Brexit. I. Patetismo postimperial

O referendo sobre a permanencia de Gran Bretaña na Unión Europea, celebrado o 23 de xuño de 2016 tras unha bananeira campaña de desinformación que presentou a saída do país da Unión como unha sinxelísima e elegante operación de afirmación do orgullo nacional, pasará aos anais como unha das xogadas políticas máis estúpidas da historia, cuxo principal protagonista foi o daquela primeiro ministro conservador. Na súa miope aposta por reunificar o seu partido verbo da cuestión  europea (obxectivo acadado temporalmente) e presionar a Unión para mellorar as condicións de permanencia do seu país (o conseguinte paquete de reformas negociado antes do referendo resultou finalmente inútil), David Cameron atopouse coa glacial incuria dos laboristas de Jeremy Corbyn e mais coa extraordinaria recepción do discurso populista e xenófobo de Nigel Farage. E perdeu. Son cousiñas que poden pasar cando, para salvar a propia carreira política, se poñen en xogo o futuro dun país e o equilibrio dun continente.

Certamente, os británicos non foron xamais uns europeístas fervorosos. De feito, sempre cultivaron unha estratéxica desconfianza cara aos procesos de acumulación de poder en Europa. Viven como de costas á Unión, inmersos na vasta cultura anglófona. Dentro duns meses saberán o que significa estar fóra dunha Europa que, paradoxalmente, sempre lles deu un trato particular: nunca formaron parte nin da eurozona nin do espazo Schengen, e gozaron dun status especial en moitos ámbitos. No referendo tomaron unha decisión sobre unhas bases argumentais insolitamente frívolas e absurdas, unicamente explicábeis no clima emocional inducido polo nacionalismo inglés máis arrogante e reaccionario arroupado pola extrema dereita continental. A diabólica complexidade dunha desconexión xurídica e económica da Unión foi despachada cun par de bravatas que non se sosterían nin sequera nun pub ante unha pinta de cervexa.

En breve, os británicos poderán constatar por si mesmos se, despois de todo, estar fóra da Unión –máis illados, menos poderosos, menos influentes– os fixo máis soberanos. O que moitos empezan quizais a intuír é a inconsistencia da súa decisión, moi ben exemplificada no asunto central de Irlanda. Un dos argumentos nucleares dos defensores do Brexit é a necesidade de que Gran Bretaña recupere o control das súas fronteiras, pero agora resulta que entre a República de Irlanda e Irlanda do Norte (maioritariamente favorábel á permanencia na Unión) non convén fronteira ningunha. Unha cuestión certamente espiñenta, dado que a fronteira se fixo case invisíbel en 1998, co Acordo de Belfast. E ademais non se trata só da fronteira física, senón de que o acervo comunitario se conserve no norte. Haberá logo unha fronteira entre as dúas Irlandas, por unha banda, e, por outra, Gran Bretaña? Sería esta unha sorte de anexión de Irlanda do Norte por parte da Unión e finalmente por parte da República de Irlanda?

As negociacións de separación previstas no artigo 50 do Tratado de Lisboa rematan o 29 de marzo de 2019. Podería haber un (improbábel) acordo de saída ordenada, é dicir, de permanencia de Gran Bretaña no mercado único e na unión aduaneira; ou un (desastroso) Brexit duro (ou caótico, como prefire chamalo Owen Jones), sen acordo comercial, aduaneiro, financeiro e institucional, e sen acordo sobre o status dos cidadáns británicos e europeos atrapados no medio do cataclismo; ou tamén un (desconcertante pero imaxinábel) Brexit ás cegas, que deixaría a futura relación comercial apenas bosquexada e se limitaría a regular cuestións como a inmigración, o status dos europeos en Gran Bretaña e dos británicos na Unión, a fronteira irlandesa, etc., así como o pagamento dos 44.000 millóns de euros que Gran Bretaña lle debe á Unión en concepto de obrigas pendentes.

Até o de agora, Michel Barnier, o negociador xefe comunitario, non tivo que aturar presións de ningún país para concederlle un trato privilexiado a Gran Bretaña. A Unión amosou firmeza negociadora, basicamente porque ten ben aprendida a lección da historia nefasta da Europa dos nacionalismos, dos populismos de dereitas e dos fascismos, e non hai nada que tema tanto como as posíbeis dinámicas desintegradoras. É a Unión quen decide o que pode e non pode ser; non porque queira castigar a Gran Bretaña, senón porque ningún contribuínte europeo entendería que, unha vez fóra, os británicos recibisen graciosamente un trato preferente. É o que lle pode pasar a un país cando perdeu un imperio e non se decatou.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.