A radicalidade democrática fronte ao despotismo partidario

Cando naceu En Marea fíxoo como un proxecto político de adscrición individual, non como un partido clásico nin como unha coalición de partidos, porque entendíamos que ditos partidos en todo caso deberan ser “motores auxiliares”, non actores principais. En Marea naceu así como unha emenda á totalidade aos pactos cupulares nos que as organizacións partidarias se autodenominaban como a “Unidade Popular” cando realmente o “pobo” sempre pintou pouco ou nada neses acordos.

Esta fórmula non era nova, foi simplemente a plasmación a nivel nacional do que xa acontecera en moitos concellos do país no ano 2015, cando ducias de candidaturas municipalistas ocuparon o espazo que deixaran vacante as cúpulas partidarias servindo de ferramenta á xente do común par asaltar as institucións. Mais non se pode vertebrar unha alternativa de cambio real a nivel nacional limitándose unicamente ao ámbito municipal. Quedaba por diante o reto de unir ese conglomerado municipalista e, ca máxima de respectar sempre a independencia do local, ser quen de artellar un espazo de colaboración de ámbito galego. Dito espazo instrumental non podía quedarse nunha mera marca electoral, senón que debía retroalimentar e ser o nexo de unión entre as candidaturas municipalistas favorecendo o xurdimento de sinerxias que permitisen a unhas apoiarse noutras, empoderarse para ser quen de consolidar e sobre todo ampliar o espazo do cambio polo resto dos concellos do país.

Con estes antecedentes no mes de marzo deste ano celebrouse un plenario de En Marea sobre municipalismo onde as inscritas decidimos o papel que xogaría o partido instrumental nas citadas eleccións. Estes comicios serían a oportunidade para consolidar, afondar e estender territorialmente o espazo de cambio para o país, oportunidade construída de abaixo arriba, pondo ás persoas no centro das políticas, traballando a prol das maiorías sociais dende a idea de unidade popular para acadar o ben común.

Nese plenario acordouse que o espazo instrumental de En Marea, creado a imaxe e semellanza desas mareas municipais, retribuíse politicamente ás mesmas creando un “paraugas político instrumental” que prestase apoio loxístico, económico e de coordinación, visibilizándoas como candidaturas do espazo político común que é En Marea e tentando pular tamén por disputarlle o espazo institucional das deputacións á dereita. Acordamos que ese paraugas fose o espazo que vertebre a suma de esforzos para espallar polo país o cambio que precisamos, sendo o lugar de encontro de todas as que traballamos a prol de recuperar a ilusión dende o municipal. Acordouse desenvolver un traballo conxunto, baseado no diálogo, a fraternidade, a radicalidade democrática dende novas formas de relación política que teñan o respecto e a autonomía das mareas locais como esencia, e baseado tamén na bidireccionalidade nas relacións coas mesmas.

Fronte a este panorama, observamos estes días como hai quen prefire a unilateralidade (nomeadamente, cupular) fronte á bidireccionalidade, actuación bastante cuestionable para quen se autonomea adalide da nova política. E é que hai organizacións ás que non lles gusta someterse á democracia radical das persoas e prefiren os atallos partidistas para “manexar o barco” a toda costa (a costa incluso, dos acordos asemblearios tomados polas inscritas), organizacións que agora mostran a súa verdadeira faciana.

Así, estes días puidemos comprobar cómo Podemos, IU e EQUO decidiron, unilateralmente dende Madrid, ir en coalición ás eleccións de 2019. Algo perfectamente lexítimo senón fose pola pretensión de impoñer tamén ese acordo ás candidaturas municipais, roubando vilmente, con nocturnidade e aleivosía o traballo feito durante todos estes anos por estas e usándoas de trampolín para os seus obxectivos electoralistas. As candidaturas vense, deste xeito, na obriga, so pena de non ser bendecidas por esta Santa Trinidade partidista, de ceder a súa marca e o seu traballo para ser empregadas como mera propaganda electoralista por organizacións que en moitos casos non moveron un só dedo por elas.

Ademais, aproveitando que o Miño pasa por Ourense, tanto a Carmen Santos (Secretaria Xeral de Podemos Galicia) como Eva Solla (Coordinadora de Esquerda Unida), non lles faltou tempo para volver cuestionar o proxecto de En Marea, espazo do que forman parte, ou non, segundo mellor lles conveña aos seus intereses (ou segundo por ónde lles dea o aire), porque é moito mais sinxelo que pensar nas inscritas, nas maiorías sociais e na unidade popular real.

Tal é así que, sumándose as saídas de tono que a dirixente de Podemos Galicia acostuma a adicarlle ao espazo, as dirixentes de Esquerda Unida en rolda de prensa tiveron a deslealdade de calificar como “partido ornamental” a En Marea, declarando que EU porá as súas estruturas municipais á disposición de Podemos para acadar candidaturas conxuntas alí onde non se acate o acordo do trío de Madrid. Un ataque en toda regra á liña de flotación da base e do sentido da unidade popular en Galicia que son as mareas municipais.  Ademais non tiveron o mais mínimo rubor en dicir que nunca apoiaron a creación dun partido instrumental, cando ambos (Eva Solla e Rubén Pérez) formaron parte da 1ª coordinadora de En Marea e votaron a favor do seu documento de organización onde xa no parágrafo inicial se define a organización como “partido instrumental de participación individual”.

Compárese isto ca proposta de En Marea de colaboración desinteresada con tódalas mareas, mesmo aínda abrindo a porta a tecer redes con aquelas que non se sumen ao paraugas instrumental. Vese aquí claramente a diferenza entre quen ten obxectivos políticos e obxectivos partidistas.

Todo o antes exposto pódese resumir como a loita da democracia radical fronte ao despotismo ilustrado dos partidos e as súas dirixentes, para as que o “todo para el pueblo, pero sin el pueblo” sempre será o máis acaído aos seus intereses. Pero para estas cúpulas hai algo esencial que non teñen en conta ao falar de En Marea e das mareas municipais: ás inscritas. Porque no espazo de ruptura son as inscritas as que deciden o qué queren e cómo. Á xente que deixou o seu esforzo por construír este espazo non lles valen os acordos unilaterais, non lles valen apropiacións indebidas nin impostas do seu traballo. Por moito que se esforcen en denostar e en desprestixiar ás que non acaten as súas decisións cupulares, mesmo chegando ao desprezo coa denominación que fan de “ornamental” á organización pola que elas chegaron a onde están (enténdase, ó Grupo Parlamentar de En Marea), a xente, a protagonista real da unidade popular, vai dar a batalla.

Porque viñemos a mudalo todo, o fondo e as formas, imos tamén a decidilo todo, e non nos imos a resignar fronte aos intereses particulares de ninguén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.