0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Autonomismo, federalismo ou independencia?

Na Friedrichstrasse atópase a libraría Dussmann, un dos lugares de Berlín onde máis apetece refuxiarse do frío. Son varias plantas luminosas, cálidas e tranquilas, cheas tamén do merchandising que fai as delicias de quen non entende estas datas nevadas do nadal sen a súa tradicional dose de kitsch. Aquí todo parece limpo e claro, con miles e miles de lombos de libros que son como entradas amábeis a mundos fascinantes aínda por coñecer.

Desde a distancia, o que sucede en Cataluña e en España parece que se ve con especial nitidez. O 22 de decembro saberemos se as tres candidaturas independentistas obtiveron máis votos que as demais nas eleccións ao Parlament. Se fose así, o secesionismo, que se atopa en estado de shock postraumático, volvería á carga, aínda que de entrada conxelaría quizais o seu proxecto estratéxico para aprender dos erros cometidos. De modo que seguiriamos pendentes da única solución democrática posíbel: un referendo legal. A cidadanía catalá quere seguir a ser unha Comunidade Autónoma, quere converterse nun Estado dunha federación plurinacional ou prefire escindirse de España? Se os cataláns optasen pola secesión, estariamos ante unha desas inverosímiles ironías da historia: sería Mariano Rajoy, representante comme il faut do corrupto e desintegrador nacionalismo español, quen, coa súa frivolidade, o seu anticatalanismo, o seu fanatismo neoliberal e a súa demencial falta de sentido de Estado, causaría a perda de Cataluña.

Pola contra, se o voto secesionista volvese ficar por debaixo do 50%, a ironía sería que o soño independentista –elitista, populista, tramposo e insolidario– se arruinaría por culpa de quen implementou un procés ilícito, ilexítimo, trapalleiro e precipitado, que culminou nunha república cuántica –que existe e non existe ao mesmo tempo– e nunhas eleccións finalmente convocadas polo presidente do executivo central, Mariano Rajoy, en aplicación do artigo 155 da Constitución (e non polo president da Generalitat, Carles Puigdemont, que disque xa as acordara con Madrid a través de intermediarios pero desconfiou do Goberno de España e cedeu ante a presión insoportábel do nacionalismo padánico –que diría Joám Lopes Facal– excitado polo seu delirante pensamento máxico e a certeza dunha vitoria fácil). Con todo, tamén neste caso será inevitábel un referendo, a non ser que, cada vez máis afeitos a vivirmos nun país desilusionado e desnortado e nunha democracia que se degrada día a día, non nos importe xa a cohesión social, creamos que a vinganza e a humillación da nación catalá non van ter consecuencias e asumamos que a reconciliación, a transversalidade e a estabilidade son simples quimeras.

O aire frío e seco, o recendo das panadarías quentiñas, as rúas brancas iluminadas coas luces do nadal e cheas de viandantes cargados de regalos parecen augurar días serenos en boa compaña, días de bondade e de abrigo no fogar. Ao saír de novo á anoitecida e deixar atrás a libraría Dussmann, parece entreverse, no bafo que foxe entre os pregos da bufanda para envolver as folerpas, o discreto ronsel da esperanza posta na gallardía e na lealdade dos demócratas. Aquí, eses demócratas souberon dar cunha fórmula virtuosa. Chámase república e apelídase federal.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Entre maio de 2014 e outubro de 2016 publicou en Praza Pública o blog Café Federal. Traduciu as Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, e A morte en Venecia, de Thomas Mann, e é o autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.