A batalla do veo islámico

De novo, coma noutros temas candentes –o aborto, o traballo sexual–, o corpo da muller como campo de batalla. O veo islámico. A quen lle pode estrañar que mesmo as organizacións feministas acaben profundamente divididas nun asunto tan complexo? O caso da organización Terre des Femmes é paradigmático. Mentres en Suíza se declara contra a ilegalización do veo (e avoga pola regulación do traballo sexual), en Alemaña esixe a prohibición xeral do veo integral e mais a prohibición do veo, integral ou non, para as funcionarias e tamén para todas as mulleres no ámbito escolar e universitario público (e apoia o modelo nórdico de persecución dos clientes da prostitución).

Tamén o feminismo musulmán (concepto que moitas feministas consideran un oxímoro) libra unha batalla contra o veo en moitos países islámicos, onde a muller se atopa baixo a tutela do home e padece agravios humillantes. Son millóns as mulleres vítimas dos costumes misóxinos das comunidades musulmás reaccionarias, fanáticas e puritanas a que pertencen. O que quizais nos choque aínda máis aos europeos é que entre nós haxa moitas musulmás que libremente pretenden amosar a súa resistencia ou mesmo rebelión cultural, ou apropiarse dunha tradición que as excluíu; mulleres que non queren ocultar a súa fe e teiman en levar posto un veo como símbolo identitario, relixioso, político.

Todos aprendemos a diferenciar entre o veo integral (o burca, o nicab) e os demais veos (o xador, o hijab). O burca oculta o corpo por completo e o nicab só deixa libres os ollos. Está claro que o veo integral intenta deshumanizar a muller e constitúe un atentado contra os dereitos humanos, alén de causar inseguridade na cidadanía e un grave problema de identificación. O xador ou o hijab, pola contra, non ocultan a cara da muller e son compatíbeis cos valores democráticos, co dereito das musulmás á súa integridade moral e coa seguridade de todos. En Europa hai moitas musulmás devotas que non poñen en perigo a nosa seguridade vestindo estas roupas, conque limitarmos o seu uso voluntario é unha decisión política moi delicada. A nosa crecente diversidade relixiosa pode levarnos a invocar a loita contra o autoritarismo para impormos restricións estigmatizantes e inxustas que dificultan a inclusión nun contexto social onde a islamofobia é a causa principal dos delitos de odio.

A prohibición indiscriminada do veo islámico non poderá ser cualificada de relativista, desde logo, pero igual ten, en última instancia, unha motivación paternalista, porque parte da premisa de que todas as mulleres que o visten son unhas vítimas pasivas. Reducimos estas mulleres a meros obxectos de estudo: falamos sobre elas, pero non falamos con elas. Ademais, esta ilegalización xenérica pode ter dúas consecuencias indesexábeis: por unha banda, marcar e illar nas súas casas unhas mulleres que non constitúen unha ameaza e, por outra, alimentar as obsesións identitarias dos populismos de dereitas.

Para orientarmos pragmaticamente as nosas políticas públicas nesta materia cómpre pois lembrarmos que é o que queremos exactamente: garantirmos os dereitos das musulmás e á vez protexermos a laicidade, os demais valores democráticos e mais a seguridade de todos. Está claro, desde esta perspectiva, que o burca e o nicab, por anecdótica que sexa a súa presenza entre nós, non satisfán estas esixencias. A violencia sen paliativos que supoñen contra a muller debe ser reprimida, tal e como se fai actualmente en Austria, nos Países Baixos e en Dinamarca, por exemplo, onde está prohibido (agás que estea xustificado por razóns prácticas) vestir pezas que oculten a cara en público. Por suposto, a posta en marcha de medidas deste tipo tampouco está exenta de riscos. Adoita haber unha reacción de base étnica por parte dos segmentos sociais afectados e, a maiores, un incremento do populismo islamofóbico (incluída a islamofobia de xénero).

Pola contra, o xador e o hijab, e tamén o burkini, que moitos de nós non deixarán de ver nunca como unha sorte de sudarios pensados polo patriarcado máis brutal para sublimar a desigualdade –para, en nome dunha tradición de recente invención, separar, deshumanizar, reificar, invisibilizar e dominar as mulleres–, deben, malia todo, poder formar parte dos nosos espazos públicos. A non ser que a batalla do veo islámico signifique para nós que queremos buscar unha saída discriminatoria, carente de empatía e, en definitiva, falsa, insensata e imprudente.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.