Señor Torra e señor Rajoy: miren para Europa!

Privado dunha parte substancial do seu poder institucional tras a aplicación do artigo 155 da Constitución, o nacionalismo catalán non desaproveita ningún recurso que lle permita mobilizar e gañar apoios

Privado dunha parte substancial do seu poder institucional tras a aplicación do artigo 155 da Constitución, o nacionalismo catalán non desaproveita ningún recurso que lle permita mobilizar e gañar apoios. Os seus rocambolescos movementos desde as eleccións autonómicas do 21 de decembro de 2017 responden á súa decisión de acumular capital simbólico a base de ideas forza: violencia policial contra o exemplar pacifismo secesionista, presos políticos, líderes exiliados, actuación parcial do poder xudicial e do Tribunal Constitucional. A parálise de PP, PSOE e Ciudadanos outórgalles unha parte importante do protagonismo unionista aos xuíces, que actúan de acordo cun procedemento que pode resultar politicamente disfuncional. As ordes cursadas polo Tribunal Supremo para deter os dirixentes independentistas fuxidos acabaron involucrando as autoridades alemás, belgas, británicas e suízas. A internacionalización do conflito deu así un paso de xigante e revaloriza o capital simbólico dos independentistas, que buscan a súa hexemonía cultural tal e como a entende Gramsci, é dicir: a asunción intelectual e emocional da cosmovisión secesionista por parte da maioría dos cataláns.

Con outras palabras: o independentismo soubo manter a tensión política e social e seguir enriquecendo o seu relato vitimista no medio dunha excepcionalidade discursivamente inflada. Nos debates de investidura dos días 12 e 14 de maio, as “hiperventiladas” intervencións processistas do novo president, o moi inquietante Joaquim Torra, reflicten fielmente este esquema: Cataluña é unha virtuosa patria da democracia, da liberdade, do acordo, da cultura, dos valores da paz, do progreso, do europeísmo, da unidade, mentres España fica reducida a un obtuso réxime autoritario e represivo. Froito da paciente acumulación de capital simbólico, a potente narración propagandística separatista apela ás emocións e á fe, mentres o unionismo continúa instalado na estúpida inanidade dun discurso maniqueo, rancio e antipático. A imprudente indolencia do principal responsábel desta ruinosa desfeita, o PP de Mariano Rajoy, ofrece o que ben podería ser a imaxe premonitoria da derrota.

Nada cambiou en esencia. O nacionalismo catalán non está lexitimado para fer república e o Goberno de España non aborda esta demoledora crise de Estado democraticamente

Nada cambiou en esencia. O nacionalismo catalán non está lexitimado para fer república e o Goberno de España non aborda esta demoledora crise de Estado democraticamente. Desde o 27 de decembro de 2015, cando o nacionalismo acudiu por primeira vez ás eleccións ao Parlament en clave referendaria, a opción independentista nunca acadou nin o 50% dos votos. Desde esa mesma data, máis da metade dos cataláns reclaman inutilmente unha consulta para decidiren a relación do seu país con España. Veremos se a dialéctica –adornada con tintas populistas– entre símbolos e represión acaba ceibando a violencia larvada. Entrementres, todos procuran maximizar as expectativas electorais e eluden un acordo que supere o statu quo esgotado; todos evitan pactar un novo bloque de constitucionalidade que, baseado sobre a soberanía compartida entre Cataluña e España, rompa a perigosa dicotomía entre o secesionismo e o inmobilismo e dea lugar a un novo proxecto común. Porén, non habería que ir moi lonxe para albiscar a solución. Bastaría con alzar a vista dos propios embigos –todos eles tan inconfundibelmente ibéricos!– para comprobar que a Unión Europea é exactamente iso: un espazo deseñado para compartirmos as nosas soberanías e sermos así máis soberanos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.