Cataluña e España: a necesaria sobriedade federal

A experiencia internacional demostra que é posíbel que as demandas das nacións sen Estado sexan percibidas como irracionais por parte das elites centrais, cando estas entenden que o sistema de gobernanza multinivel existente é respectuoso coas diferenzas de carácter nacional. No caso de España non é doado que estas elites adquiran conciencia de que o país demanda unha articulación actualizada das súas identidades nacionais cruzadas, nin sequera cando a imposición pola forza de ideas petrificadas demostra non resolver o impasse. Tampouco é fácil que as elites independentistas abandonen a tentación insurreccional, nin sequera cando acaban cuestionando nada menos que o Estado de dereito. Se o actual marco constitucional non serve xa para Cataluña, a pregunta que cómpre formularmos é a seguinte: queremos unha acomodación axeitada para a nación catalá en España e en Europa? A resposta a esta pregunta converte ipso facto en maniquea a lóxica frontista imperante. Só unha lóxica pactista permite procurar un compromiso que evite o enfrontamento civil.

É preciso rebaixar e canalizar a tensión acumulada durante estes anos para que o catalán non se convirta nun intractable conflict

Esta lóxica impón unha abordaxe desdramatizada, racional, flexíbel, paciente. É preciso rebaixar e canalizar a tensión acumulada durante estes anos para que o catalán non se convirta nun intractable conflict. Unha xestión pragmática deste contencioso require, para empezar, un alto o fogo político que permita unha certa estabilización e normalización institucional, así como a creación das condicións dun laborioso proceso de restabelecemento da confianza mediante a comunicación e a aprendizaxe. A celebración dun ou de varios plebiscitos legais permitiría demostrar que a democracia non se desentende da demanda da cidadanía catalá, por atípica que sexa; e tamén facilitaría a descompresión, mediante a creación dun espazo regrado de expresión concluínte da diverxencia, de toda a rabia e o medo acumulados nunha sociedade fragmentada por cuestións identitarias. Os exemplos do Quebec (1980 e 1995) e de Escocia (2014) deberían inspirar a eventual reforma do artigo 92.1 da carta magna e a elaboración dunha lei de claridade.

Os exemplos do Quebec (1980 e 1995) e de Escocia (2014) deberían inspirar a eventual reforma do artigo 92.1 da carta magna e a elaboración dunha lei de claridade

A renuncia das partes á vitoria exclúe unha solución inmediata, lineal, gratuíta e definitiva. E exclúe tamén unha solución ideal. O proceso pode ser moi lento e ter consecuencias imprevistas e non desexadas; e pode resultar inestábel. Se finalmente a cidadanía catalá decidise separarse de España –unha hipótese en absoluto descartábel– daría lugar ao nacemento dun Estado independente, nin máis nin menos continxente que os demais. Ou é que ao longo da historia non houbo xamais fronteira ningunha que se alterase? Pero aínda que os cataláns quixesen evitar o trauma e seguir sendo españois, sería inxenuo pensar, en vista da disfuncionalidade dos actuais arranxos estruturais, nunha solución sen cambios institucionais substanciais. O obxectivo sería un bloque de constitucionalidade fundado sobre a soberanía compartida entre Cataluña e España.

Cataluña precisa un núcleo duro de decisión soberana. E España necesita unha nova resposta sistémica á súa pluralidade nacional que normalice un alto nivel de autogoberno de países como Cataluña

Cataluña precisa un núcleo duro de decisión soberana. E España necesita unha nova resposta sistémica á súa pluralidade nacional que normalice un alto nivel de autogoberno de países como Cataluña. Poden as inflamadas proclamas patrióticas cederlle o paso a conceptos sobrios como asimetría, cláusula residual, cooperación ou lealdade? Autogoberno a escala estatal catalá e goberno compartido a escala federal española: podería ser este o lema dun pacto federal?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.