Portavoza: Estamos fartas dos cultos

Quen isto subscriben levan moitos anos de profesionais do ensino e do estudo da Lingua Española, e forman parte do Departamento desta materia da Universidade de Vigo. Asistimos cunha mestura de previsto fastidio e perplexidade ás reaccións que aparecen, na prensa escrita e nas redes sociais, diante do emprego da linguaxe inclusiva ou  da proposta de novos vocábulos para denominar condicións ou actividades ata hai pouco reservadas a homes e actualmente compartidas por mulleres e homes. Referímonos, claro, ás respostas ante denominacións como portavoza ou, xa máis lonxe no tempo, miembra, jueza, presidenta ou estudianta e ás críticas sobre  fórmulas de repetición (“españoles y españolas”) ou ao emprego de colectivos tipo ciudadanía, profesorado, alumnado, etc.

Ante provocacións do tipo portavoza, a resposta practicamente unánime de quen se ten por persoa culta, dende o Director da RAE, académicos e escritores a periodistas, docentes ou persoas do común é a de crítica despiadada, despregando un amplo abano de combinacións (listos de libros, por listas, oculistos e periodistos para varóns, etc.) que queren demostrar o burdo, o ridículo e cargado de ignorancia e, incluso, o inmoral das voces empregadas. Así, lemos exemplos e exemplos da ruptura do sistema morfolóxico ou sintáctico do español que se nos viría enriba se a barbarie se estendese: “de seguir en esa deriva, deberíamos decir que los brazos son miembros y las piernas miembras”, dixo Darío Villanueva, director de la Real Academia Española de la Lengua, nunha das máis respectuosas (pero, para nós, desenfocada) respostas ao ataque á morfoloxía por parte dunha portavoza política. Todas as respostas cultas veñen, pois, defender a lingua de ataques promovidos pola ideoloxía de xénero “morfosintacticamente ignorante”. (Curiosamente, outros ataques cometidos acotío, pasan sospeitosamente desapercibidos. Alguén recorda, por exemplo, que se organizase algún escándalo porque os profesionais da alta costura empregasen a forma modistos para non seren confundidos coas humildes modistas?). É verdade que nas críticas tamén hai matices nalgúns casos: recoñécese a intención de quen usa esas formas “incultas”, pero mantense a defensa a ultranza do “sistema morfolóxico”; dise respectar o labor pola igualdade de xénero, pero maniféstase o innecesario de tocar a lingua.

Por que esta defensa culta da norma estrutural se moitas veces quen a fai está a favor da igualdade de homes e mulleres? Que impide respectar variacións novidosas no uso? Acaso o resultado actual dunha lingua, o que falamos todos os días, non é un conglomerado desas variacións ao longo do tempo?

É sabido que son moitas as opinións que sinalan a incomodidade ante un cambio de paradigma non só lingüístico: a muller, finalmente, nomea, exerce o poder tradicionalmente masculino de poñer nomes ás cousas e de crear a realidade. A lingua, entendida moitas veces coma instrumento de poder, é un campo máis no que se disputa a loita de xéneros. A linguaxe crea sociedade e conciencia social; se cadra, ese é o problema. De aí as reaccións cultas e varudas en defensa dun poder agora discutido, o de modular o discurso, o pensamento e a realidade.

Espectadoras ou axentes deste puxilato, as persoas orfas de directrices acubíllanse no seguro, no “sagrado” da norma morfolóxica. Pero o escenario non é a gramática, é a realidade social; e o que se dilucida non é o triunfo do platonismo lingüístico, senón se somos quen de pensarmos e comunicarmos doutro xeito. O de menos é se a forma portavoza acaba por triunfar, como van camiño de facer outras como presidenta ou jueza: eso decidirao o uso maioritario co paso do tempo. O importante, o transcendental é que portavoza contribúe a alertar, a axitar e a desmasculinizar o pensamento. Porque iso é a clave: só cun pensamento que non funcione única ou maioritariamente en clave masculina, mudaremos a realidade.

E que facer coa lingua?: Quizais non estea de máis recordar algunha verdade de primeiro de gramática: a) a lingua muda constantemente e faino, en moitas ocasións, contra o constructo do sistema inmutable e, realizados os cambios, nunca perde o seu equilibrio e eficacia comunicativa; b) ter o dominio dunha lingua consiste non só en coñecer o estándar ideal e a variedade sociolingüística culta, senón en adecuar o discurso ao contexto e ás necesidades comunicativas e empregar o rexistro axeitado en cada caso.

Como docentes acostumamos aconsellar que nos escritos máis formais haberá de empregarse, no caso que nos ocupa, a forma portavoz (mentres o uso non mude a “norma”) precedida do determinante masculino ou feminino, e nos discursos reivindicativos, portavoza, porque a nós, persoas cultas, téñennos fartas os cultos que tratan de darnos a enésima lección de morfosintaxe. Claro que, visto o visto, probablemente a portavoza acertou na súa provocación.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.