Decrecemento (un chamamento á socialdemocracia)

Non respectamos o capital natural existente, malia sabermos que os recursos do noso planeta son limitados. Necesitamos crecer, desenvolvernos sen fin, aínda que a nosa produción e o noso consumo superen amplamente a capacidade de recuperación da biosfera. Convertemos sistematicamente os recursos en residuos sen darlle á natureza o tempo necesario para transformar os residuos en novos recursos. Esta dinámica irracional está no núcleo da orde capitalista controlada por unha minoría privilexiada. Pero os seus efectos padéceos o planeta enteiro.

A proposta do degrowth rexeita por absurdo o dogma do crecemento continuado e defende unha alternativa centrada na limitación das infraestruturas produtivas, administrativas e de transporte, na relocalización da actividade económica, na moderación do consumo material e enerxético, na repartición do traballo, na drástica redución do horario laboral e no fomento da vida social mediante o incremento do tempo libre ao noso dispor, na redistribución da riqueza e mais na reutilización e na reciclaxe dos bens. En realidade, o decrecemento nin sequera é unha opción stricto sensu, porque chegará o momento en que o colapso do ecosistema nos obrigará, queirámolo ou non, a revisar o noso modelo económico.

A implementación deste proxecto político, aquí bosquexado con trazos excesivamente grosos, precisa do impulso da esquerda. O campo situado alén da socialdemocracia non debería ter problemas para asumilo, na medida en que pode –como parecen facer, entre nós, Manuel Casal Lodeiro ou Miguel Anxo Abraira– interpretalo como propiamente anticapitalista, partindo da idea de que o capitalismo sería impensábel sen o mandamento do crecemento infinito. Pero o decrecemento tamén pode ser entendido como un proxecto non revolucionario, se aceptamos que non cuestiona per se o capitalismo, aínda que desconfíe del. Neste caso, a súa posta en práctica faríase mediante reformas dirixidas á sustentabilidade do aparato produtivo, á socialización dos incrementos da produtividade, aos incentivos ao consumo de proximidade, á introdución de impostos ecolóxicos, etc.

Pero o certo é que a socialdemocracia apenas se interesa polo decrecemento. O cal, en perspectiva histórica, resulta desconcertante, porque non hai nada que case mellor co acervo máis brillante da socialdemocracia que a regulación e o control democráticos dun sistema que se rexe pola procura miope do beneficio inmediato e é, polo tanto, tendencialmente (auto)destrutivo. Porén, o socialismo teme ser descualificado (para empezar, desde a esquerda sindical) como extravagante, frívolo e insolidario se adopta unha proposta tan rompedora, e iso podería empeorar aínda máis os seus resultados electorais. Defender unha sociedade do poscrecemento, con todas as súas incertezas políticas, sociais, ecolóxicas e económicas, non resulta nada fácil para unha socialdemocracia que leva máis de tres décadas paralizada.

Alguén imaxina as elites socialistas formulando a necesidade imperiosa de preservarmos as bases biofísicas da vida, renegando do neoliberalismo “de rostro humano”, abxurando do ilusorio deus ex máchina do crecemento ilimitado, recuperando e actualizando o discurso da socialización da economía e da distribución equitativa dos recursos finitos, predicando a necesidade de sermos frugais para sermos felices, avogando, en definitiva, por un cambio radical do noso modus vivendi? Pois necesitamos que o fagan, e témoslles listo o slogan: traballar menos, consumir menos, vivir mellor.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.