A bagaxe antidemocrática da ‘nomenklatura’ unionista española

A deriva independentista do nacionalismo catalán, detectábel xa ao comezo do milenio, foi impulsada dun xeito decisivo polo Partido Popular. Durante o primeiro mandato do presidente Rodríguez Zapatero, e tras recoller catro millóns de sinaturas para unha iniciativa lexislativa popular anticatalanista, o PP interpuxo en 2006 un recurso de inconstitucionalidade contra o novo Estatut d’autonomia, unha norma que intentaba sortear a imposíbel reforma da lei fundamental mediante a instauración, pola porta traseira, dunha especie de federalismo asimétrico construído sobre a idea implícita dun ámbito de soberanía catalá.

Catro anos despois, cando a crise económica xa amosaba a súa faciana máis brutal, un Tribunal Constitucional politizado e desprestixiado ditou unha sentenza nacionalista e xacobina que laminou o Estatut pactado entre os parlamentos catalán e español e votado en referendo, sen excesivo entusiasmo, pola cidadanía catalá. Un pacto estatutario, nota bene, que, malia a súa etioloxía pouco edificante, estivo vixente durante catro anos sen alterar o máis mínimo o funcionamento do Estado. No marco do que se deu en chamar estratexia da crispación, que tensara enormemente o país, todo, incluída unha extremada campaña populista contra Cataluña, lle valera ao PP para desgastar e deslexitimar o executivo. Até o día de hoxe, o PP nin propuxo un novo estatuto nin fixo exame de conciencia e propósito de emenda.

De feito, se algo caracteriza o unionismo é precisamente o inmobilismo e a irresponsabilidade da súa nomenklatura. Obsérvese, por exemplo, como cede á tentación do agravio e da represión, mesmo ignorando groseiramente o principio de legalidade penal, como ilustra o caso dos políticos independentistas en prisión preventiva, investigados por rebelión polo Tribunal Supremo malia que os seus actos son moi dificilmente subsumíbeis no tipo do artigo 474 do Código penal. Entrementres, a demanda maioritaria da cidadanía catalá de celebrar un referendo sobre a relación entre Cataluña e España fica simplemente desatendida.

O discurso anacrónico, intransixente e displicente do unionismo máis rancio exclúe de raíz calquera posibilidade de autocrítica. É practicamente inimaxinábel que un dirixente dun partido sistémico español, sobre todo do PP ou de Ciudadanos, analice con rigor os anos de políticas públicas recentralizadoras ou o problema da perda de calidade da nosa democracia. Pola contra, abondan as mostras de fachenda nacionalista ou, no mellor dos casos, de tancredismo arrogante. Por riba do sentido de Estado parece situarse sempre o interese electoral.

Cómpre non esquecer, porén, que o Parlament leva desde 1989 afirmando que Cataluña é unha nación. A prudencia e o respecto máis elementais –por non falar do peso da longuísima traxectoria da nation building catalá– deberían obrigar o unionismo a admitir que Cataluña é, efectivamente, unha nación. O cal non implica que, xuridicamente, Cataluña sexa titular do dereito de autodeterminación. Porque non o é. Nin é unha colonia nin está ocupada ou gravemente oprimida. Polo tanto, a pretensión de separarse de España só sería lexítima desde unha perspectiva política. E precisamente desde esta perspectiva, a ese 48% do corpo electoral que opta pola independencia debería dárselle, nunha democracia, unha enorme importancia. Que é exactamente o que non fai o unionismo. Por que será?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.