0 Gardados para despois

Laureano Araujo

O funcionariado: unha lexión de preguiceiros enchufados

Ao contrario do que sucede no noso país –e, en xeral, nas democracias–, en Alemaña os funcionarios non teñen dereito á negociación colectiva e á folga. Este anacronismo é unha vella tradición baseada sobre a necesidade de que o Estado funcione de maneira fiábel en todo momento, mesmo en situacións de crise. Pero como se conseguen limitar así os dereitos de todo un colectivo profesional?

É posíbel que, tanto en Alemaña como aquí, o deporte rei non sexa o fútbol, senón mallar no funcionariado. O que máis nos irrita é que os servidores públicos gocen nada menos que da prerrogativa da estabilidade laboral. Non reparamos en que, reproducindo esta crítica alegremente espallada polos medios mainstream, non só estamos a asumir os postulados nucleares do neoliberalismo –esa “flexibilidade”, esas suculentas privatizacións!–, senón que descoñecemos a dimensión propiamente revolucionaria da inamobilidade. Porque impedirmos que os políticos poidan afastar a discreción os funcionarios dos seus postos significa garantirmos xuridicamente que os empregados públicos actúan só con suxeición á legalidade e en defensa do interese xeral. Con outras palabras: unicamente pode ser independente, imparcial e íntegro o funcionario inamovíbel. O modelo alternativo (e moito máis caro) é o da privatización, que coloca os traballadores nunha situación de sometemento. Por iso o Goberno de España aproveitou os anos da crise para conxelar a oferta de emprego público, mentres a externalización de servizos por parte das administracións non sufriu limitación ningunha. Decenas de miles de postos de traballo que deberían ser ocupados por funcionarios son hoxe desempeñados por traballadores da empresa privada, mesmo en sectores como o ensino, a sanidade ou os servizos sociais, onde a precariedade e a docilidade, obviamente, aumentaron.

As campañas de desprestixio contra o funcionariado ignoran adrede algúns feitos rechamantes. Por exemplo, que en España hai moitos menos empregados públicos que na media da OCDE, e que os dous países onde máis hai son Dinamarca e Noruega, que están entre eses aos cales tanto aspiramos a nos parecer; que os administrativos, os sanitarios, os docentes, os traballadores sociais, os policías e os xuíces ocupan os seus postos de traballo tras superaren uns procesos de selección nos cales tiveron que acreditar os seus méritos e a súa capacidade (aínda que tamén no acceso á función pública existen condicionantes socioeconómicos que fan necesario un sistema de axudas á preparación das oposicións); que o poder adquisitivo deste persoal cualificado é en xeral modesto (e baixou moitísimo nos últimos anos); e que é nas administracións públicas onde as carreiras profesionais de certo interese non están reservadas ás clases privilexiadas e onde máis igualdade de trato laboral hai entre mulleres e homes.

En Alemaña, o Estado restrinxe gravisimamente os dereitos do funcionariado. Non o fai á lixeira, por suposto: hai argumentos técnicos serios, por discutíbeis que sexan. Pero que algo tan chocante sexa politicamente viábel ten unha explicación. Só hai que observar con que lixeireza valoramos estes empregados. Teñamos presente esta irresponsabilidade, por exemplo, a próxima vez que nos escangallemos de risa cos retratos que o xenial Forges fixo dos servidores públicos, eses lacazáns parasitarios.

Publicidade

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Entre maio de 2014 e outubro de 2016 publicou en Praza Pública o blog Café Federal. Traduciu as Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, A morte en Venecia, de Thomas Mann, e os Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig, e é o autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.