0 Gardados para despois

Laureano Araujo

A democracia asediada (I). Estamos ao comezo dunha era autoritaria?

Para o neoliberalismo, a inflación é con toda certeza o concepto tabú por excelencia. Só hai un xeito de garantir o poder adquisitivo do capital monetario: a estabilidade dos prezos, que debe ser asegurada mediante a deflación salarial ou devaluación interna (é dicir, a baixada dos soldos). Este obxectivo implica a debilitación dos sindicatos, a precarización laboral e mais a redución da protección social. As “reformas estruturais” non son outra cousa que a transposición deste programa: desdemocratización da política económica e monetaria desprazándoa cara a organismos aparentemente independentes dirixidos por “expertos” (como o BCE, por exemplo), limitación da negociación colectiva, baixa dos salarios, diminución do número de funcionarios, reforma regresiva do sistema fiscal, recorte das prestacións sociais e sanitarias, tolerancia da evasión e elusión fiscal a grande escala, etc. Neste programa non hai espazo para o pleno emprego, que, en realidade, é perfectamente indiferente. Tan indiferente como, en xeral, o ben público.

O prioritario é, repetimos, o control da inflación. Nestes momentos, de feito, os salarios xa só supoñen un 47% da renda nacional española. Con outras palabras: dada a transferencia masiva das rendas salariais cara ás empresariais, a maioría da cidadanía empobrécese. Á vez, o Estado do benestar lamínase, é dicir, a función do Estado como redistribuidor das rendas redúcese drasticamente. Xa non se ditan leis de protección do traballo, xa non se estabelecen nin impostos progresivos sobre os beneficios nin seguros sociais obrigatorios, xa non se prevén gastos orzamentarios activos, xa non se nacionaliza. Como consecuencia de todo isto, a sociedade desestrutúrase até niveis moi preocupantes. A maiores, a crise desatada en 2008 deu lugar á implementación das políticas de austeridade, que repercuten no acceso á vivenda e á educación, na saúde, na seguridade social e en todos os dereitos económicos e sociais. En Europa, as mortes debidas aos recortes xa se cifran en centos de miles.

Este xigantesco experimento de enxeñaría social que representa a gobernanza neoliberal do capitalismo globalizado supón tamén unha agresión masiva aos dereitos civís e políticos. Thomas Piketty fala dun capitalismo financeiro entolecido e pregúntase se nunha democracia poden coexistir a igualdade dos dereitos dos cidadáns e a desigualdade das condicións de vida. A estas alturas podemos aventurar unha resposta prudente: non poden. En realidade, e de acordo coa dogmática neoliberal, non deben. Christian Laval e Pierre Dardot observan como, para teóricos como Ludwig von Mises ou Friedrich Hayek, unha democracia en que a maioría da cidadanía detenta o poder dexenera facilmente nunha democracia “totalitaria”. Esta non ten nada que ver coa democracia aturábel, a democracia baleira de contido que encarna o Estado posto ao servizo das empresas, que asegura o control das regras da competencia, a formación de individuos adaptados á lóxica do mercado, a existencia dunha policía, o control da poboación, a protección das institucións e dos valores tradicionais e mais a defensa nacional. Nin unha palabra sobre a soberanía popular e sobre a xustiza social.

Este é pois un contexto extremadamente hostil á democracia. A Fundación Bertelsmann acaba de difundir a este respecto uns datos significativos: 3.300 millóns de persoas viven en réximes autocráticos, moitos deles ditatoriais, onde se atacan o Estado de dereito e a división de poderes, as autoridades fan un uso indiscriminado da violencia, a oposición e os medios son acosados e as eleccións manipuladas, etc. De feito, nunca antes houbo tanta xente que vivise en réximes non democráticos. Moitas das 4.200 millóns de persoas que si vivimos en democracias tamén temos razóns para nos preocupar pola desafección, o desgaste do Estado de dereito, a coartación dos dereitos e das liberdades (incluídas as liberdades de opinión, prensa e reunión), etc. Os casos de Turquía (coa deriva autocrática e confesionalista de Erdoğan), Polonia, Hungría ou México son elocuentes, por non mencionarmos o impacto do populismo de dereitas en Europa e nos EUA.

A China e Rusia, as dúas grandes potencias autoritarias en auxe, ilustran ben este retrato do planeta. O caso chinés é particularmente significativo, porque nega a vella idea de que o desenvolvemento da economía de mercado trae consigo máis democracia. De feito, os dirixentes chineses mesmo perciben o carácter non democrático do seu réxime como unha vantaxe xeoestratéxica. Seguramente, e aínda que el o negaría, Milton Friedman estaría de acordo.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.