0 Gardados para despois

Henrique del Bosque Zapata

A un ano do referendo catalán. Desobediencia e dignidade

Malia as prohibicións, ameazas e represión o pobo catalán realizou, hai case que un ano, unha mostra de dignidade das que escasamente se teñen observado nos lugares centrais do mundo occidental desde que deu comezo este novo século. O pobo respostou pacificamente, e desobedeceu maioritariamente, á intransixencia, autoritarismo e despropósito dun Reino que vulneraba os máis elementais principios democráticos ao se negar terminantemente, mesmo a falar da posibilidade, a que ese pobo puidera expresar a súa opinión mediante unha consulta. O pobo desobedeceu e, máis alén que dentro das fronteiras do Reino, a xente que acredita no diálogo, na negociación e na democracia entendeu que ese acto brutalmete reprimido era un acto de desobediencia civil fronte o fuscallo e obcecación dun rexime que resolve os seus conflitos políticos coa prohibición e a represión.

Porque ese acto de desobediencia masiva, que debería aledar as conciencias de quen arela ampliar  as democracias deficitarias, fai parte dunha resposta cidadá contra os modos inxustos e  arbitrarios do poder, e que filósofos e xuristas coma Arendt, Raz, Dworkin, Rawls ou Habermas, entre outras e outros moitos, teñen reflexionado e formulado coma desobediencia civil recollendo a expresión que Thoreau nos legou en 1846. Deste xeito, a valentía de incumprir a prohibición, de transgredir unha decisión abertamente inxustificábel, remitía a unha sociedade civil que apelaba ao sentido de xustiza de toda a poboación e, ao mesmo tempo, actualizaba os contidos e principios que dan sentido aos sistemas democráticos. Coa desobediencia, o pobo recuperaba a esperanza e a ilusión na expresión e na participación; confiaba na súa capacidade para corrixir os defectos desas empresas deficitarias na protección das garantías xurídicas das minorías e dos desposuídos e, xa que logo, necesitadas de revisións periódicas, que son os Estados e as súas Constitucións.

A desobediencia civil é un instrumento que axuda a ir resolvendo a tensión dialéctica entre seguridade e liberdade, entre legalidade e lexitimidade, e onde a procura de xustiza agroma para reparar as fendas e carencias que dificultan o avance cara un mundo expansivo de recoñecemento e aplicación dos dereitos. E cando a concordia parece romperse a responsabilidade non recae sobre quen protesta para que se estendan os dereitos e as liberdades, senón sobre quen tendo o monopolio do poder e da violencia fai uso e abuso dos mesmos para negar tal posibilidade e impór un único modelo de convivencia. Pensar que a lei se ten que obedecer cegamente, pase o que pase, custe o que custe, diga o que diga, retrotraenos a tempos escuros, e recentes, nos que un groseiro positivismo constituiu a arma perfecta para someter, dominar e xustificar o exterminio. Así pois, a desobediencia civil é un correctivo fronte á parálise e ao retroceso democrático, así coma resulta un incentivo na mellora legal, moral e política cando os mecanismos institucionais das sociedades non son quen de recoller as demandas de recoñecemento dunha parte da sociedade, limitando a universalización da dignidade. Tal e como se desenvolveron os feitos, non temos dúbida de que a cívica e masiva mobilización popular da cidadanía catalana, para seren escoitada no outubro pasado,  superou o test moral para ser calificada como unha manifestación de desobediencia civil.

En primeiro lugar foi un acto contrario a unha prohibición que suscitaba unha fonda discrepancia sobre a xustiza e a razoabilidade da mesma. Un pobo que quería ser consultado sobre unha cuestión que consideraba dunha enorme relevancia para o seu futuro, contemplaba como o que podía ser negociado, pactado e realizado noutros Estados, apelando precisamente a criterios de democracia e dereitos fundamentais, a eles se lles negaba até o ponto de rexeitar calquera vía de diálogo sobre o tema. Foi, tamén, un acto político dirixido á maioría que exercía o poder político e guiado e orientado por principios políticos de xustiza, sobre todo cando relevantes xuristas consideraban a posibilidade de variadas interpretacións do ordenamento xurídico para dar cabida a esta consulta. En terceiro lugar foi un acto feito con conciencia, con coñecemento de que se desafiaba unha decisión do poder, percibida como atentatoria aos máis elementais criterios democráticos, razón pola que  se considerou necesario recorrer a esta medida unha vez comprobada a imposibilidade de diálogo ou negociación por parte do Estado. O acto cumpriu o requisito de ser público, tanto no sentido de apelar a un sentimento público e compartido de xustiza coma de realizarse co propósito de dirixirse á maioría social para amosar a diverxencia moral entre as normas imperantes e o respecto á vontade dun pobo que quere convivir en paz e con liberdade. Foi a expresión dun pobo que demanda ser recoñecido coma suxeito político con capacidade de decisión. En último lugar, o referendo foi unha demostración de autoorganización, civismo e non violencia, só alterada pola tremenda intervención policial. E, neste sentido, son varios os autores que consideran que a desobediencia civil só ten eficacia e cabida nun estado de dereito, xa que nun estado totalitario estas manifestacións lexítimas son rapidamente sofocada pola autoridade; análise que debería dar para reflexionar colectivamente sobre a calidade democrática do reino de España.

O referendo de outubro tivo como bandeira a defensa da dignidade fronte a intolerancia e o desprezo que supón a falla de recoñecemento dunha cidadanía que pretendía ser consultada. O referendo foi, ademais, un acto representativo de todas as minorías que nunca poden adoptar decisións sen a tutela, o control ou o consentimento dunhas maiorías que, pola contra, sempre gozan da capacidade para impór  o modelo de relación, independentemente do sentir maioritario daquelas. Minorías que, baixo o xugo do formalismo procedimental, fican permanentemente ao arbitrio da maioría, o que acaba convertindo a regra maioritaria nunha inaceptábel e humillante situación de dominio e opresión. Naquel 1 de outubro a frescura da liberdade e da esperanza impregnou o ar dun rexime gris e obsoleto. Obrigado, pobo de Catalunya!

Publicidade

Acerca de Henrique del Bosque Zapata

Mestre de ensino medio e ensaísta.