0 Gardados para despois

Carlos Barros

Por un goberno mundial democrático

Desde a II Guerra Mundial fóronse acumulando institucións e regras de  gobernanza (eufemismo de Goberno Mundial) de forma máis acelerada ao calor da globalización no cambio de século. O recoñecido fracaso da gobernanza débil e fragmentada á hora de implementar políticas eficaces á altura dos retos presentes, non deixa outra opción de futuro que un Goberno Mundial de verdade. No que vai de século  XXI alzáronse solicitándoo voces crecentes e plurais, con maior intensidade desde 2008.

Existen precedentes históricos que o veñen demandando desde o humanismo de Dante á Ilustración de Rousseau e  Kant, a fin de asegurar a paz, a seguridade e os dereitos humanos no mundo. No século  XIX Marx vai máis aló, predica unha revolución mundial que, mediante un período transitorio de carácter estatal e por tanto mundial, conduza a unha sociedade sen clases. No século  XX, Einstein pide unha “autoridade política común para todos os países” que rematase coas guerras, valorando a idea nacente dos Estados Unidos de Europa, a liga de Nacións e unha ONU que lle parecía insuficiente.

A partir de 1989, unha serie de traballos académicos e non académicos volven sobre o gran tema, unha vez que desaparece a división do mundo en bloques irreconciliables.  Talbot publica en 1992, “O nacemento da nación global”, seguindo a  Garner que xa reivindicaba en 1974, logo do movemento do 68, unha federación mundial construída desde abaixo. Despois, en pleno auxe do movemento antiglobalización,  Falk e Strauss escriben en 2001, para a revista  Foreign  Affairs o seu artigo “Cara a un parlamento mundial”, argumentando que do mesmo xeito que se fixo co  New Deal que hoxe era primordial un Goberno Mundial para “salvar o capitalismo”. En 2004, Jacques  Attali profetizaba: “en 2050 haberá un Goberno Mundial”. En 2005,  Rajesh  Tandon crea o Foro Democrático Mundial para promover unha democracia mundial. 

A crise do 2008 comporta un novo pulo á iniciativa pro-Goberno Mundial, desenvolvida á marxe dos políticos de todas as ideoloxías (situados máis ben na curta duración), con algunha excepción. En outubro de 2008, o ex–primeiro ministro Gordon  Brown expón a urxencia de crear unha “autoridade financeira global”. En decembro de 2008,  Rachman ex-membro do Grupo  Bilderberg, di en Financial Times que: “por primeira vez na miña vida, creo que a formación dunha especie de goberno mundial é posible”, pon a Unión Europea como exemplo (!), reclama un Estado de Dereito Global e adianta que o proceso será lento e doloroso. Certo, estao sendo.

O movemento global dos indignados encetado en 2011 supoñerá outro punto de inflexión. Eduardo  Punset, aplaude a rebelión dos indignados do 15 M dous meses despois de razoar as vantaxes dun Goberno Mundial. En xullo de 2011, Joseph  Deisss, Presidente da Asemblea Xeral da ONU, asevera que “o movemento dos indignados pon de relevo a necesidade de crear un goberno económico mundial... representativo, eficaz e coherente”. En setembro de 2011,  ATTAC, o grupo máis influente do Foro Social Mundial (Porto Alegre), debate esixir un Goberno Mundial que controle os atropelos da globalización.  En outubro de 2011, o Consello Pontificio de Xustiza e Paz propón así mesmo, influído sen dúbida pola rebelión xuvenil global, un Goberno Mundial e un único Banco Central. En novembro de 2011, será José  Múgica, Presidente da República do Uruguai, outro dos poucos políticos que se comprometen coa globalización política:  urxe unha “ Gobernanza mundial máis equitativa e menos imperial”.
En 2015, será Bill  Gates quen de proclamar que a ONU fracasou e precisamos un Goberno Mundial para solucionar os problemas globais da pobreza, a fame e o cambio climático. ao cabo, en 2017, Stephen  Hawking afirma -un século despois de Einstein- ao  The Times que cómpre crear un Goberno Mundial “para que o avance tecnolóxico non poida destruír a especie humana”, así como para enfrontarse ao perigo das guerras nucleares ou biolóxicas.

En resumo, un clamor diverso de voces complementarias de ideoloxías e países distintos que esixen máis ou menos o mesmo: un Goberno Mundial elixido, xunto cunha Constitución e un Parlamento mundiais, que teñan por labor asegurar o control dos mercados, da nova economía global e a  salvagarda da paz, e apliquen políticas sociais e ambientais que rectifiquen de maneira  incluínte a globalización. Obviamente, como sucede cos Gobernos estatais, rexionais e locais, os programas dos hipotéticos e sucesivos gobernos de ámbito global estarán marcados polos resultados obtidos nas periódicas eleccións mundiais, a partir dun proceso constituínte para o que se propoñen diferentes vías: iniciativa da ONU, federación de países, Goberno provisional… Todo á vez, de seguro.

Tratamos de escapar tanto da  escatoloxía como da utopía, e basearnos nos datos da realidade inmediata, achegando enfoque histórico e nosa propia interpretación, partidaria de culminar política e institucionalmente as demandas múltiples de intelectuais e ex-políticos en favor dun Goberno Mundial. Pero cando teremos unha autoridade pública mundial elixida polos cidadáns que neutralice fins indesexables como o caos, o autoritarismo e o terrorismo? Cando non quede máis remedio: os prexuízos se fagan intolerables e as persoas que o esixan multiplíquense desbordando os Estados nacionais -e as nacións sen Estado, máis doado- que seguen sendo quen malamente marcan o paso (con permiso dos mercados) como nos séculos  XIX e  XX.

É habitual referenciar cara á metade do século, no ano-fetiche de 2050, as proxeccións e prospeccións relativas aos avances e problemas que poñen en perigo o planeta e a propia humanidade. É difícil de saber, porque os males que nos axexan son palpables, adiantan a moita velocidade e a vella  gobernanza faise día a día máis insuficiente. Pode ser antes ou despois, o que sería unha desgraza para millóns de persoas. Dependerá e moito de cando se xeren procesos reais e potentes de cambio global de tipo social e político. De xeito que os que nos gobernaron ata agora de maneira  desamañada, en favor duns poucos, sen que ninguén lles votase, non o poidan seguir facendo.

Non son poucas as ameazas en gran parte inéditas que nos fan temer o peor, mentres sigan mandado máis ou menos  ocultamente os poderes  fácticos económicos  transnacionais: a ( s) nova ( s) crise económica ( s), que agravará ( n) as desigualdades sociais e espaciais que está a procrear a globalización; o “fin do traballo” por mor da  robotización; o incremento demográfico e a crise alimentaria; a fame, a pobreza e as epidemias; o quecemento global e a crise ecolóxica; o esgotamento das enerxías fósiles; os desprazamentos masivos de poboación emigrante e refuxiada; terrorismo global, novas guerras e ameazas nucleares. De seguir así, imos cara á hecatombe. Non somos pesimistas a diario, pero o feo da realidade non se pode  minusvalorar, hai millóns de vidas en xogo.

Estamos a velo: ningún goberno nacional, grupos de gobernos ou alianza de grandes potencias, pode facer fronte aos desafíos globais e neutralizar (no suposto que quixesen) os fins da historia máis daniños. Como tantas veces na historia, a solución non virá pois da orde establecida, virá dun desenvolvemento maiúsculo da comunidade global crítica que se está a formar, dentro e fóra das redes sociais, de movementos sociais e Ongs, científicos  e académicos, membros de institucións internacionais, empresas tecnolóxicas vinculadas a Internet, Igrexas, países e rexións prexudicados por esta globalización desigual, opcións políticas de novo ou vello cuño que entendan o mundo que vivimos desde un óptica sensible ao sufrimento e os dereitos de todos os seres humanos e do medio natural. Só unha democracia anovada, participativa, real e global fará posible o gran cambio: que a historia nos acompañe.

 

* Máis información en https://www.academia.edu/35795991/Los_fines_de_la_historia_en_el_siglo_XXI

Publicidade

Acerca de Carlos Barros

Carlos Barros. Profesor de Historia na USC, coordinador de Historia a Debate / Historia Inmediata