0 Gardados para despois

Moncho Iglesias Míguez

Corea do Norte: a vida dese outro lado

O único xeito de coñecer Corea do Norte é nunha viaxe que combina intriga e aventura, nun destino ignoto do que só se coñecen as fronteiras e os nomes dos seus dirixentes. Unha visita guiada con todos os descansos programados permite indagar no que hai de propaganda sobre o hermetismo ou non do país, e descubrir como son uns días na vida desoutro lado.

Malia non ser un destino turístico dos máis solicitados, os poucos visitantes que entran no país comparten eventos e funcións, pois a realidade de Corea do Norte vai máis alá de secretos e probas militares. De feito, dende o primeiro de xaneiro, comezo do ano novo segundo o calendario gregoriano, os motivos para celebrar varían; entre os máis sobranceiros están o 15 de xaneiro, no que se conmemora a invención do chosongul, o alfabeto coreano; o 8 de marzo, o día da muller, o 15 de agosto, no que se celebra o día da liberación nacional (1945); o 25 de agosto, que festexa o día de Songun, como lembranza da visita de Kim Jong Il a Seul e comezo da revolución; o 9 de setembro conmemórase o día da fundación da república (1948); o 10 de outubro, o día da fundación do partido (1945); o 16 de novembro, o día da nai e o 27 de decembro o día da constitución.

Amais destas datas, os dous días máis importantes do calendario nacional son o 15 de abril e o 16 de febreiro. A primeira delas é o día do sol, nacemento do presidente Kim Il Sung, en 1912, primeiro ano do Juche. A segunda, o 16 de febreiro, é o día da estrela brillante, nacemento de Kim Jong Il, no ano 31 do Juche (1942). Os anais da historia coreana describen Kim Il Sung como o salvador do seu pobo, capaz de rescatalo do miserable destino no que estaba sumido baixo a ocupación militar xaponesa de 1905. A súa importancia é tal que o primeiro ano do calendario coreano é o do seu nacemento, orixe dun camiño revolucionario cuxa senda é perpetuar o ideario Juche e Songun.

Segundo a ideoloxía Juche, o socialismo marxista prima as condicións materiais e económicas cunha perspectiva mística e fatalista coa que poder acabar co capitalismo. Esa fracasada loita antiburguesa, foi revisada por Kim Il Sung, quen explicou o seu principio filosófico cunha nova base científica cuxo núcleo son as persoas: o pobo é dono de todo e todo está para servilo a el, unido nun esforzo común. O ser humano, social, independente, creativo e consciente, é inconcibible fóra do seu organismo evolucionado, base biolóxica da súa independencia, creatividade e consciencia, atributos formados nun proceso de relacións sociais creadas para mellorar, algo que, apunta o líder coreano, se logrou coa súa ideoloxía. “Grazas ás políticas benevolentes do Partido e do líder, a nosa xente goza dunha vida merecedora e digna”, apunta Kim Jong Il no ensaio O socialismo é unha ciencia, no que louva a vitoria contra o poder imperialista que mantiña a súa nación nun estado colonial semifeudal.

Un dos aspectos máis importantes do socialismo de orientación Juche é o Songun, unha ideoloxía política que concede prioridade ao exército. A idea provén de Kim Il Sung, quen, ao herdar dúas pistolas do pai, decidiu restaurar a soberanía do seu país por medio da loita armada. Tras fundar a “Unión para derrotar o imperialismo”, no ano 15 da era Juche, o Songun encabezou a revolución norcoreana, disposta a continuar mentres non cesen as agresións inimigas.

A causa do Juche e do Songun, iniciada polo presidente Kim Il Sung e mellorada polo xeneral Kim Jong Il, é agora conducida por Kim Jong Un, líder supremo da república. O primeiro deles guiou o seu pobo, durante dúas décadas, na loita contra Xapón, ata acadar a vitoria no ano 34 do Juche. Foi entón que o gran líder fundou o partido dos traballadores e, tres anos despois, o que concibiu como primeiro estado democrático no leste: a República Popular Democrática de Corea, que naceu separada da parte sur da península, o que provocou unha guerra civil que durou tres anos.

Kim Jong Il recibiu o título de Xeneralísimo no seu 80 aniversario e tras a súa morte, no ano 83 (1994), o de presidente eterno e sol do Juche. Kim Jong Il continuou a consigna do pai: “a xente é o meu Deus”, e acadou os títulos de Xeneralísimo, e de eterno presidente e secretario xeral do partido. Morreu no ano 100, nun accidente de tren, e o seu fillo, o camarada Kim Jong Un pasou entón a ocupar a presidencia da república.

 

Unha ponte e a illa de saídas e chegadas

As imaxes dos líderes enchen o país en forma de estatuas, retratos e anécdotas memorizadas que forman parte do atractivo turístico. O centro neurálxico é a capital do país, Pyonyang, que ten conexións aéreas con algunhas cidades asiáticas, alén de Moscova, e está conectada con China por tren. A cidade chinesa de Dandong é, amais de punto fronteirizo, un miradoiro dende onde se pode contemplar a costa do país veciño. Ata aí se achegan os amantes menos arriscados da aventura norcoreana, para albiscar a outra beira, dar un paseo polo río ou mesmo mercar recordos do país sen chegar a visitalo.

Unha ponte sobre o río Yalu enlaza China con Corea; é a ponte da Amizade Sino-Coreana, a carón doutra construción máis vella que só se conserva como reliquia. O pasadizo de ferro que era o Yalu Jiang DuanQiao quedou destruído en 1950, mais parte das columnas permanecen varadas na costa, como billete de entrada á gran atracción ou a modo de peza dun museo sobre a guerra.

Unha pequena nora de pálidas cores xunto a un carrusel semellan a primeira garita de sentinelas dun país completamente militarizado e armado, mais non é tal. Pasado ese verdadeiro parque de atraccións, o ritmo pausado do tren permite observar as primeiras casas, e os primeiros grupos de crianzas e soldados. Son eles os que paran o tren e piden documentos; os que preguntan con poucas palabras e os que pronuncian as primeiras benvidas no dialecto coreano do norte.

Montes baixos, ladeiras de casas pequenas, e xentes e bicicletas que se moven paseniño a carón do tren son as primeiras imaxes en territorio norcoreano. Os nervios do comezo ceden co movemento do convoi, que para na estación central, un edificio de luz tenue, e desaparecen á chegada ao hotel, o mesmo que debuxara Guy Delisle na súa crónica gráfica e que xa antes describira Rosa María Calaf e logo repetiron outros: unha pequena illa, cun edificio enorme, dende o cal se pode ver toda a cidade. E é que o pouco que hai escrito sobre o “eixo do mal”, como definira o presidente estadounidense George Bush ao país, axuda a programar as sorpresas da viaxe e serve para comparar ideas ou imaxes, no caso da perfecta descrición da novela de Delisle.

A illa é punto de saída e de chegada en calquera percorrido polo país. Dende aí, son de obrigada visita o palacio do sol Kumsusan, o maior monumento en honor aos líderes do país, onde se expoñen os seus corpos embalsamados, amais de reliquias varias, e medallas e títulos honoríficos de todas partes do mundo. A Torre do ideario Juche, un obelisco de 170 metros de altura e composto de tantos bloques como os días de vida de Kim Il Sung (25.550), é outro miradoiro, orlado por unha escultura con tres figuras que representan os tres piares básicos da nación: o obreiro, o campesiño e o intelectual. Outro dos símbolos máis representativos de Pionyang é o Arco de Triunfo, o máis alto do mundo, e que conmemora a resistencia do pobo coreano fronte a Xapón.

Alén de impresos nos símbolos políticos, os triunfos do Juche están presentes noutras construcións, como o estadio Primeiro de Maio, o máis grande do mundo, con capacidade para 150.000 espectadores. Neste xigantesco recinto celébranse diversos eventos deportivos que congregan milleiros de espectadores e deportistas, igual ca en moitas outras actividades diarias. Así, nas festas nacionais é habitual que as prazas se enchan de parellas que se unen a grupos de baile, e que se realicen exhibicións de ximnasia, de natación sincronizada ou de patinaxe artística, e que as boleiras, os karaokes e os restaurantes teñan máis clientes do habitual.

A universidade e a biblioteca nacional permiten follear milleiros de obras e mesmo contemplar de esguello algunha aula. Amais, nas librarías é posible mercar calquera volume sobre a ideoloxía Juche e mesmo libros de contos con morais sobre a boa conduta familiar e lendas como a de Cholima, un cabalo alado que simboliza a forza e a resistencia do pobo coreano, e que era capaz de galopar preto de 500 quilómetros nun día. Esa mesma lenda é unha imaxe representativa do pobo, tallada nunha estatua de 46 metros de alto, inaugurada co gallo do 49 aniversario de Kim Il Sung, e que coroa a cidade; do mesmo xeito que o Arco da Reunificación, unha estatua con dúas mulleres vestidas co traxe tradicional e que sosteñen unha esfera que representa a Corea unificada, e que adorna a entrada da capital, na estrada que vai ata a zona desmilitarizada.

 

O paralelo 38: o muro que separa as dúas Coreas

A autoestrada que separa a capital da zona desmilitarizada suca aldeas distantes e métese na campiña para perderse nun camiño que separa as dúas Coreas cunha liña: o paralelo 38. Ao sur desta liña, un muro de entre 5 e 8 metros de alto percorre de leste a oeste o país; unha construción feita “pola camarilla de monicreques surcoreanos, instigados polos imperialistas estadounidenses, os seus xefes, con tal de dividir en dúas, para sempre, o territorio e a nación”, explican os folletos sobre o lugar, que engaden: “neste momento, os imperialistas estadounidenses e a camarilla de monicreques surcoreanos están involucrados en viciosas accións de arresto, encarceramento e masacre dos patriotas, xente nova e estudantes, que están librando unha xusta loita pola independencia, a democracia e a reunificación. Eles contaminan Corea do Sur coa corrupta cultura americana, causando que as boas formas e as tradicións propias dos coreanos dexeneren e fagan de Corea do Sur un inferno na terra. Namentres, o Partido dos Traballadores de Corea e o goberno da República Popular Democrática de Corea seguen a procurar, con firmeza e consistencia, unha política que trata de reunificar o país dun xeito pacífico, baseado nos tres principios de independencia, reunificación pacífica e unha grande unidade nacional”.

Nas salas adxuntas, nas casetas que amosan sinaturas de tratados, fotos de guerras ou recortes de prensa, a historia de Corea empapela as paredes. A viveza desas palabras e desas imaxes atópase no museo da Vitoriosa Liberación da Patria, onde se exhibe todo tipo de armamento, avións e tanques capturados, amais dun navío militar estadounidense, o Pueblo, apresado en 1968. A embarcación e o armamento están expostos na parte exterior do museo, un edificio de mármore con salas que teñen bonecos de cera que representan escenas da guerra nas cidades e nos campos militares, e unha cúpula cun escenario rotativo que permite percorrer diferentes momentos e espazos.

A historia do Pueblo é outro dos galardóns dos que se gaba o goberno norcoreano. En 2008, o Senado dos EE.UU. declarou que o Pueblo fora o primeiro navío estadounidense secuestrado por unha forza militar estranxeira en 150 anos. Este feito extraordinario é un máis na lista de peculiaridades, ás que se pode engadir a kimjongilia, unha flor única no mundo, clonada por un botánico xaponés como mostra de amizade, e que só florece cada 16 de febreiro, coincidindo co aniversario de Kim Jong Il, data na que hai exposicións con adornos feitos con esta flor que, segundo o goberno norcoreano, reflicte a “natureza incomparable” do gran líder.

A kimjongilia non é a flor nacional de Corea do Norte; tampouco a kimilsungia, unha orquídea bautizada polo presidente indonesio Sukarno no ano 54 do Juche (1965); senón a magnolia, que crece en calquera outeiro, agás no norte, onde están os cumios máis altos, como o Paektu, a montaña de cabeza branca. O azor, a ave nacional, símbolo da axilidade, temperamento e valentía do pobo, habita neste paraíso montañoso, que acumula iconas patrióticas, como o cráter formado polo lago máis profundo do mundo, o Chon (lago do Ceo), que serve de símbolo da revolución coreana, pois foi aí que se refuxiou a guerrilla, en campos secretos arredor destas montañas e entre os dous ríos máis longos do país, fronteiras naturais con China.

No escudo nacional, erixido no ano da fundación da república, aparecen representados o monte Paektu; unha estrela escintilante de cinco puntas, símbolo da gran visión de país e pobo unido, esforzado pola construción dunha nación independente, pacífica e reunificada, baseada na ideoloxía Juche; unha estación hidroeléctrica, imaxe da importancia da industria e da clase traballadora e dúas espigas de arroz, como mostra do cooperativismo socialista campesiño. A forma ovalada amosa a unidade e cohesión do pobo coreano, unido arredor do partido e do líder. O nome da República Popular Democrática de Corea, nunha faixa vermella, indica que é unha república independente, democrática e popular. Por outro lado, na bandeira, erixida o mesmo ano có escudo, a cor vermella representa a forza invencible do pobo; a branca a unicidade da nación, con igual cultura, lingua e sangue; a cor azul ilustra o espírito loitador da xente, aliada á causa socialista. Amais, a estrela vermella de cinco puntos lembra a loita contra o poder xaponés e a prosperidade da nación.

 

Un país/museo: misterio e especulacións

O país está construído como un museo de lembranzas e loanzas. Alén da natureza e dos edificios conmemorativos, fábricas e diques compiten nun catálogo no que tamén está o metro e onde as mostras do programa nuclear se poden apreciar en carteis, en figuras de xeo, ou nas páxinas do xornal, penduradas a diario nas estacións do metro; un tren subterráneo que circula a 110 metros de profundidade (o máis fondo do mundo), que conta cunha escaleira eléctrica de 64 metros e que serve de refuxio.

O misterio e as especulacións combínanse en Corea do Norte, un territorio illado do resto do mundo grazas a montañas naturais e fronteiras humanas que converten o lugar nun destino perfecto para imaxinar e fantasiar co descoñecido e o descoñecible; o lugar ideal para que haxa quen describa xente en tendas de campaña, disparos a mendigos, árbores sen paxaros, crianzas que beben neve en vasos de plástico ou outras rarezas das que eu non podo escribir porque non as vin. Rúas que amencen cheas de xentes que semellan pasear para ir ao traballo, bicicletas sen fumes, edificios parapetados con estatuas ou prazas que anoitecen con fogos de artificio son as realidades que vin e fotografei, e das que podo escribir e escribo.

Publicidade

Acerca de Moncho Iglesias Míguez