0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Marx para socialdemócratas. I. Toda economía é economía política

O ríxido determinismo histórico é quizais o alicerce máis débil do edificio marxiano. En efecto, Marx foi refén dunha sorte de deriva profética baseada sobre a idea de que a historia non é caótica, senón que depende de certas leis que conducen os acontecementos nunha dirección precisa. Concretamente, a historia estaría condicionada pola loita de clases e desembocaría indefectibelmente no socialismo. Marx errou por completo cando predixo a evolución do sistema capitalista e a conseguinte e inevitábel revolución socialista en forma de ditadura do proletariado. Era moi consciente de que o capitalismo é extremadamente dinámico, pero non soubo ver que o sistema iría aprendendo e que non sufriría un colapso (non até hoxe, polo menos) por mor das súas contradicións. Tampouco intuíu que a estrutura de clases do capitalismo se faría tan complexa, que os traballadores non se converterían nun suxeito revolucionario e que a revolución socialista acabaría desaparecendo axiña do noso horizonte de expectativas. Nin sequera a Revolución de Outubro encaixou nas predicións marxianas: non tivo lugar nunha sociedade capitalista avanzada –onde a esquerda, de feito, acabou adoptando o reformismo–, e o que instaurou non foi o socialismo, senón unha estraña combinación entre absolutismo tardofeudal e capitalismo de Estado.

O groso da obra marxiana, escrito durante a primeira fase do capitalismo industrial na Europa occidental, está moi estreitamente relacionado co seu tempo e ten nos nosos días un poder explicativo que hai que manexar con moita prudencia. Aínda así, non hai dúbida ningunha de que Marx foi o máis agudo dos estudosos do capitalismo e tivo acertos importantes. Caracterizou moi ben o capitalismo como un sistema que xera gañadores e perdedores e, polo tanto, provoca desigualdade. É certo que historicamente a pobreza non creceu en termos absolutos –porque o progreso económico fixo subir moitísimo o nivel de vida–, pero os ricos si foron incrementando a súa parte dos ingresos e da riqueza. Ademais, Marx soubo ver que, malia as súas crises cíclicas, o capitalismo é un sistema en expansión, conque a globalización non debería ter para nós nada de verdadeiramente sorprendente.

Se hai algo que non podemos negar hoxe, con ocasión do bicentenario do seu nacemento, é que Karl Marx, malia as súas eivas, é unha das figuras máis fascinantes da historia. Foi un erudito e un xenio cuxo propósito na vida foi entender o capitalismo, do cal, de feito, segue a ser o máis grande dos analistas críticos. Precisamente por este motivo debe ser reivindicado pola socialdemocracia. A Marx debémoslle a constatación, que adoitamos esquecer, de que o capitalismo non é un fenómeno natural, senón un invento histórico. Con outras palabras (palabras que deberían figurar no frontispicio da sede da Internacional Socialista en Londres): toda economía é economía política. A influencia do marxismo non debe ser subestimada, e menos aínda pola socialdemocracia. Alguén imaxina a socioloxía (a partir de Max Weber) ou a ciencia económica (a partir de Schumpeter e Keynes) sen a cosmovisión de Marx, sen a idea do capitalismo como un sistema dinámico e global?

Publicidade

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Entre maio de 2014 e outubro de 2016 publicou en Praza Pública o blog Café Federal. Traduciu as Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, e A morte en Venecia, de Thomas Mann, e é o autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.