Pendentes dunha decisión do TC: un par de notas laicas sobre o aborto

Inmediatamente despois de, o 9 agosto, o Senado arxentino rexeitar a legalización do aborto mediante unha lei similar á española que aprobara a Cámara dos Deputados, o portavoz da Conferencia Episcopal Española, José María Gil Tamayo, membro do Opus Dei, reclamoulle ao noso Tribunal Constitucional que “tome nota” do “valor de la vida frente a quienes desean imponer la muerte de un inocente so capa de progreso”.

Para entendermos correctamente tan florida declaración, debemos lembrar que a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, coñecida como lei de prazos, foi aprobada durante o segundo mandato do presidente Rodríguez Zapatero e recorrida o 1 de xuño de 2010 polo Partido Popular perante o TC. Entre as moitas mostras de irresponsabilidade do bloque católico, esta é, sen dúbida, unha das máis impactantes, máxime se temos en conta que, xa con Mariano Rajoy á fronte do executivo, o PP non se atreveu a derrogar a lei. A única iniciativa lexislativa conservadora nesta materia foi a Lei orgánica 11/2015, do 21 de setembro, para reforzar a protección das menores e mulleres con capacidade modificada xudicialmente na interrupción voluntaria do embarazo. Estas mulleres necesitan agora, para abortaren, o consentimento expreso dos seus representantes legais.

Entrementres, porén, o recurso perante o TC non foi retirado. O correspondente procedemento continúa unicamente pendente de votación e sentenza, con toda probabilidade porque o presidente, o conservador Juan José González Rivas, non lle remite ao pleno o relatorio do maxistrado Andrés Ollero, numerario do Opus Dei, porque carece do apoio necesario. Polo tanto, cando o voceiro dos bispos lle pide ao TC que tome nota, o que lle está a propor é que declare inconstitucional a lei de prazos. Dado que parecen admitirse as suxestións, o TC podería enriquecer as súas notas cun par de referencias e consideracións que ao señor Gil Tamayo, polo visto, non se lle ocorreron.

Cómpre preguntarse se o TC debe pronunciarse sobre a constitucionalidade dunha norma que, puidendo ser expulsada do ordenamento xurídico por quen a recorreu, segue a ser aplicada pacificamente

Máis do 40% dos embarazos que hai no planeta son involuntarios. Deles, máis da metade acaban nun aborto. Pero catro de cada dez mulleres en idade fértil viven en países onde o aborto está prohibido ou restrinxido, ou é inaccesíbel. Hai así anualmente uns 25 millóns de abortos inseguros, sobre todo en África, Asia e América Latina. Estes abortos causan preto de 50.000 vítimas entre as mulleres máis vulnerábeis. É perfectamente posíbel, polo tanto, estabelecer unha correlación entre a penalización do aborto e a morte de mulleres por esta causa. Entre nós, desde logo, a lei de prazos trouxo consigo unha diminución do número de abortos.

A maiores, o TC debería decidir se o transcurso dos anos non incide, neste caso, no proceso de declaración de inconstitucionalidade. Despois de todo, repetimos, o propio PP non derrogou a lei de prazos que impugnou, conque cómpre preguntarse se o TC debe pronunciarse sobre a constitucionalidade dunha norma que, puidendo ser expulsada do ordenamento xurídico por quen a recorreu, segue a ser aplicada pacificamente. Son só uns cantos datos e reflexións. Aí fican, para que tomen nota.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.