A minoría supremacista

“Hablamos español” fracasou nas súas convocatorias de agosto, malia escoller datas de feiras en localidades con moitos turistas do resto do Estado: Sanxenxo, Baiona e Compostela. Mesmo entraron en conflito con elementos salientábeis do PPdeG, como o alcalde de Sanxenxo. De certo que a súa mensaxe ríspida, nin empática nin simpática, de brancos e negros, confronta de máis cos grises e relativismos galegos,  coa tolerancia, a amabilidade e a cordialidade que adoitan rexer asrelacións interpersoais  neste país atlántico.

Diran moitos de vostedes que non paga a pena escrebir a respecto desta xente. Que viven fóra da centralidade, son moi curta minoría e  non representan case a ninguén. Isto  é verdade, mais só se atendemos á realidade social de Galicia. Porque esta corrente,  reducida  e radicalizada, conecta con amplas capas da poboación nos territorios unilingües do Estado. Conecta con ese “mainstream” supremacista español que marca a axenda política da dereita española e na que se insiren os líderes de Cs e PP, Albert Rivera e Pablo Casado, canda os extremistas de Vox.

Fronte esta mensaxe de división, de exclusión do que é noso e de minorización dos nosos dereitos e intereses cómpre opoñer unha mensaxe en positivo, transversal, incluínte e pedagóxica que, porén, non lles pase unha no ámbito do debate das ideas e na definición da axenda política

O discurso de “Hablamos español” é a negación da realidade. O problema na Galicia non o ten o omnipresente castelán, senón a nosa lingua propia, vetada en máis da metade do sistema educativo e moi minorizada nas Admnistracións do Estado e de Xustiza, na empresa, na publicidade e nos media. O discurso de “Hablamos Español”, como o do seu fundador Galicia Bilingüe proxecta unha realidade deturpada  onde o opresor transfórmase en oprimido.

Esta mensaxe non pretende ser maioritaria na sociedade galega, mais si cohesionar e alargar unha minoría moi influínte, que marque a axenda política, que impida de feito a oficialidade do galego, a vitalidade da nosa cultura, o desenvolvemento da nosa economía e a restauración da nosa autoestima. Quere dividir á sociedade galega e presentar aos que defenden os nosos dereitos e intereses  como o que son eles, como sectarios, intolerantes e pouco empáticos. Queren pór o mundo ao revés e que as súas teses supremacistas pasen por ideas razoábeis.

Fronte esta mensaxe de división, de exclusión do que é noso e de minorización dos nosos dereitos e intereses cómpre opoñer unha mensaxe en positivo, transversal, incluínte e pedagóxica que, porén, non lles pase unha no ámbito do debate das ideas e na definición da axenda política.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.