0 Gardados para despois

Roberto Mansilla

América Latina en 2018

Varios escenarios estratéxicos, de índole electoral, ábrense para América Latina no 2018. Neste calendario destacan os comicios lexislativos e presidenciais en Colombia (marzo e maio), Venezuela (por definir), México (xullo), Paraguai (abril), Costa Rica (febreiro) e Brasil (outubro), así como as lexislativas no Salvador e Haití (ambas en marzo). Tamén ten enorme transcendencia o relevo xeracional “post-castrista” que se verificará no próximo Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC) pautado para febreiro. Todo isto sen descartar a latente crise postelectoral en Honduras, as perspectivas de destitución do presidente peruano Pedro Pablo Kuczynski por presunta implicación na rede Odebrecht e a recente vitoria conservadora nas presidencias chilenas. A intensa axenda electoral que agarda América Latina para o próximo ano anuncia unha reestruturación sen cambios significativos no seu espazo de representación política, factor que condicionará o panorama político e electoral de cara á próxima década.

Cun xiro á dereita presentado desde o ciclo electoral 2015-2016, confirmado recentemente co retorno de Sebastián Piñera á presidencia chilena, o 2018 anuncia escenarios mais ben volátiles. Colombia, México, Brasil e Venezuela asúmense como os contextos mais decisivos na polarización “esquerda-dereita” que ven presentando a rexión nestas dúas primeiras décadas do século.

En México, o esquerdista Andrés Manuel López Obrador lidera as enquisas de intención de voto moi por riba dos seus rivais, o gobernante PRI e o conservador PAN. En Brasil, e a pesares da súa incriminación xudicial, o ex presidente Lula da Silva e o PT seguen arriba na intención de voto. E xa cara o horizonte electoral 2019, son igualmente notorias as tentativas de reelección de Evo Morales, aínda que as mesmas tamén polarizan á sociedade boliviana.

Colombia trazará un escenario inédito, toda vez os Acordos de Paz alcanzados en 2016 permitirán á guerrilla das FARC presentar a súa candidatura presidencial a través de Rodrigo Londoño, ex comandante “Timoshenko”, a través da plataforma Forza Alternativa Revolucionaria do Común (FARC). Por tanto, tanto as lexislativas de marzo como as presidenciais de maio serán tamén observadas como unha especie de referendo sobre a viabilidade destes acordos de paz e, principalmente, sobre o novo rol que terá unha guerrilla militarmente desmobilizada pero politicamente activa.

 

Venezuela e Cuba

Venezuela seguirá a ser a incógnita, a pesares de que o presidente Nicolás Maduro logrou superar pola vía electoral un 2017 sumamente crítico. Cunha oposición desmoralizada tras infrutuosos meses de protestas, o “post-chavismo” logrou recuperar a iniciativa política asestando duros golpes electorais á oposición, impoñendo a súa Asemblea Nacional Constituínte e gañando os comicios rexionais de outubro (18 das 23 gobernacións) e as municipais de decembro (305 das 335 alcaldías).

As presidenciais venezolanas estarían pautadas para outubro de 2018 pero existen indicios dun posible adianto para o primeiro trimestre do próximo ano. Maduro quere aproveitar os seus recentes éxitos electorais e a constatación dunha oposición fragmentada para obter canto antes un novo período presidencial ata 2024. Pero os retos para Maduro son a recuperación socioeconómica baixo un cadro de hiper-inflación e escaseza, o consecuente drama humanitario e o risco latente de default financeiro que propicie un colapso estrutural da economía venezolana.

Pola súa banda, o apoio de Rusia e China ten sido chave para Maduro á hora de minorar a presión e o illamento exterior vía EUA, OEA e Unión Europea. Con todo, a eventualidade de cambios políticos neste novo ciclo electoral (triunfos das FARC en Colombia e do PT en Brasil) reverterán en réditos xeopolíticos para o “post-chavismo” a nivel hemisférico.

A crise venezolana estará igualmente presente na transición “post-castrista” pautada para o próximo Congreso do Partido Comunista Cubano a celebrarse en febreiro.

O presidente Raúl Castro dará paso a unha histórica transición simulada na emerxencia dunha nova xeración de líderes, moitos deles consolidados ao calor do proceso de reformas iniciado en 2008 e das recentes eleccións municipais (22 de outubro). Cobra así relevancia o nome do actual vicepresidente Miguel Mario Díaz-Canel Bermúdez (57 anos) como eventual sucesor da estrutura “castrista” no poder desde 1959.

Este proceso de transición “post-castrista” en Cuba deberá dirimir un contexto internacional subitamente contrariado pola radicalización da presidencia de Donald Trump, contraria a apertura impulsada polo seu antecesor Barack Obama, e polas incertezas derivadas dun previsible colapso económico venezolano que afectará seriamente a Cuba, en particular en materia enerxética.

Estas variables tamén inciden na (re) composición política rexional. O retorno hemisférico da dereita vese consolidado coa presidencia de Mauricio Macri na Arxentina (que pode presenciar fortes protestas durante 2018 por mor dos recortes orzamentarios) e pola recente vitoria electoral de Piñera en Chile. Isto gravitará inevitablemente como correa de presión que dificulte as expectativas aperturistas cubanas, así como acentúe o evidente illamento hemisférico cara o incerto escenario venezolano.

En mente están tamén as presidencias brasileiras, sumamente estratéxicas á hora de observar se o ciclo electoral latinoamericano finalmente permitiría consolidar este xiro reaccionario “neo-conservador” iniciado por Macri en 2015. O candidato dereitista Jair Bolsonaro eríxese como o principal rival para Lula, polarizando aínda mais un escenario político fragmentado pola corrupción e a crise institucional do actual goberno de Michel Temer.

A pesares da caída das materias primas e ante o reestruturación do campo político, mantense un moderado optimismo económico. Segundo datos da CEPAL, a rexión medrará un 1,3% no 2017 e prevé un crecemento “moderado” de 2,2% para 2018. Por outra banda, seguindo coa CEPAL e a Organización Internacional do Traballo (OIT), o desemprego subiría ao 9,2% para 2017.

 

Un novo ciclo con vellos coñecidos

A recomposición política motivada polo intenso 2018 electoral marcará a axenda hemisférica para os próximos anos. Pero esta recomposición debátese entre a persistencia de liderados impulsados por ex presidentes que volven ao poder (Piñera),  doutros que agardan volver (Lula), daqueles que buscan afanosamente manterse no poder para salvagardar o proceso “revolucionario” (Maduro e Evo Morales) e finalmente de sempiternos candidatos que ansían por fin alcanzar á presidencia (López Obrador)

Por tanto, o trasfondo político e electoral que observaremos en América Latina a partir de 2018 a penas albisca cambios significativos, principalmente de cara a observar o ascenso de liderados alternativos que modifiquen a actual oferta política. En termos xerais, non se observa unha renovación política que atenda, vía políticas públicas, as demandas de cambio en sociedades que, simultaneamente, si están presenciando transformacións relevantes. Nalgúns casos, obsérvase unha tendencia reaccionaria cara o cambio político acaecido no ciclo electoral anterior.

A persistencia hexemónica na concentración da representación política e o “hiper-presidencialismo”, traducido tamén nas modalidades de reelección presidencial, seguen a ser tendencias nalgúns casos inocultables. Segundo un estudo, un total de 13 de 18 países latinoamericanos apoian a reelección presidencial, sendo esta inmediata ou alterna. En tres deles (Venezuela, Ecuador e Nicaragua), a reelección ten carácter indefinido vía constitucional.

A complexidade da dinámica política hemisférica da conta, igualmente, da polarización e ás veces da simbioses existentes entre diversas tendencias políticas identificadas cos cambios sociais experimentados nas derradeiras décadas, en particular o ascenso dunha nova clase media que demanda unha nova representación política.

Entre estas tendencias hemisféricas destacan a persistencia dun populismo nacionalista metabolizado en expresións de “réximes híbridos” de “autoritarismo competitivo”(1) (Venezuela, Nicaragua); a reaparición de expresións “centristas” e de centrodereita (Chile, México, Costa Rica, Paraguai, Panamá); un “neo-conservadurismo” oligárquico e reaccionario (Arxentina, Brasil); e a presenza de gobernos reformistas e progresistas de esquerdas con amplo apoio de movementos sociais (Uruguai, Bolivia). 

Por tanto, este ciclo electoral 2018 non presenta alternativas que permitan alterar o actual establishment e o status quo político, tal e como si se observou coa intensa viraxe progresista presentada na década anterior.

 

NOTAS

(1) Segundo a definición de Steven Levitsky e Lucan A. Way esgrimida en “Elecciones sin democracia. El surgimiento del autoritarismo competitivo”, Revista Estudios Políticos, Universidad de Antioquia (Colombia), Medellín, xaneiro-xuño de 2004, pp. 159-176. Consultar en: http://aprendeenlinea.udea.edu.co/revistas/index.php/estudiospoliticos/article/view/1368

Acerca de Roberto Mansilla

Roberto Mansilla é analista do IGADI