Hai moitos sitios onde berrar que xa abonda

Levo días calando. De feito, penso que o meu silencio puido mesmo inducir a erro a moitos, crendo, sen fundamento algún, por suposto, que se debía a aprobación do insulto, da aldraxe mais atroz non soamente hacia unha muller a que lle toca sufrilo nas súas carnes, senón hacia todas e cada unha de nos.

Nada mais lonxe da realidade.

A única razón que me fixo ficar calada ata este momento é que, se algo positivo me van aportando os anos é unha certa prudencia e  ser quen de admitir que a miña vehemencia e un case irrefreable  apaixonamento ante as inxustizas mais flagrantes me xogan as veces malas pasadas, e as miñas verbas non sempre son ben interpretadas, polo que prefiro tentar atopar unha certa calma, malia que non me resulte doado, antes de pronunciarme. 

O meu sentemento ante ese atroz acto de maltrato ao que chaman sentenza e que reduce a dignidade dunha muller, vítima dunhas abominables alimañas que se fan chamar “La manada”,  a puro lixo, non é diferente ao da maioría de tanta xente que se manifestou nas rúas, algo que eu non fixen por diferentes circunstancias que o impediron, non porque o corazón non mo pedira,

Agora ben, en honor a verdade, mentiría se dixera que me sorprendeu, e non son, obviamente, adivina, nin tampouco mais lista que ninguén. A razón é ben sinxela. Esta sentenza é mais do mesmo. Non difire, agás as súas particulares e tremendas connotacións, lóxicamente, de tantas outras que se dictan cada día, que non chegan a coñecerse porque as súas vítimas as sufren e tentan dixerilas en silencio, e polas  que ninguén berra, as que ninguén apoia.

Porque a lei, a xustiza, esa xustiza que dí protexernos, defendernos, velar pola nosa seguridade, en non poucas ocasións, a nos, as mulleres, maltrátanos, e con mais violencia que quen nos golpea, que quen nos humilla día tras día, porque non soamente lles otorga carta blanca para continuar agredíndonos case impunemente, senón que,coa súa insultante  laxitude, convírtense en cómplices desas bestas que se fan chamar seres humanos.

As mulleres maltratadas, violentadas, sexa do xeito que sexa, somos as que temos que, deixando de lado o noso sufrimento, o noso desgarro, demostrar que non somos as culpables de que se nos dane, de que non provocamos a violencia sobre a nosa persoa.

Para nós non existe esa “presunción de inocencia” que sempre se lle otorga ao maltratador, por moi obvia e visible que sexa a súa agresión, nin siquera cando se fai en grupo e aproveitándose da evidente incapacidade para defenderse da vítima, unha vítima a que se lle vai esixir que demostre a súa condición, a que non se lle vai perdoar que tente aferrarse ao mais elemental mecanismo de defensa, o de tentar levar unha vida o mais normal posible, malia que lle sexa imposible calar e ignorar o inferno que sen dúbida arrastra no seu corazón.

Non obstante, eu creo que cumpre facer un exercicio de reflexión e, sobre todo, de sinceridade, e admitir que todos e cada un de nos temos a nosa parte de responsabilidade ante despropósitos tan atroces como esta sentenza que semella otorgar a unhos despoxos humanos patente de corso para seguir violando, maltratando.

Porque sair a rúa a berrar, a manifestarse, está moi ben, claro que sí, pero de nada vale se falla a base, se non se acompaña dun traballo diario e constante, sen baixar a garda, sen ceder a presións nin a falsas premisas morais.

Non abonda con apoiar as mulleres cuxo caso chega a facerse mediático, senón que hai que loitar por todas esas compañeiras anónimas que cada día sufren as humillacións dunha demasiadas veces mal chamada xustiza que as condea pola súa desgraza.

É imprescindible ese traballo case sempre calado e que non se ve pero que deixa claro que as que estamos a realizalo, e permitídeme que, por unha vez, pluralice, porque  creo honradamente que, a día de hoxe, podo dicir ben alto que, con erros, por suposto, e non sempre co resultado desexado, certo, é algo que en Si, hai saída facemos co máximo rigor, non temos intención de ceder nin un ápice, que a dignidade das mulleres non se negocia, como tampouco os nosos dereitos, nin a atención e a protección a que temos todo o dereito do mundo, que non é ningunha deferencia que se nos conceda dependendo da vontade de quen teña a potestade e otorgala,senón que é a súa obriga,  e que se nos escatima ou, directamente nos é negada.

Que non temos que concienciar soamente aos nosos potenciais violadores de que cando dicimos NON! queremos dicir rotundamente NON!, senón que temos que berralo tamén ben alto e ben claro en cada despacho, en cada comisaría, en cada xulgado, donde os nosos dereitos, a nosa dignidade, son a miúdo pisoteados e reducidos  a categoría de lixo.

Hai que berrar NON! cando a nosa dor, o noso pánico, se minimizan, cando se fai burla da nosa anulación, do noso sometemento, ante quen ten as nosas vidas nas súas mans.

Hai que berrar NON! cando  o sistema nos pon nas mans de alguén a quen non sei nin como calificar, e mal chamado avogado, de feito penso que unha vergoña para a profesión, un tal Eduardo Lorenzo que fai públicas manifestacións tan noxentas como que estos rapaces soamente “querían divertirse a cuenta de una borrachilla”, ou “a la chavala le darán cincuenta mil euros. Eso ni una escort de lujo”, porque non é difícil imaxinar a nula empatía que este individuo poderá sentir hacia unha muller maltratada.
Xustiza sería que alguien así fora inhabilitado de inmediato, porque, na miña opinión, o seu pensamento deixa claro de qué lado está e, con todo o respecto, malia que non exerza un maltrato físico, maltrata, e moi gravemente, con tales afirmacións, moi definitorias, por certo.

Berrar na rúa, manifestarse, insisto, non soamente non é malo, senón que contribúe a visibilizar atrocidades tan graves, pero o malo é que, frecuentemente, por desgraza, todo queda ahí.

Que aberracións como as que estamos a vivir, tanto o acto como a sentenza, non se repitan, é algo polo que temos que traballar todos e cada un dos días, non permitindo neglixencias, minimizacións da dor, do perigo, disuasorias e pode que letais para as mulleres na procura de axuda.

Soamente o esforzo, a constancia de todas e todos nos, pode facer posible que a nos, as mulleres, deixen de violentarnos, de tratarnos como a meros obxectos sen vontade nin dignidade e mesmo asasinarnos.

Hai moitos espazos donde temos que berrar para sobrevivir, moitos abusos que non se defenden soamente na rúa , senón mirando a cara, aos ollos, de fronte, a quen os comete, e que se cre impune polo seu cargo, o seu estatus profesional ou mesmo social.

Será entón, e soamente entón, cando tomemos conciencia disto e o fagamos realidade,   cando por fin atoparemos o camiño para que a quen maltrata, a quen abusa e a quen mata, se lle corten as alas para seguir danando.

Mentras tanto, todo será inútil, por moito que berremos na rúa.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.