Piketty: rigor e compromiso

En 2013, cando publicou Le capital au XXIe siècle, é posíbel que Thomas Piketty non intuíse a forza con que o que sería o seu bestseller impactaría na opinión pública e na academia. Os seus críticos neoliberais axiña cuestionaron a metodoloxía e os datos que manexa, subliñaron o seu carácter marxista light e descualificaron a súa teoría como preocupante porque desacredita as políticas económicas dominantes, que ignoran por completo o problema da repartición da riqueza. Hoxe, porén, Piketty segue a ser citado constantemente. Pero por que?

O mérito do economista francés está en converter inesperadamente nun asunto político a concentración, en poucas mans, dos ingresos e da riqueza. Piketty faino detectando con rigor científico como o sistema capitalista crea desigualdades que cuestionan o principio de xustiza social da democracia. En efecto, a gobernanza neoliberal trae consigo un crecemento espectacular das desigualdades salariais e mais un aumento gradual da desigualdade patrimonial. Como explicarmos que os titulares do capital, moitos dos cales xa naceron ricos, teñan unha parte significativa da riqueza producida? E cantos empresarios non acaban simplemente vivindo das rendas? Este desequilibrio entre o traballo e o capital é inxusto e arbitrario; e é socialmente irracional e perigoso, e non só para o capitalismo, senón tamén para a democracia.

Debemos preguntarnos, en definitiva, se unha democracia, que postula a igualdade dos cidadáns e a meritocracia, é compatíbel coa desigualdade das condicións de vida; é dicir: se aínda podemos preservar o Estado social e mais regular e controlar o actual capitalismo patrimonial globalizado. Para Piketty, a política debe afrontar este desafío á democracia mediante (a) unha educación igualitaria e incluínte, que é, a longo prazo, o mellor instrumento para reducir as desigualdades salariais. Dado que aumenta a produtividade, a formación é o principal recurso corrector na distribución da riqueza. Tamén cómpre (b) recuperar a progresividade do imposto sobre a renda e (c) introducir un imposto progresivo sobre o capital a escala mundial ou polo menos rexional (por exemplo, na UE). Estas medidas fiscais constitúen, polo de agora, un virtuoso exercicio de wishful thinking.

Coa análise de Piketty, os economistas socialdemócratas puideron reivindicar de novo o legado keynesiano das tres décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial, que foi o período durante o cal a distribución da renda e do capital foi máis igualitaria, as rendas do traballo constituíron a parte substancial da renda nacional, se aplicaron políticas fiscais progresivas, se desenvolveu o Estado do benestar e aumentou a taxa de crecemento. Pero que a socialdemocracia estea en condicións de saír á palestra a defender as políticas públicas propostas por Piketty e tamén a suba dos salarios e do gasto público social, o aumento da presión fiscal sobre as herdanzas, o reforzo das medidas antitrust, a reforma da gobernanza corporativa para limitar os ingresos dos executivos, etc., é algo que vai depender da intelixencia colectiva da esquerda. E desta intelixencia colectiva forma parte precisamente a achega de Piketty.

(Unha versión ampliada deste texto pode lerse no artigo “A desigualdade revisitada: Thomas Piketty” [I, II, III e IV], publicado en Café Federal entre maio e xuño de 2015.)

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.