0 Gardados para despois

Alex Sánchez

Os idus de marzo

“Dans le monde réelment renversé,
le vrai est un moment du faux”
Guy Debord

O acontecido nos últimos días non é só unha mostra da indecencia e o cinismo da política servil. É outra proba de que, máis alá das palabras baleiras, os lugares comúns e o porte de altura moral, o compromiso e a firmeza teñen as súas consecuencias

Probablemente, unha das consecuencias mais frustrantes de ter que emigrar atópase na sensación de impotencia, de incapacidade, froito da distancia. O único alivio da marcha é saber que entre as compañeiras que quedan, algunhas son quen de poñer voz dignamente ás que non podemos falar. Entre estas compañeiras atópase Paula Quinteiro.

Falar de Paula é falar das que crecimos sen horizonte de futuro. Sen mais herdanza que a incerteza de vivir o día a día. Porque a mirada responsable é un luxo que nós, desgraciadamente, non nos podemos permitir. Falar de Paula é falar, tamén, das que a pesar de todo non ceden, non desisten. Das que se manteñen firmes, derrota tras derrota, e incluso nas vitorias comprenden a amargura das que aínda non gañaron nada. É falar das que realmente son capaces de parar o mundo, porque sen elas nada se move.

Non vós. Elas.

Se cadra por iso faise mais difícil, mais triste, contemplar dende a distancia o espectáculo da política mezquina. Cómo, unha vez máis, as miradas desprázanse dunha realidade que é excepción para contar as moedas de cobre, rédito dun novo coitelo nas costas. Mais non é obxecto destas liñas xulgar a procedencia das decisións nocturnas, verdade ou mentira, nin o contido dos atestados, nin a palabra da Policía. Tampouco as Voces que ladran, nin a opinión dos partidos de orde, nin a vosa ética, que só parece protexer as apariencias.

Porque, no fondo, non é diso do que falamos. O acontecido nos últimos días non é só unha mostra da indecencia e o cinismo da política servil. É outra proba de que, máis alá das palabras baleiras, os lugares comúns e o porte de altura moral, o compromiso e a firmeza teñen as súas consecuencias. A consecuencia de incomodar a un lado e a outro da trincheira. A consecuencia de facer evidente que neste espectáculo a integridade é para algúns a máscara coa que cobrar o cheque ao final da función.

Paula non é simplemente unha compañeira sinxela, humilde e honesta. Non. É  o exemplo que vos lembra todas as veces que fincáchedes o xeonllo. Que vos lembra que a vosa comodidade se paga coa miseria daquelas as que decides representar e vos fai ver a medida da vosa responsabilidade.

Precisamos compañeiras que non se conformen con ser figurantes do espectáculo, aceptando as normas da cortesía palaciega. Porque non hai futuro nos vosos compromisos, nin esperanza na vosa mezquindade

Por iso as vosas embestidas, cargadas de odio, non lle doen só a ela. Nos doen a moitas. Porque nos lembran que a nosa incerteza, que as nosas dificultades, só valen para vós trinta pezas de prata. Porque nos lembra que a distancia tamén é culpa vosa.

Precisamos máis Paulas, moitas máis. Que non teñan medo, nin de eles nin de vós. Compañeiras capaces de arriscar na súa firmeza, porque comprenden o que é non ter nada que perder. Precisamos compañeiras que non se conformen con ser figurantes do espectáculo, aceptando as normas da cortesía palaciega. Porque non hai futuro nos vosos compromisos, nin esperanza na vosa mezquindade. Por iso, eu, con Paula.

Acerca de Alex Sánchez