O antinatalismo compasivo de David Benatar. I. A opción a prol da morte

David Benatar é un controvertido filósofo e académico surafricano que adoita defender teses duras, perturbadoras, provocadoras e estimulantes, que invitan ao debate. Desde que en 2006 publicou Better Never to Have Been. The Harm of Coming into Existence, Benatar situouse no centro do campo antinatalista, unha corrente de pensamento con escasa visibilidade que moitos consideran exótica e os crentes cualifican a miúdo de inconsistente e nihilista. Porén, atopamos visións antinatalistas en múltiples fontes: en Sófocles, por exemplo, en Schopenhauer, en Cioran ou mesmo n’A Biblia.

Benatar situouse no centro do campo antinatalista, unha corrente de pensamento con escasa visibilidade que moitos consideran exótica e os crentes cualifican a miúdo de inconsistente e nihilista

Para Benatar, nacer é sempre un dano serio e inútil. Se un non chega a existir non pode sufrir ese dano. A existencia é mala porque todas as vidas (certamente, unhas máis que outras) conteñen fame, sede, cansazo, frío, calor, tedio, frustración, ansiedade, tristeza, soidade, dor, doenzas, envellecemento, morte. O mundo está cheo de desnutrición, enfermidade, violencia, inxustiza, desastres naturais, é dicir: está repleto de sufrimento. Por suposto, a vida ten cousas boas, que a fan mellor. Pero se un non chega a existir, a ausencia desas cousas boas non é unha privación, porque aqueles que nunca existen non poden ser privados de nada. O bo e o malo só poden sucederlles a aqueles que existen. Pero hai unha asimetría crucial entre as cousas malas e as boas. A ausencia de sufrimento é boa aínda que non haxa ninguén que poida aproveitarse dela, mentres a ausencia de cousas boas é mala unicamente se hai alguén privado delas (os que nunca existiron non poden lamentar os praceres dos cales non gozaron).

Moitos de nós temos vidas agradábeis. Pero iso, segundo Benatar, non fai a nosa esistencia máis desexábel que a inexistencia, porque a nosa autopercepción non é fiábel, lévanos a un xuízo equivocado sobre os límites de sufrimento aceptábeis. Desde un punto de vista evolutivo convén que nos reproduzamos e que non nos suicidemos, o cal explica os mecanismos psicolóxicos que nos fan sobrevalorar sistematicamente a calidade da nosa vida e negar que cando chegamos a existir sufrimos danos serios. Así, tendemos a lembrar sobre todo as cousas positivas, a adaptarnos á nosa insatisfacción actual, a pensar que nos vai mellor que aos demais e a ter unhas expectativas esaxeradamente optimistas. Padecemos moitos máis males dos que adoitamos recoñecer. Eses danos son de feito tan serios que mesmo as mellores vidas son en realidade vidas moi malas.

Obviamente, unha vez que estamos vivos xa é demasiado tarde para previr eses danos. Mais non para evitarllos a posíbeis persoas futuras. Benatar entende que quen decide ter fillos pode aducir moitos motivos: persoais, familiares, tribais, nacionais. Pero entre estes motivos non pode estar o interese do neno potencial, quen non vai beneficiarse da existencia, posto que vai sufrir. Quen non desiste da súa intención de ter fillos cáusalles sufrimento precisamente a eses fillos (e ademais inicia unha cadea de sufrimento, xa que os fillos tamén van querer ter fillos). Os remorsos por non termos fillos non se deben aos fillos potenciais, que non teñen interese ningún en existir; son en realidade remorsos por nós mesmos, por non termos criado fillos.

Benatar conclúe, coherentemente, que ter fillos está moralmente mal. Hai, en consecuencia, un deber moral de non procrear, de non traer seres ao mundo que van sufrir

Benatar conclúe, coherentemente, que ter fillos está moralmente mal. Hai, en consecuencia, un deber moral de non procrear, de non traer seres ao mundo que van sufrir. Neste sentido, o sexo só é moralmente aceptábel cando non é reprodutivo, a reprodución asistida é un mal e o aborto é un ben (até aproximadamente as semanas 28 a 30, cando o feto adquire un grao mínimo de conciencia e a existencia se volve, polo tanto, moralmente relevante). Esta opción pro-death oponse tanto á pro-life (antiabortista) como á pro-choice (a prol do dereito ao aborto). O deber moral de non procrear non nega nin o dereito á reprodución nin o dereito a non abortar. Esta negación sería incompatíbel co Estado democrático de dereito, dado que precisaría dunha inaceptábel invasión da esfera privada. Polo mesmo motivo resulta inadmisíbel a opción pro-life, que implica a prohibición do aborto. É rechamante que no debate sobre a interrupción voluntaria do embarazo xamais se mencione esta opción a prol da morte. Claramente, á raza humana horrorízalle a idea da súa propia extinción.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.