto, facendo fincapé en que, de non encararse a violencia patriarcal en todas as súas vertentes, os asasinatos seguirán producíndose.

É esencial implicarse na formación da sociedade en igualdade de xénero e feminismo como ferramenta para loitar contra o heteropatriarcado, tendo en conta que non sempre máis información é igual a máis formación, e a tenor dos acontecementos das últimas semanas ben se pode asumir que a falla de formación en igualdade de xénero... é moita.

Así, nos últimos tempos vivimos situacións vergoñentas, dende a noxenta protección aos violadores dos “sanfermíns” e o desprezable cuestionamento da vítima que fixo saír á rúa a centos de mulleres, ata o cartel da Xunta -precisamente sobre o 25N- onde se cosifica á muller como un obxecto grande pero fráxil, catalogable como un monumento, como parte da sociedade non emancipada, algo a protexer polo homes: o que a sociedade machista ten que coidar e tutelar. Ou sexa... o de sempre. Todo isto pasando pola custodia compartida imposta agochada baixo a alfombra da Iniciativa Lexislativa Popular de Corresponsabilidade, onde se intenta aplicar xudicialmente a custodia compartida imposta dos e das menores na separación, sen o acordo das partes. Unha ILP que só axudaría a elevar ao nivel de conflito e poñer en perigo o benestar e a estabilidade das e dos menores, sen ter presente unha realidade onde as mulleres seguimos a ter a responsabilidade de atención e coidado destas e destes.

Ou nos colocan, coma no caso da campaña do Goberno central, retirada  polas denuncias do feminismo, como posibles obxectos de violación. Xustificando que unha rapaza poida ter unha “mala experiencia sexual” se bebe alcol ou mesmo ser violada ou abusada. ¡Como non iamos desconfiar do Goberno! Outra vez volven poñer nas mans das mulleres a responsabilidade das relacións sexuais non consentidas e non nos agresores,  promovendo unha cultura da violación tan arraigada na sociedade patriarcal. Cando van aprender que non somos nós quen debemos cambiar o noso comportamento para non ser agredidas, senón  sinalar o verdadeiro culpable,  o agresor!

Por non falar duns orzamentos que reiteradamente tanto na Xunta coma no Congreso deixan patente que o do “Pacto de Estado” era un chiste para algúns e que, como xa advertiamos moitas, non se ía tratar máis que dun brinde ao sol. Estamos convencidas de que as violencias machistas non se erradican unicamente a través das escasas medidas que ofrece o goberno da Xunta, que non dan resposta á problemática real que representa a violencia de xénero e o único que conseguen é parchear o problema. As institucións deben abordar o machismo dende unha forma integral, por medio de políticas de prevención, sensibilización e detección, facendo fronte ás estruturas patriarcais aínda enraizadas na sociedade.

Ou cando o estamento xurídico pode avalar a vitimización secundaria dunha rapaza violada, obrigada a xustificar porque trata de refacer a súa vida. Cuestionando o seu consentimento ante unha violación. Como non iamos desconfiar! Como non nos imos alporizar!

Foron decenas os artigos escritos estas semanas a teor desta barbaridade e centas as mulleres que se botaron ás rúas para denuncialo. Seguramente sería difícil aportar xa a estas alturas novos argumentos.

Sen embargo, o que si podemos dicir é que esta situación evidencia que estamos en tempos de ter que defender o obvio. Ter que defender que as mulleres agredidas teñen dereito a refacer a súa vida, a non ser vítimas eternamente. Ter que defender que as mulleres non somos fráxiles obxectos a protexer. Ter que defender que se unha muller se emborracha iso non da permiso a ninguén para abusar dela.

Dá vertixe pensar en ter que defender o obvio. Porque é síntoma de que seguimos a vivir nunha sociedade profundamente machista. Cunhas administracións reflexo do mesmo. O feminismo conseguiu avances nestes últimos anos, si. Pero, por desgraza, aínda é necesario facer pedagoxía do máis básico. Sinalar, mostrar o que, ás veces, tras unha educación nunha sociedade machista moitos non ven.

Todas e todos sabemos que a maioría dos casos de violencia de xénero non se denuncian. Non falamos só de violencia física, obviamente. Quedou patente en cada comparecencia na pasada Lexislatura da Comisión sobre violencia do Parlamento de Galicia. Os colectivos feministas, profesionais e aqueles que traballan coas vítimas do machismo constataban que a violencia psicolóxica, económica, rara vez se denuncia.

Nun país onde a violencia machista é un problema de saúde e un problema social de primeira orde, Como pode alguén defender a custodia compartida imposta? Pode alguén asegurar que a calquera muller á que se lle aplique non vai ser alguén que este a sufrir o machismo? Pode alguén asegurar que se regula non se lle vai poder estar dando máis desprotección ás mulleres e as súas fillas e fillos?

Como sabelo se a maioría da violencia psicolóxica non remata nun xulgado?

Unha vez máis, hai que sinalar o obvio.

Agochar a custodia compartida nunha presunta ILP de Corresponsabilidade é unha argucia máis de quen só mira o seu interese propio e obvia a situación de violencia na que viven decenas de milleiros de mulleres e menores, unha nova argucia do machismo agochado detrás da reivindicación feminista da conciliación.

Normal que teñamos que desconfiar, que denunciar. Que o feminismo teña que ter que explicar e defender o máis obvio. Farémolo sen cansar, non cabe dúbida, ata que ningunha muller sexa cuestionada por refacer a súa vida. Farémolo ata que as administracións deixen de impoñernos a desigualdade. Farémolo a pesares de que saibamos que, por desgraza, estamos tendo que defender o obvio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.