A onde vas, Israel? III. A igualdade, clave dun futuro democrático

Arrepía lembrar que un de cada tres xudeus morreu na shoah. Hoxe, afortunadamente, existe un fogar nacional para este pobo castigado, e o antisemitismo semella estar controlado. Os xudeus viven pois un momento moi bo, e non só en Israel, senón tamén en América e en Europa. Resulta así paradoxal que a breve historia do Estado de Israel estea marcada, na súa maior parte, pola ocupación, e que o país non se atope inmerso nun debate profundo sobre o seu futuro. Despois de todo, por que non prolongar sine díe o statu quo? Son razóns suficientes para un cambio de rumbo o desgaste moral provocado pola ocupación, o xurdimento de tendencias semifascistas que poñen en perigo o núcleo democrático do país, ou a existencia de temas tabú como, por exemplo, a indemnización que lles corresponde aos palestinos expulsados en 1948, que perderon as súas vilas, as súas casas e as súas terras?

É dubidoso que unha maioría dos israelís crean aínda nunha solución ao conflito. Moitos mozos non viron nunca un palestino, e viceversa. Ademais, a ocupación está por completo normalizada entre a cidadanía; de feito, a maior parte das persoas nunca coñeceron outra cousa. Aínda así, hai preguntas que seguen a reclamar unha resposta urxente. Israel quere ser un Estado de apartheid e continuar a realizar operacións de limpeza étnica nos territorios ocupados? Pode un Estado occidental continuar coa política de construción de asentamentos? É asumíbel a dolorosa e perigosa retirada dos territorios ocupados? Se a solución dos dous Estados xa non fose viábel, sería imaxinábel un Estado binacional e democrático?

A historia demostra que Israel é unha potencia colonial que non ten a máis remota intención de renunciar ás terras conquistadas. Só se albisca unha solución a este cruel e brutal conflito se a comunidade internacional –liderada polos EUA, o aliado decisivo do Estado xudeu– decide exercer unha forte e sostida presión sobre Israel. Mais para que exercer presión? Xorde de novo a cuestión: é aínda posíbel a partición para implementar a solución dos dous Estados? Parece complicado: hai máis de medio millón de colonos nos territorios ocupados, e as partes están atrincheiradas nos seus relatos antitéticos sobre o sucedido en 1948. Pero se a solución dos dous Estados estivese obsoleta –e, con ela, o soño sionista–, cal sería logo o modelo alternativo? Sexa cal for, a saída dependerá esencialmente dunha condición non exenta de ironía histórica: que a sociedade israelí acepte por fin a igualdade entre xudeus e non xudeus.

Para Ahed Tamimi

(Quen queira afondar nesta materia dispón dunha amplísima bibliografía. Aquí consultamos, do escritor israelí Nir Baram, Be’ertz Ha’yeusch, 2016; do politólogo israelí Ahron Bregman, Cursed Victory. A History of Israel and the Occupied Territories, 2014; do xornalista e escritor xudeu francés Jean Daniel, La Prison juive. Humeurs et méditations d’un témoin, 2003; do historiador xudeu estadounidense Arno J. Mayer, Plowshares into Swords: From Zionism to Israel, 2008; e do xornalista israelí Ari Shavit, My Promised Land. The Triumph and Tragedy of Israel, 2013.)

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.