Violencias

A estas alturas creo que os danos que as insurreccionalistas causaron na madrugada do venres para o sábado no local da Marea Atlántica é de menor importancia. Sorpréndeme, no entanto, esa outra violencia que non está a saír á luz, que pasa desapercibida. As chamadas ameazantes a cargos públicos, os insultos na rúa, as difamacións e inxurias en redes sociais, os empurróns que algunhas concelleiras tiveron que soportar en actos do Concello... Esa violencia sobre a que non se está a falar, que unhas poucas executan, e que algunhas toleran e apoian.

Non quero soar hipócrita. Eu tamén sufrín violencia policial en máis dunha ocasión. Sei perfectamente a sensación de impotencia que se sente despois da agresión dun policía. Sei que esa violencia prodúcese en todos os lugares do Estado de forma diaria como mecanismo de control e disciplinamento, por motivo de clase, etnia, relixión, xénero ou opinión política. Folga dicir que eu tampouco quero que o Concello da Coruña colabore na reprodución desa violencia. E este é o primeiro punto sobre o que cabe unha fonda reflexión que temos que abordar.

Había 5 meses, quizais máis, algunhas sabiamos xa que a Insumisa nunca chegaría a un acordo co Concello. Realmente esa opción nunca a houbo. Non porque non houbese unha posibilidade de innovación política interesante, non porque esta non fose positiva para todas, senón porque ese resultado nunca estivo na folla de ruta da asemblea da Insumisa. Sempre consideraron que calquera tipo de acordo suporía unha cooptación do movemento. Alén de debates ideolóxicos hai que dicir que esa opción é lexítima. O Concello, en cambio, non podía manter por máis tempo a okupación das naves, xa que as obras licitadas por Fomento obrigaban ao consistorio a facilitar a súa execución, e ao tratarse de solo e de investimentos públicos, non facelo tería consecuencias penais para as concelleiras. Chegamos así a unha rúa sen saída.

Nunha Rede (asemblea xeral da Marea Atlántica) a principios de ano, saltaron varias alarmas. Comezamos a comprender que este proceso podía supoñer a ruptura cos movementos sociais da cidade, e se cadra do País. “Sería unha versión en pequeno de Reganosa”, “recordariánnolo durante os próximos 10 anos”, dixemos algunhas. Decidimos continuar o ofrecemento da negociación, cada vez menos convencidas, e deixar o despexo como a última e peor das solucións posíbeis. E con esas directrices démoslle autonomía ao Goberno Municipal. Porén, despreocupámonos colectivamente de como sería ese despexo, confiando en que, de haber algún tipo de violencia, esta non estaría protagonizada polo Concello. Erramos.

Releo a morea de mensaxes que nos cruzamos na primeira hora da mañá do 23 de Maio. Pletóricas, exitosas. O abandono das instalacións por parte do sector da Insumisa que estaba a facer permanencias, e que pensaba resistir o despexo, parecía anticipar unha xornada sen sobresaltos. Erramos de novo. A partir de aí os actores e actrices postas nos terreos da Comandancia de Obras, actuaron tal e como lles marca o seu papel. Os okupas actuaron como okupas, e tentaron reokupar o local. Os municipais, actuaron como policías que son, tirando de porra. As impresións de primeira hora esborralláronse coma un castelo de naipes, pois estaban sostidas unicamente por unha ducia de axentes municipais.

De quén é a responsabilidade? Nosa, obviamente. En primeiro lugar, no institucional, pola improvisación, pola inxenuidade e pola inocencia de pensar que, ante unha situación de tensión os policías locais non actuarían con violencia. En segundo lugar, no orgánico, por emitir un comunicado que, lonxe de facerse cargo da situación e tomar iniciativas propias como partido, unicamente valía para soster ao goberno municipal. Especialmente grave isto segundo. Se non somos quen de controlar, fiscalizar e pautar a acción do goberno, o partido queda reducido a unha mera máquina de lexitimación institucional, e polo tanto de reprodución do poder. Creo que esta é a lección máis importante do día 23.

Para un partido que se di herdeiro da vaga de mobilizacións nacidas do 15M e das experiencias autónomas da cidade, o comunicado dos centros sociais do País, censurando a acción do Concello no día 23, debe facernos reflexionar. Asumimos, polo tanto, a nosa responsabilidade. O 23 de maio demos coa faciana máis crúa do poder, e perdemos a pouca inocencia que nos quedaba. Pídesenos autocrítica, e estamos a facela. Gostaría de pensar que pola outra banda, existe unha autocrítica similar. Despois de todo, o que parece que está a quedar claro é que nin unhas son tan malas nin as outras tan boas, e que, ao final chegamos a un punto no que todas perdemos algo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.