0 Gardados para despois

Xosé Manuel Sarille

A probábel transformación do Opus Dei (e II)

2- A Compañía de Xesús. Unha referencia para o cambio

Camiño loa a actividade de Ignacio de Loyola e de Francisco Xavier. Escrivá de Balaguer admira a orde xesuíta e destácaa como exemplo a seguir. A idea de organización desorganizada no plano secular, de santificación do mundo desde dentro do mundo, de actuar con grande autonomía individual en asuntos que non son espirituais e con liberdade e responsabilidade persoais, inspíranse en boa medida nas máis vellas ensinanzas da Compañía. “Amamos a pluralidade: o contrario podería conducir á ineficacia” di Escrivá. Os xesuítas naceron tamén con vocación de elite dentro da Contrarreforma, áxiles, resolutivos e audaces. Con disciplina de soldados1.

Camiño loa a actividade de Ignacio de Loyola e de Francisco Xavier. Escrivá de Balaguer admira a orde xesuíta e destácaa como exemplo a seguir

A fascinación por esta estratexia é evidente nos escritos e accións de Escrivá. Esa praxe é aplicada dentro da ditadura franquista para facer despegar o seu colectivo. A páxina “opuslibros.org (Gracias a Dios, ¡nos fuimos!)” lembra por exemplo que no noveno gabinete de Franco, doce dos dezanove ministros eran do Opus Dei. Pasaran menos de trinta anos desde a aparición do colectivo.

As dúas institucións nacen en defensa da ortodoxia e ambas incorporan o xenio organizativo e a espiritualidade como aspectos esenciais, mais aparentemente contraditorios. Di Escrivá no punto 470 de Camiño: “Pero... ¿e os medios? -Son os mesmos de Pedro e Paulo, de Domingos e de Francisco, de Ignacio e de Xavier: o Crucifixo e o Evanxeo... -¿Parécenche pequenos?”

Tamén coinciden en buscar o  equilibrio entre a vida activa e a ascética, na confianza no esforzo e na formación, importantísima e permanente. E na disciplina, tanto nos colexios como na orde e na prelatura. A famosa máxima “man de ferro en luva de veludo” que se reproduce en Camiño, se non lembro mal, é anunciada antes pola xesuíta “o nervio da constancia na man da suavidade”.

En ambos casos unha vida subterránea, con actividade discreta e apoio mutuo entre os membros. E un sentimento de pertencer a sociedades fortemente xerarquizadas, comparábeis a milicias.

A Compañía de Xesús xúlgase historicamente á marxe de toda xerarquía, se non por riba. Os bispos non posúen mando sobre a orde, que só obedece e dá contas ao Papa. Esta excepción produciu extraordinarias friccións ao longo dos séculos, coas realezas inclusive, que chegan a consideralos insoportábeis. O Opus é actualmente unha prelatura persoal, a única existente, e tampouco mantén unha relación xerárquica cos bispos. As prelaturas teñen encomendadas a realización de peculiares actividades pastorais, segundo o dereito da Igrexa.

Mais todo cambia na Compañía durante os anos sesenta do século XX, no momento en que se desenvolve o Concilio Vaticano II. A orde ignaciana procede a unha fonda transformación, unha verdadeira revolución interna, que a reorienta cara os pobres. E aí si que a distancia entre a orde e a prelatura se fai sideral. Persiste a vella rivalidade polo poder da Igrexa, á que se lle suma o novo antagonismo filosófico. Xa non está só en xogo o control das estruturas da Santa Sé, senón tamén o sentido relixioso último da misión. 

Todo cambia na Compañía durante os anos sesenta do século XX, no momento en que se desenvolve o Concilio Vaticano II. A orde ignaciana procede a unha fonda transformación, unha verdadeira revolución interna, que a reorienta cara os pobres.

Os choques entre ambas institucións dificilmente se poden disimular. Neses anos Escrivá chega a perder o autocontrol en ocasións. Nunha delas até berra publicamente: “pero por que a Compañía nos persegue?”. Desde ese día o padre Arrupe, xeneral dos xesuítas, cre que o caso de monseñor inscríbese pura e simplemente no dominio da psicanálise, segundo conta Yvon Le Vaillant.          

As autoridades da Igrexa Católica tenden a negar sempre a existencia de correlacións de forzas; aprecian que lles é allea unha análise con eses parámetros. Pero desde fóra obsérvase que moitas veces as loitas son concretas e cruentas, a pesar de que case nunca se asista a explosións moi vistosas, porque as contradicións internas evolucionan con moita lentitude.

As semellanzas entre a congregación xesuíta e o Opus permanecen, claro está, a pesar da distancia entre a opción dos pobres que desde hai cincuenta anos informa a uns e a perspectiva dos ricos, podería dicirse, que informa a case todos os outros, polo menos en Europa e en boa parte da Obra americana2.

Até antes da reforma xesuíta, as dúas institucións acollían apenas nos seus colexios xoves das clases nobres, ricas e dirixentes, conseguindo vínculo e ascendencia sobre as futuras elites: é unha cuestión de dominio social. E igual que no S. XVIII e XIX os filósofos e librepensadores liberais e republicanos viran na Compañía o agrupamento relixioso máis representativo das tendencias retrógradas da Igrexa, os demócratas progresistas da segunda metade do S. XX e comezos do XXI ven o mesmo no Opus Dei. 

No Opus parece levedar unha transformación que recorda precisamente, falando sempre desde fóra, a esa da Compañía de Xesús nos anos sesenta

No Opus parece levedar unha transformación que recorda precisamente, falando sempre desde fóra, a esa da Compañía de Xesús nos anos sesenta. Resulta evidente o interese por levar cara un novo tipo de acción social ao Opus Dei. A nova dirección e o papa Francisco están comprometidos con iso. Mais os cambios son lentos; a vocación mundana do Opus non vai orixinalmente por aí. Cómpre esperar.  Xa veremos a onde pode chegar a forza de Francisco.

 

Notas

1- Un capítulo moi ilustrativo sobre o antedito da Compañía de Xesús estúdao a historiadora Pilar Vázquez Cuesta. Trátase do vertixinoso desenvolvemento dos xesuítas en Portugal inmediatamente despois da súa fundación, tanto na metrópole como no ultramar. A orde tiña once anos cando en 1545 o futuro Santo Ignacio desempeña un papel oficioso de algo semellante a un alto xestor de asuntos da Coroa portuguesa ante a Santa Sé. Os primeiros ignacianos chegaran a Portugal en 1540. En 1541 un membro da orde é nomeado preceptor do príncipe herdeiro. En 1542 abren en Coimbra un colexio exclusivo destinado aos estudantes da orde, para formar misioneiros con destino a ultramar. Inmediatamente fundan colexios en Lisboa e Évora e controlan practicamente todo o acceso á universidade en Portugal. O progreso no Oriente é parecido: desde que chega a Goa Francisco Xavier no ano 41, até o  51 en que morre, lanzan as bases dunha sólida estrutura misioneira con colexios, seminarios, hospitais, literatura relixiosa en linguas indíxenas e até unha especie de servizo de información internacional, representado polas chamadas cartas de xesuítas. Todo debido ao incondicional apoio do rei.

2- O cambio xesuíta durante a fase final do Concilio Vaticano II desenvolveuse máis ou menos así: A Congregación xeral xesuíta reúnese en 1965 para elixir o sucesor do xeneral Janssens e levar a cabo a posta ao día da orde. O traballo era arduo no referido ao aggiornamento, porque os traballos conciliares estaban aínda en marcha e porque “non existían nin precedentes nin experiencias de adaptación dunha antiga orde ou congregación relixiosa ás realidades emerxentes dunha outra era histórica no espazo eclesial e no espazo mundano” segundo escribe Manuel Antunes. Nomean xeneral ao padre Arrupe e iníciase un novo estilo de liderado da Compañía. A Orde fúndase de novo, ou case. Refúndese o corpo de leis, regras e normas. Estrean unha nova consciencia e inician novos propósitos, renóvanse as estruturas da administración central e as formas de evanxelización e apostolado. Pretendían reunir todas as forzas para oporse eficazmente ao ateísmo. Paulo VI confiaba nos xesuítas (o cuarto voto dos membros da Compañía é o de obediencia ao Papa) non para desenvolver un estilo de cruzada, senón outro moi diferente, o da razón recta e segundo as regras da análise científica máis exixente e coas armas do espírito. Todo iso ensáiase con tensións internas e desfasamentos, pero neses cambios intensifícase o apostolado social. A XXXII Congregación é convocada para tratar a cuestión do estatuto de pobreza e a da evanxelización e promoción da xustiza no mundo actual. Desde aí van até o compromiso manifesto cos pobres sen simulacro de ningunha caste, e que se constata traxicamente nas súas vítimas, asasinadas polos poderes oligárquicos, como Rutilio Grande, o Padre Ellacuría e outros membros da orde.

 

Bibliografía

  • A Língua e a Cultura Portuguesas no Tempo dos Filipes. Pilar Vázquez Cuesta.
  • Arrupe, una explosión en la Iglesia. Pedro Miguel Lamet.
  • Camino. José María Escrivá de Balaguer.
  • Conversaciones con Monseñor Escrivá de Balaguer. Anónimo. Ediciones Rialp S.A.
  • Geopolítica de la Santa Sede. La Vanguardia Dossier
  • La Teología de la Liberación. Caracterización, corrientes, etapas. Juan Carlos Scannone.
  • Les Jésuites. Alain Guillermou.
  • Les Jésuites. Histoire de pouvoirs. Alain Woodrow.
  • Quando il Papa pensa il mondo. Classici di Limes. 
  • opuslibros.org (Gracias a Dios, ¡nos fuimos!)

Publicidade

Acerca de Xosé Manuel Sarille