Cataluña ou a república de Schrödinger

Cunha espectacular base de case o 48% do corpo electoral –que, porén, é minoritaria e non lle confire o mandato democraticamente esixíbel para a secesión–, o separatismo catalán céntrase agora na acumulación de capital simbólico para manter a cohesión da cidadanía partidaria da independencia, acadar a hexemonía cultural no país e gañar apoio internacional. O seu aparato propagandístico explota ad nauseam un argumentario que se alimenta de presos polítics i exiliats, violencia policial, parcialidade da xudicatura e do Tribunal Constitucional ou artigo 155 da Constitución. Pero na etioloxía desta sofisticada agitprop están tamén os cálculos oportunistas feitos polas elites nacionalistas, que viron no secesionismo un recurso óptimo para canalizar a indignación cidadá causada por unha crise económica á cal non foi en absoluto allea unha parte desas mesmas elites, de estrita obediencia neoliberal.

Atopámonos así ante unha dinámica complexa caracterizada, por unha banda, por un artefacto ideolóxico con reminiscencias ultranacionalistas, reaccionarias e populistas trufadas de tribalismo, esencialismo, clasismo e hispanofobia; e, por outra, por un discurso extremadamente emocional, vitimista, mesiánico e taumatúrxico que desemboca na representación de Cataluña como unha nación virtuosa e na desacreditación de España como unha tiranía incorrixíbel que viola sistematicamente os dereitos humanos dos cataláns. Entrementres, os secesionistas apenas tematizan a súa inobservancia dos procedementos da democracia representativa, a súa instrumentalización das institucións –empezando pola Generalitat– e dos medios públicos de comunicación, ou o caudillismo de Carles Puigdemont. Despois de todo, este é un proceso revolucionario. Revolucionario pero, iso si, con cargo aos orzamentos públicos.

Mentres as elites unionistas xesticulan e amosan as súas pulsións antidemocráticas, o independentismo, malia estar fragmentado, segue empeñado en implementar un ilegal procés de desconnexió para o cal non existe un consenso social e que demostra un elevado grao de dogmatismo, precipitación e improvisación. Lembremos a fórmula da folla de ruta de Junts pel Sí en 2015: abonda “una majoria de diputats a favor de la independència”, por mínima que sexa e sen que importe o número de votos que a sosteña. Unha fórmula reveladora dun pensamento máxico que nega a realidade e acabou plasmado nas declaracións de independencia do 9 de novembro de 2015 e do 10 e 27 de outubro de 2017, enganosos exercicios literarios con vontade pretendidamente performativa que o único que lograron foi instaurar unha sorte de república cuántica, que existe e non existe ao mesmo tempo.

Nin a aplicación da coerción estatal nin o desaloxo de Mariano Rajoy de La Moncloa desactivaron a lóxica bélica que rexe este conflito. Os unionistas e os independentistas máis exaltados, como Albert Rivera ou Joaquim Torra, seguen a recorrer a un potente arsenal de sobreactuacións, mentiras, manipulacións, intimidacións e violacións dos principios democráticos. Esta deprimente dinámica binaria –unicamente nos serve a vitoria, que imporemos como sexa; e asumimos, en consecuencia, a posibilidade da derrota– non pode, evidentemente, formar parte dun escenario de resolución razoábel do conflito. Neste sentido, o novo e intenso diálogo entre os gabinetes catalán e español resulta esperanzador. A nosa democracia –malia todo, unha das máis avanzadas do planeta– está en xogo. Cómpre pararmos máquinas e reflexionarmos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.