O Noso Derbi

Non é fácil describir o que se sente nun Derbi. No Noso Derbi.

De toda a vida, polo menos que eu recorde, houbo esa rivalidade entre Celta e Dépor, ou entre Dépor e Celta. Entre Vigo e A Coruña, e viceversa. Anos difíciles para uns dos que se alegraban os outros, e ao revés tamén. A min esta disputa recórdame moito á miña casa... Ben, á casa dos meus pais, hai xa uns anos.

Miña irmá e eu tiñamos unha loita encarnizada por ser o primeiro, por ter razón ou polo anaco máis grande. Mais fóra da casa, que ninguén se metese con ela

Nesa casa eramos dous fillos. Unha filla e un fillo. Dous irmáns. Irmán e irmá. No tempo no que eu vivín na casa de meus pais, miña irmá e eu, era raro o día que non discutíramos, que non nos pelexáramos, que non nos botásemos na cara o bo que era un ou outro, ou quen sacaba mellores notas ou menos malas, que non rematásemos tirándonos cousas ou a golpes... Ela era a miña maior inimiga e eu era o seu maior rival.

Tempos de Derbi na casa dos Touriñáns. Loita encarnizada por ser o primeiro, por ter razón ou polo anaco máis grande. Mais fóra da casa, que ninguén se metese con ela, nin que calquera me faltase ao respecto a min. Un precisaba do outro. Sempre.

Sigo botando en falta a paixón, o cariño, os tiróns de pelo, as patadas, o amor, algún cuspe... do NOSO DERBI

Irmáns que non se poden ver, pero que se necesitan para todo. Imposible un sen o outro.

Agora, xa maiores os dous, ela e eu, libramos outras “batallas” cada un na nosa casa. Pero eu sigo botando en falta a paixón, o cariño, os tiróns de pelo, as patadas, o amor, algún cuspe, algunha colleja... do NOSO DERBI.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.