0 Gardados para despois

Laureano Araujo

O laicismo imprescindíbel de Gonzalo Puente Ojea

O experto na obra de Gonzalo Puente Ojea (Cienfuegos, 21 de agosto de 1924 - Getxo, 10 de xaneiro de 2017), Miguel Ángel López Muñoz, acaba de dirixir (e de redactar unha parte importante de) Emancipación e irreligiosidad. El doble compromiso silenciado de Gonzalo Puente Ojea (Thomson Reuters / Aranzadi, 2018). Este libro constitúe unha moi necesaria introdución á produción dun dos intelectuais máis sobranceiros das últimas décadas; un intelectual nada convencional, como nos explican López Muñoz e os demais autores. De feito, foi un diplomático cuxa carreira culminou na embaixada ante a Santa Sé, que tivo que abandonar nun episodio que retrata á perfección a pretendida aconfesionalidade do Estado español.

Foi un diplomático cuxa carreira culminou na embaixada ante a Santa Sé, que tivo que abandonar nun episodio que retrata á perfección a pretendida aconfesionalidade do Estado español

Un dos fenómenos que preocuparon a Puente Ojea é o da relixiosidade, cuxa orixe, segundo o estudoso, está na crenza en almas e espíritos, que lles ofrece aos seres humanos a vida eterna como solución ao problema da morte. Puente Ojea perdeu a súa fe católica e adquiriu dun xeito autodidacta os coñecementos científicos –físicos e neurobiolóxicos– que lle permitiron fundamentar as súas teses emancipadoras. Pero foi máis alá, quixo entender concretamente a etioloxía do cristianismo e legounos un libro sen precedentes en España, Ideología e historia. La formación del cristianismo como fenómeno ideológico (1974), que segue a ser unha referencia inescusábel. Aí aprendemos que o Xesús da historia foi probabelmente un home cunha forte conciencia político-relixiosa que, dentro da tradición xudía, anunciou o cumprimento inminente do pacto entre Iavé e o pobo elixido, e que foi Paulo de Tarso quen o converteu no mítico Cristo da fe, un ahistórico fillo de Deus, desxudaizado, despolitizado e empeñado –até o punto de se sacrificar na cruz– na salvación dos humanos, herdeiros todos do pecado orixinal.

O cristianismo, que sen o relato paulino –por completo incomprensíbel– non existiría, tivo un enorme éxito histórico. Segundo Puente Ojea, isto demostrouse de novo na transición política española, que foi un proceso atípico e defectuoso –carente de garantías democráticas, dun goberno neutral e dun parlamento constituínte– que a igrexa católica aproveitou para conseguir a posición de privilexio de que goza aínda hoxe nos campos fiscal e financeiro, educativo, mediático, simbólico, etc. A transición deu lugar á nosa democracia de baixa calidade, oligárquica e criptoconfesional. Neste contexto, traballar a prol da laicidade é un imperativo cívico. Non se trata, obviamente, de perseguir a relixión, senón de afastala da esfera pública. Para Puente Ojea, o laicismo é indisociábel do republicanismo democrático.

Para Puente Ojea, o laicismo é indisociábel do republicanismo democrático

A erudita obra do noso autor non tivo, por desgraza, unha gran difusión. Certamente, a súa densidade e o seu rigor non facilitan a lectura; resulta ademais politicamente incómoda; nunca contou –Bourdieu sabería explicarnos por que– coa complicidade da academia; os medios mainstream apenas a espallaron; e os intelectuais católicos non quixeron, en xeral, dialogar con ela. Non sorprende pois que Puente Ojea xamais obtivese un recoñecemento institucional ao seu labor. Porén, os seus agradecidos lectores –entre os que se atopan os autores do libro de López Muñoz– saben que están ante un gran pensador, ante un grande ateo e ante un gran republicano.

Publicidade

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Entre maio de 2014 e outubro de 2016 publicou en Praza Pública o blog Café Federal. Traduciu as Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, A morte en Venecia, de Thomas Mann, e os Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig, e é o autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.