0 Gardados para despois

Laureano Araujo

A democracia asediada. II. Nacionalcatolicismo 2.0

A democracia española non ía ser unha excepción. Ela tamén, sometida á tensión sistémica creada polo actual capitalismo globalizado, está a ser recalibrada. Para tal fin contamos coa inestimábel axuda das nosas elites extractivas, celosas defensoras, desde hai moitas xeracións, dos seus intereses particulares. Agora poden rearmarse para a súa loita de clases enriquecendo a súa ideoloxía nacionalcatólica co ingrediente do neoliberalismo, que, segundo o teólogo Juan José Tamayo, constitúe un sistema ríxido de crenzas que funciona como relixión do deus mercado, un deus que non admite rival, esixe o sacrificio de seres humanos e da natureza, proclama que alén del non hai salvación e é omnipotente, omnisciente, omnipresente e providente.

O ataque aos nosos dereitos e liberdades non é unha mera abstracción teórica. De feito, é unha realidade que podemos empezar a listar: (a) En xeral estase a dar unha crecente criminalización da liberdade de expresión en contra do estabelecido no artigo 20 da Constitución. Cómpre lembrarmos que se algo significa esta liberdade é podermos dicir algo aínda que se considere malo ou estúpido. (b) En concreto, a liberdade de expresión vese gravemente comprometida coa chamada lei mordaza, que intensificou a persecución administrativa e penal de manifestantes, cómicos e autores, mentres o Tribunal Supremo amosa unha tendencia a coartala nas redes sociais. (c) Tamén a xurisprudencia do Tribunal Constitucional tende cara á restrición da liberdade de expresión cando permite un control represivo, por exemplo a través da aplicación do artigo 578 do Código penal, que regula o enaltecemento do terrorismo. (d) A xefatura do Estado, as institucións e os símbolos están sobreprotexidos mediante a persecución penal das críticas políticas. Neste ámbito, España destaca, entre as democracias europeas, polo seu elevado número de condenas. (e) Tamén as ofensas aos sentimentos dos membros da poderosa corporación católica teñen a consideración de actos delituosos. (f) Os medios de comunicación sostidos con cargo aos orzamentos públicos son instrumentalizados sen escrúpulos polos gobernos central e autonómicos.

(g) O noso sistema penal é, en moitos aspectos, máis duro que o franquista. En termos proporcionais, hai sete veces máis persoas no cárcere hoxe en día que na etapa final da ditadura. De feito, a poboación reclusa española está entre as máis grandes de Europa. (h) O PP e Ciudadanos intentan ampliar o catálogo dos delitos castigados con prisión permanente revisábel, como se as penas existentes non fosen xa abondo severas; como se esta punición non fose inhumana e, polo tanto, inconstitucional (artigo 15 da lei fundamental); como se esta pena non fixese imposíbel a reinserción social prevista no artigo 25.2 da Constitución; como se non houbese abondo persoas nas nosas cadeas; ou como se a duración media das penas non fose tamén das máis altas de Europa (e a taxa de criminalidade das máis baixas). Estamos aquí ante un caso de manual de populismo punitivo que en realidade é unha resposta tipicamente neoliberal. A desigualdade –pénsese na exclusión sanitaria ou nas dificultades de moitos para accederen a unha vivenda digna– provoca comportamentos disruptivos que non se tratan como un problema social, senón que se individualizan e reprimen.

Neste contexto, a cidadanía debe ser inflexíbel na salvagarda dos elementos centrais do Estado de dereito: a igualdade, os dereitos e liberdades, a seguridade xurídica, a división de poderes, a suxeición da administración á lei, etc. Non é unha extravagancia: o Estado de dereito ten a súa orixe doutrinal no Rechtsstaat (antítese do Polizeistaat) da Alemaña de comezos do século XIX. Nun Estado de dereito, as reformas penais deben ser pausadas e estar sometidas a un estudo racional que as afaste das pulsións demagóxicas. Nun Estado de dereito é esencial mantermos a proporcionalidade entre o delito e a pena. Nun Estado de dereito, os delitos de opinión non deben ser castigados con prisión, reservada aos casos de incitación á violencia. Esta defensa do Estado de dereito vólvese particularmente importante no marco da fanatizada gobernanza neoliberal do capitalismo, que crea unha enorme inseguridade fronte ao descomunal poder dos centros de decisión económica. Se as esquerdas teñen nestes momentos unha prioridade é a de teceren alianzas estratéxicas globais que lles devolvan o poder aos parlamentos, e é a de consensuaren para a UE un programa de mínimos centrado na soberanía popular e na xustiza social. Ou isto ou a barbarie autoritaria.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Entre maio de 2014 e outubro de 2016 publicou en Praza Pública o blog Café Federal. Traduciu as Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, e A morte en Venecia, de Thomas Mann, e é o autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.