O antinatalismo compasivo de David Benatar. II. Extingámonos!

Nacer é un dano. Pero isto non significa para Benatar que seguir a existir sexa sempre peor que a morte, porque a morte tamén é mala. Os vivos temos un forte interese en existirmos, un interese que se mantén mentres haxa un mínimo de calidade de vida. Polo tanto, o suicidio é unha consecuencia posíbel pero non necesaria do antinatalismo. A morte pode ser racionalmente beneficiosa, pero é un dano. O suicidio ten, a maiores, un impacto moi negativo nas vidas dos próximos. Así que estamos atrapados: aínda que sexa lóxico suicidarnos porque a nosa vida é mala, este acto vailles causar unha inmensa dor aos nosos seres queridos.

Segundo Benatar, nunca debemos existir, e o mellor que podemos facer é extinguirnos canto antes, de maneira que poidamos evitar a máxima cantidade posíbel de sufrimento. Para impedirmos que a sorte dos vivos sexa moito peor aínda, a extinción non debería facerse de súpeto. De todos os xeitos, a derradeira xeración sufrirá moito, tanto se a extinción é voluntaria (suposto difícil de imaxinar) como involuntaria (suposto inexorábel). Esta xeración vivirá nun mundo onde as estruturas sociais e públicas van ir derrubándose e onde non haberá futuro ningún. Se é indefectíbel que isto suceda, o mellor é que sexa canto antes para evitarmos o sufrimento das xeracións que haberá entre a actual e a derradeira.

Benatar puntualiza que a extinción voluntaria sería moralmente problemática se se fixese mediante un programa de eliminación. É moralmente malo matar unha persoa sen unha xustificación axeitada, porque se lle inflixe un mal; é dicir: a vida desta persoa empeora aínda máis, dado que a todos os males que xa padece hai que lle engadir o dunha morte prematura. Pola contra, a extinción voluntaria non causaría ningún conflito moral se se fixese simplemente renunciando á creación de novas persoas.

O antinatalismo de Benatar, que a maioría entenderá como ridículo, débil, autocompasivo ou mesmo ofensivo, é indiscutibelmente pesimista. Pero tamén é altruísta, porque obedece unicamente á vontade de eludir o sufrimento. É obvio que o punto de vista de Benatar apenas ten posibilidades de ser adoptado maioritariamente, pero non porque sexa misantrópico. Misantrópica sería, en todo caso, a nosa indiferenza ante o sufrimento causado polo dano que supón nacer. Pero aínda que sexa filantrópico, este antinatalismo si contén unha reflexión misantrópica. Para Benatar, os humanos causamos unha cantidade colosal de sufrimento: mancámonos entre nós e agredimos os animais. Somos a especie máis destrutiva do planeta, de modo que un mundo sen nós será un mundo mellor, un mundo sen sufrimento.

Esta exposición grosso modo abonda para vermos que a filosofía de Benatar constitúe todo un desafío intelectual e emocional. O que mellor a distingue é a súa aproximación compasiva, distinta da misantrópica que comparten algúns antinatalistas. De feito, é unha teoría tan compasiva como irrelixiosa. Na cosmovisión de Benatar, o Universo ignóranos por completo, conque o noso sufrimento non ten sentido ningún. Toda a dor que alberga o mundo é simplemente inaceptábel.

Benatar non é sempre moi claro no plano racional, por exemplo (e este é quizais o punto máis débil da súa teoría) cando explica a asimetría entre as cousas malas e as boas. Por outra banda, a proposta da nosa propia extinción, moi razoada e ben intencionada, bate sen dúbida contra a solidariedade entre conxéneres, compañeiros na nosa tráxica finitude, no destino que nos une. Tamén é certo que a nosa solidariedade é selectiva. Así, mesmo en plena (e suposta) catástrofe demográfica, os europeos preferimos a descendencia á inmigración. Non limitamos a procreación, pero si a inmigración. Por que prevalece o dereito a procrear sobre o dereito a emigrar?

A teoría moral radical de Benatar é un verdadeiro tour de force intelectual que pode parecer moi convincente. Outra cousa é que emocionalmente sexa doada de asimilar. En todo caso, coñecela pode resultar útil, por exemplo cando se reactive entre nós o interminábel debate sobre o aborto –o día en que coñezamos por fin a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o recurso interposto polo PP hai oito anos contra a lei de prazos– e, en xeral, para enriquecermos a nosa eterna reflexión sobre a condición humana. Apunten: Better Never to Have Been. The Harm of Coming into Existence, de David Benatar.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.