O novo goberno e a longa sombra da austeridade

O Goberno de Sánchez será moi débil; sostido por 84 deputados e cuns orzamentos impostos. Unha hipoteca de nacemento cunha pinza disposta a facelos cumprir. Por un lado, o PNV condicionou publicamente o seu apoio neste sentido, xa que non quere perder o que gañou negociando co Goberno anterior. Polo outro, cando confirmouse a noticia, Juncker, o presidente da Comisión Europea, declarou que “para nós e importante que se cumpran os orzamentos”.

Todo indica que o eixo Bruxelas-Berlín será moi duro co novo goberno para obrigalo a cumprir coa ortodoxia neoliberal da austeridade. Non hai que esquecer que ó rescate o que se someteu España en 2012 non viña co tradicional paquete de condicións; a política do goberno do PP non se diferenciaba das medidas que a outros países se lles impuxeran pola forza. Polo tanto, a perda dun socio servil e obsequioso non será ben recibida nunha situación tan delicada para Bruxelas-Berlín.

Non e para menos, dada as vitorias electorais de forzas que cuestionan abertamente a Unión Europea. En Italia, socio fundador da UE e unha das súas principais economías, Liga e M5S utilizan abertamente a retórica da resistencia contra o diktat de Alemaña e as institucións europeas. Pero tamén hai unha serie de problemas con menos visibilidade. Está a cuestión do Brexit, enquistada dende hai dous anos. E a fin do terceiro rescate grego en agosto de 2018, un pais que aínda ten unha débeda do 180% do PIB, polo que haberá que negociar un cuarto rescate, con novas medidas de axuste. Unha negociación na que Atenas terá moi en conta as próximas eleccións de 2019.

Polo tanto, Bruxelas-Berlín está desesperada por mostrar unha imaxe de forza precisamente pola situación de debilidade na que se atopa. Non só por factores internos, se non tamén externos. Os aranceis de Trump o aceiro e mais o aluminio non só supoñen a perda do mercado estadounidense para a siderurxia alemá, se non que a obrigan a competires cunha China que vende estes produtos a baixo prezo e buscará novos mercados para recolocar o que ata agora exportaba ós EEUU, desbancando a quen faga falta. Pero os problemas que causan non impiden que os EEUU manteñan a súa presión para substituír o gas ruso que consume Europa polo seu propio gas de xisto, moito mais caro.

Asediado e desafiado, o centro económico da UE non se pode permitir perder o control da súa periferia, e vixiará moi de cerca o goberno de Sánchez. A historia recente do PSOE, con especial atención a modificación do Artigo 135 da Constitución, a reforma laboral e as políticas de recortes da última etapa de Zapatero, non invita a ilusión. O mais probable e que leve a cabo medidas cosméticas para diferenciarse de Rajoy, e conservar o apoio de Unidos Podemos, necesario para sacar adiante calquera medida lexislativa. É dicir, dun Pablo Iglesias que no seu discurso da moción falaba de referentes coma Corbyn e Sanders, e mesmo dun “novo socialismo do Sur de Europa” seguindo o modelo portugués.

Pero a prioridade vai ser evitar a toda costa un conflito con Bruxelas-Berlín. Non só porque sería enfrontarse a unha poderosa institución liderando un Goberno tan débil coma o descrito. Tamén porque esta atitude desataría unha feroz campaña dos grandes grupos mediáticos na súa contra, inaceptable para Sánchez pola súa posición precaria dentro do seu propio partido. Non hai que esquecer que presentou a moción sen consultar cos baróns nin coa Executiva, facendo evidente a situación de “paz armada” dentro do PSOE dende a caída e resurrección do Secretario Xeral. Que Sánchez utilizara a mesma política de feitos consumados, que obrigou ó resto de partidos a elixir entre el e Rajoy practicamente sen negociacións, coa súa propia xente é un excelente barómetro da situación interna dos socialistas. Así as cousas, o novo Presidente se ve na obriga de utilizar a súa xestión para conseguir unha popularidade persoal que transforme outro golpe interno contra el nun suicidio electoral. E, de paso, ningunear os seus socios, e presentarse coma a “esquerda que xestiona” e polo tanto coma o “voto útil”.

A saída mais lóxica a este cúmulo de contradicións e debilidades e unha versión ligth da austeridade pero cargada de xestos de cara a esquerda. O tradicional socio-liberalismo. Unha situación que Pablo Iglesias sosterá de momento, para evitar que o consideren un factor de inestabilidade por unha caída precipitada do goberno socialista. Ademais, una convocatoria electoral demasiado anticipada só beneficiaría a Ciudadanos, que seguramente tratará de derribar o novo Goberno para evitar que os comicios municipais, ós que se presentarían sen estruturas de partido nin líderes a nivel local, sexan o “Crack do 29” que esmague a súa particular burbulla demoscópica. Unha burbulla que só sería eficaz nunhas eleccións xerais co propio Rivera coma cabeza de cartel.

Así as cousas, podemos agardar que o novo goberno dure a medio prazo, pero que as mínimas concesións en política social que faga non sexan suficientes para frear o descontento social. Este descontento será mediatizado polo partido morado, que posiblemente irá marcando distancia co Goberno de forma progresiva, usando a tribuna parlamentar para facerse eco dos mensaxes que cheguen dende a rúa.

A mellor forma de desenmascarar as retóricas baleiras e dándolles a oportunidade de actuar. Se Sánchez acaba cedendo as presións da austeridade, e dada a situación europea creo firmemente que o fará, só quedaría un partido grande a nivel estatal que puidera presentar unha alternativa de forma crible: Podemos. Unha credibilidade reforzada precisamente pola decisión de Sánchez de excluílos do seu Goberno, seguindo a vella tradición de PSOE de “todo o que está a miña esquerda está obrigado a apoiarme, e a facelo de forma incondicional”.

O balón de osixeno que se verán obrigados a dar aos socialistas mentres estes se retratan, ten a vantaxe engadida de dar tempo a C´s para que se desinfle e ao PP para unha guerra de sucesión. E mentres tanto, en preparación para unhas próximas elección, e incluso unha próxima xestión, a formación morada poderá participar na renovación de RTVE, desbotando así a “redacción paralela” dos populares, e máis na renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. Esta renovación, xunto coa marcha dos populares do Ministerio de Xustiza, quitaralles a capacidade de presionar ós xuíces que investigan as súas corruptelas e, con sorte,  haberá mais sentencias, que terán moita relevancia para futuros comicios.

En resumo, o que cabe agardar é austeridade light e unha “paz armada” entre os partidos que sosteñen o goberno. Ámbolos dous buscarán atribuírse os méritos de calquera política social: uns, porque son o goberno, e os outros polas súas presións dende o Parlamento. Os partidos cooperarán porque a curto prazo non lles benefician unhas eleccións. Pero, mentres tanto, afían os coitelos. E o que ten competir por un mesmo espazo político: Para gañar unha eleccións e gobernar con certa comodidade, teñen que esnaquizar o rival.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.