A caída de Rajoy ou o desafiuzamento dun partido antisistema

Os partidos políticos son un elemento nuclear do sistema deseñado na Constitución, cuxo artigo 6 lles atribúe a expresión do pluralismo político, a colaboración na formación e na manifestación da vontade popular e mais a condición de instrumento fundamental da participación cidadá. Ninguén imaxina unha democracia sen partidos, sen axentes que asuman as funcións cruciais de intermediación de intereses (agregación, estruturación e racionalización da morea de propostas políticas existentes), de integración (mobilización da cidadanía e fomento da participación política) e de recrutamento (selección do persoal político). Neste sentido, un partido cunhas prácticas clientelares e corruptas atrincheiradas pervertería a vida política e non encaixaría no modelo constitucional democrático. De existir un partido así –máxime se fose sistémico–, que intercambiase apoios políticos por favores ou utilizase as institucións ilegalmente para o beneficio privado, habería, por responsabilidade política, que mantelo afastado das institucións. Non esquezamos que o artigo 22.2 da lei fundamental declara ilegais as “asociacións que persigan fins ou utilicen medios tipificados como delito”. Constituiría, polo tanto, unha aberración que un partido manifestamente corrupto gobernase o país, porque ese partido sería, en termos obxectivos, un partido antisistema. En España, porén, existe un partido así. É o Partido Popular, cuxo presidente, Mariano Rajoy, perdeu unha moción de censura o 1 de xuño de 2018.

Pedro Sánchez foi elixido secretario xeral do PSOE o 13 de xullo do 2014. Como non resultou ser o fantoche que os seus avalistas viran nel, foi forzado a dimitir o 1 de outubro do 2016. Pero a militancia non esqueceu a súa rotunda negativa a favorecer mediante a abstención a investidura de Rajoy para un segundo mandato, que era o que os baróns socialistas pretendían tras as eleccións do 25 de xuño de 2016. Así que o 21 de maio de 2017, a militancia volveu darlle a secretaría xeral a Sánchez, quen agora, un ano despois, gañou a moción de censura presentada contra Rajoy. Ao novo presidente do Goberno de España non se lle poderá negar a súa teimosía, que os seus detractores adoitan confundir cunha ansia desmedida de poder, como se só a dereita puidese ser ambiciosa. Sánchez levou a cabo unha manobra vertixinosa e audaz, sen precedentes en España: unha moción de censura sen garantías iniciais, resolta con éxito no prazo dunha semana. Por suposto, aínda que lle vai resultar extremadamente difícil, quere capitalizar electoralmente o seu paso por La Moncloa. Pero tamén lle fixo un enorme favor ao sistema constitucional ao desaloxar do executivo un partido político que na primeira sentenza sobre o caso Gürtel, ditada pola Audiencia Nacional o 17 de maio, foi declarado responsábel como partícipe a título lucrativo tras constatarse –unha vez posta en cuestión a credibilidade de testemuñas como Mariano Rajoy– que houbo unha caixa B no PP relacionada coa maior trama de corrupción en que se viu envolto o partido conservador.

O éxito de Pedro Sánchez –e a posibilidade de que o PSOE e os partidos que o sosteñan se beneficien electoralmente dese éxito– non vai depender só da oposición do PP (cuxa capacidade para degradar o debate público e tensar ao máximo a convivencia está abondo acreditada); tampouco vai depender só da intelixencia e da grandeza dos apoios. Precisa tamén dunha axenda política axeitada, capaz de xerar un consenso amplo, baseada sobre a idea de frear a involución democrática e a crise sistémica con medidas de impacto en materia de educación, sanidade, dereitos laborais, mocidade, pensións, desigualdade (incluída a de xénero), Cataluña e gobernanza multinivel, dereitos e liberdades (liberdade de expresión, sistema penal, independencia xudicial), memoria histórica, laicidade, medios públicos de comunicación, corrupción, etc. Existe agora a oportunidade de lle devolver o protagonismo ao parlamento e de acordar un programa de mínimos rexeneracionista, centrado na defensa do Estado de dereito e na xustiza social. Pero hai algo que os partidarios da moción de censura (entre os cales –lembrémolo!– non se atopa Ciudadanos) xa poden apuntar no seu haber: o feito de libraren o executivo dun partido corrompido. É significativo que os alporizados analistas conservadores, que pontifican decote sobre os inimigos do sistema, ignoren este detalle, que revela precisamente unha gran lealdade institucional. O efecto narcotizante de tanto xute patriótico e antiindependentista igual borrou destes cerebros, enteiriño, o artigo 6 da Constitución. Haberá que llelo lembrar.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.