0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Cataluña: o prezo da solución

Os resultados das eleccións ao Parlament do 27 de decembro de 2015 e do 21 de decembro de 2017 fornecen dous datos significativos: (a) hai aproximadamente dous millóns de cidadáns que votaron polas candidaturas independentistas Junts per Catalunya (antes Junts pel Sí),  ERC e CUP (máis de 1.900.000 en 2015, case o 48%; máis de 2.000.000 en 2017, case o 47,5%); (b) a maiores, hai máis de 300.000 electores de Catalunya Sí que es Pot (e, en 2015, tamén de Unió Democràtica de Catalunya) que, non querendo a independencia, si queren ser consultados sobre o tipo de relación do seu país con España (case 470.000 en 2015, máis de 320.000 en 2017; polo tanto, entre o 55% e o 60% dos votantes cataláns, polo menos, desexan un referendo).

Destes datos podemos sacar dúas conclusións importantes: (a) os cataláns non optan maioritariamente pola secesión, pero (b) reclaman un referendo de autodeterminación. Polo tanto, (a) o procés de desconnexió careceu de base democrática pero (b) destapou unha grave carencia do sistema político, porque a nosa democracia non pode negarse a medir o apoio de que goza o nacionalismo independentista catalán, que demostrou contar cunha base cidadá moi ampla, ben trabada, sólida e estábel. O marco constitucional xa non serve para Cataluña. Imponse a necesidade dun referendo en que a cidadanía catalá poida optar entre o statu quo, a transformación do país nun Estado federado e mais a separación.

Partindo da hipótese de que unha maioría independentista é improbábel, precisamos reflexionar sobre esta consulta, precedida dunha eventual reforma do artigo 92.1 da carta magna e mais dunha lei de claridade, e tamén sobre a constitucionalización dunha nova gobernanza multinivel que implique a soberanía compartida entre Cataluña e España. Cómpre acabarmos coa recentralización que España experimenta nos últimos anos (laminación das competencias autonómicas mediante o recurso abusivo á lexislación “básica”, invasivo e asfixiante control orzamentario das Comunidades Autónomas por parte do Estado, xurisprudencia constitucional centralista, etc.), así como coa anacrónica concentración das sedes do poder institucional en Madrid. É obvio que a nación catalá se nega a aceptar a deriva do sistema cara a unha simple descentralización administrativa.

Para que o entenda tamén o presidente Rajoy, que cando se lle menciona este asunto tira de cinismo, abre moito os ollos e pon cara de grande asombro cósmico: federalizar España significa recoñecer con todas as consecuencias a pluralidade cultural e lingüística; significa aumentar o nivel de autogoberno; significa asumir a asimetría (ou, se se prefire, a flexibilidade) en función de factores obxectivos –históricos, culturais, tradicionais, xeográficos, etc.– e da aplicación da cláusula residual, que implica que os Estados federados poden (pero non teñen que) asumir as competencias non expresamente atribuídas á federación; significa, finalmente, incorporar á nosa cultura política os conceptos de cooperación e lealdade.

Toda solución política ten un prezo. No caso de Cataluña, o unionismo terá que aceptar a celebración dun referendo. O independentismo terá previsibelmente que renunciar á secesión. E ambos terán que pórse de acordo na instauración dun réxime federal. Entrementres, a arcádica Galiza parece non ter nada que dicir.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Entre maio de 2014 e outubro de 2016 publicou en Praza Pública o blog Café Federal. Traduciu as Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, A morte en Venecia, de Thomas Mann, e os Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig, e é o autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.