0 Gardados para despois

Laureano Araujo

“Calada coma unha puta”. I. Un negocio á marxe do debate

España é unha das capitais da prostitución europea e un dos países do mundo onde máis demanda hai de servizos sexuais. Polo menos un de cada tres españois disque pagou algunha vez por estes servizos, que moven varios miles de millóns de euros anuais. De feito, a prostitución é un dos negocios máis lucrativos que existen e nel participan uns 40 millóns de mulleres no planeta. En España, dependendo das fontes, entre 100.000 e 300.000. Pero poderían ser menos. Ou máis. Que ninguén espere atopar cifras nin remotamente aproximadas.

Deste mundo tan difícil de iluminar forma parte o comercio de persoas con fins de explotación sexual. Neste campo, a prevención e a represión, as únicas políticas públicas imaxinábeis, son un enorme desafío. Pero é realista pensar que a maior parte da prostitución se subsume na categoría de explotación? Cal é logo a dimensión verdadeira desta escravitude? En 2017, o Ajuntament de Barcelona concluíu que a metade das prostitutas da cidade non exercen voluntariamente. Esta cifra é extrapolábel ao resto do país? Porque hai estudos que sitúan a porcentaxe da explotación sexual en España entre o 15% e o 33%. Ollo de novo con quen presuma de datos precisos.

En todo caso, igual que hai escravas, tamén hai quen se dedica ao traballo sexual de maneira voluntaria. Todo o voluntaria, certamente, que pode ser unha actividade levada a cabo en circunstancias de pobreza, precariedade, toxicomanía ou estranxeiría irregular. De todos os xeitos, habelas hainas: mulleres que reivindican a súa liberdade para exercer a prostitución e que para iso demandan a protección da lei. Unha protección que non é un capricho, porque o traballo sexual é moi duro: medo, condicións pésimas, vulnerabilidade extrema, marxinación, discriminación.

Ante a prostitución, que constitúe o símbolo por excelencia da desigualdade entre a muller e o home, é lóxico que o feminismo se atope dividido. O traballo sexual é unha actividade mercantil case por completo genderized, o cal leva unha parte do feminismo a concluír que é sempre unha forma de violencia sobre as mulleres. Outra corrente dentro do feminismo, porén, constata que si hai mulleres que libremente optan pola prostitución. O chocante deste debate é que nel participan sobre todo persoas “expertas”, sen que as propias prostitutas apenas interveñan. É un círculo vicioso: a estigmatización provoca vergoña, a vergoña é calada e o silencio é un ingrediente da invisibilidade.

Este debate non vai resolverse facilmente. Quen pensa que o traballo sexual xamais é voluntario e debe ser coartado non acepta que unha muller chegue a estar empoderada até o punto de controlar e vender a súa sexualidade. Isto non sería máis que unha “violación remunerada” contra a cal cómpre actuar mediante a persecución dos clientes, sen os cales non habería prostitución ningunha. Pero quen coida que a prostitución é un traballo, o que esixe é a autoorganización (tamén sindical) e o amparo das traballadoras e dos traballadores sexuais, a erradicación das mafias, a prevención e a represión da prostitución coactiva. Entrementres, o curso desta sórdida realidade apenas se altera.

Publicidade

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Entre maio de 2014 e outubro de 2016 publicou en Praza Pública o blog Café Federal. Traduciu as Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, A morte en Venecia, de Thomas Mann, e os Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig, e é o autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.