0 Gardados para despois

Beatriz Gómez Gómez

Viñemos a ser exemplo, a mudalo todo...

A idea inicial coa que naceu En Marea, e pola que algúns/has seguimos traballando día a día é a de “mudalo todo”. Non é un obxectivo sinxelo (hai para quen non é sinxelo nin de comprender): En Marea non nace como un partido clásico ou unha coalición de partidos, senón como un proxecto político de adscrición individual, onde teñen cabida persoas que militan nalgún partido ou organización, persoas que acabaron desencantadas no seu momento ou quen ate o de agora non pertencera ou non se vira representada por ningún dos partidos existentes.

Neste contexto é esencial dar exemplo e practicar unha ética irreprochable, e disto, lamentablemente, nestes días falase moito, tanto polo incidente da deputada de En Marea por Podemos Paula Quinteiro como polas reaccións posteriores.

Se queremos mudalo todo temos que comezar por ser exemplo, facer autocrítica e cuestionar os propios comportamentos e actitudes, porque non todo vale. Os feitos están ahí e dende o momento no que Paula Quinteiro emprega a súa condición de deputada para sacarlle as castañas do lume aos seus compañeiros compromete a todo o proxecto de En Marea, porque nos afecta a todos/as, e porque como sabemos, hai quen está desexando ter calquera excusa para tentar dinamitalo.

Pero sendo grave, por suposto (a interpelación á condición de parlamentar nun asunto persoal non é un incidente menor), o dos retrovisores non é o único polo que Paula e “os seus camaradas” deberan dar conta: esa mesmo dia, asistiron a un xantar no que que gravaron un vídeo que eles mesmos subiron ás redes, xantar no que participaban cargos de organizacións políticas vencelladas a En Marea, ao que un alcalde se referiu como “un grupo de xente nunha comida onde alguén di unha expresión” (a expresión foi insultar ao voceiro de En Marea coas posteriores risas de tódolos/as presentes). Ese mesmo día, mentres tiña lugar un plenario (ao que como deputada tiña a obriga de asistir) no que moita xente traballou e rendeu contas, Paula e os seus camaradas preferiron quedar na cafetería tomando algo, sen acreditarse sequera e menosprezando ás inscritas coa súa actitude. Quizais, os acontecementos da noite foron consecuencia dese xantar, dese “tomar algo...”, desas decisións desafortunadas...

Porque Paula puido xestionar ben ese incidente: puido asumir os feitos, comentalo, buscarlle unha solución consensuada... pero non o fixo, tal vez por mal asesoramento ou a mantenta, cambiou de versión cada vez que falou sobre o acontecido, mentiu ao grupo parlamentar, buscou apoios para defender unha postverdade infame ata o punto de xerar unha fonda crise no proxecto de En Marea, crise que se superará e En Marea reforzarase, porque defender a ética é o que ten.

Pedir dimisións por actos indecentes non é esperpento ningún e non é reprochable: é coherencia, ética, transparencia... Pódense buscar argumentacións peregrinas para desgastar a Luis Villares, ao consello das mareas, á coordinadora e a quen apostamos polo proxecto de En Marea, pero que dirixentes de certos partidos (que tanto afirman estar en En Marea como se desvinculan do espazo) califiquen isto como “unha caza de bruxas de homes contra unha muller” resulta denigrante.

O consello das mareas foi claro e pediu a dimisión de Paula Quinteiro, o grupo parlamentar de xeito maioritario posicionaouse en contra de pedir a dimisión (igual foi máis por intereses partidistas, “de casta”... que polo ben común do proxecto, non?), o voceiro pediu a dimisión de Paula... pero seica agora cumpría sacar o “feminismo” pra dicir que era unha cuestión de “homes contra unha muller”.

Tamén hai quen acusa a certas inscritas e integrantes da coordinadora ou do consello de En Marea de pretender sacar proveito político do acontecido buscando un cambio na correlación de forzas internas no grupo parlamentar o que, alén de falso, é absurdo: so hai que recontar os votos dentro do propio grupo para desmontar este argumento. Para mudalo todo, cómpre deixar as leas internas, os réditos políticos e as ansias de protagonismo e comezar a traballar para as maiorías sociais, ás que, dito sexa de paso, pouco lles importan os enfrontamentos internos se se traballa polo ben común do país, non por porlle paos nas rodas ao/á compañeiro/a do lado e ao proxecto político.

Por iso Paula Quinteiro debe dimitir, porque a súa permanencia como deputada, alén de forcener enfrontamentos de parte, desacredita ao proxecto integramente de cara á sociedade: se como espazo político se critica que, representantes do PP por exemplo, non dimitan cando o foco se pon sobre elas, debese aplicar o mesmo raseiro e aplicalo, para non homologarse a elas. Cómpre actuar conforme ao que se di. De cinismo xa van moi cumpridos/as outros/as...

Para evitar isto, ben mellor lles sería a algúns/has ir quitando a careta, pondo as cartas boca arriba e deixar de buscar xustificacións absurdas para algo que non ten xustificación por moitas voltas que se lle queiran dar, porque non é nin ético, nin coherente, nin decente. Se queremos ser diferentes, temos que actuar de xeito diferente.

Acerca de Beatriz Gómez Gómez

Son de Ourense. Son Traballadora Social e estudante de Educación Social. Apaixoame todo o relacionado co social. Hai moito que facer e moito que achegar para mellorar nos temas de ámbito social, polo que aquí deixo as miñas humildes achegas