O alemán no ensino público galego. ‘How would Tobío do it?’

É curioso que unha visita á Filmoteca Alemá dea lugar a unha reflexión sobre a miopía da nosa administración educativa. Aquí consérvase o célebre recordatorio que colgaba no despacho de Billy Wilder e que reza “How would Lubitsch do it?”. Ao saír deste estimulante museo do cine e da televisión pódese contemplar a Potsdamer Platz baixo un ceo nevarento, con toda a súa arquitectura ultimísima, a súa potente solidez, o seu movemento, o seu ambiente vivificante. Estamos nun dos lugares onde con máis forza latexa o corazón de Europa.

Emociona pensar que Lois Tobío andou a miúdo por esta praza, onde igual se cruzou con personaxes como Joseph Roth. Hoxe non a daría recoñecido, excepto un semáforo supervivente da Segunda Guerra Mundial, un dos máis vellos do continente, posto en funcionamento en 1924. No curso 1921-1922, antes de facer a carreira de dereito en Compostela, Tobío estudara Lingua alemá no Instituto Xeral e Técnico de Santiago (o actual IES Arcebispo Xelmírez I). Despois, entre 1929 e 1930 pasou case un ano ampliando a súa formación en Berlín. Que pensaría o noso diplomático e tradutor da situación da lingua alemá no ensino público galego actual?

En Galiza houbo unicamente dúas oposicións de secundaria en que se convocaron prazas da especialidade de Alemán: en 2001 e en 2007. En total, os aprobados foron nove. É dicir: a administración educativa galega seleccionou, desde que existe, nove profesores para impartiren no país, como docentes de carreira, a lingua materna máis importante de Europa, falada por case un de cada cinco cidadáns, máis de 90 millóns de persoas, sobre todo alemáns, austríacos e suízos. O número de europeos que falan alemán como lingua materna ou estranxeira ascende a un de cada tres. En que momento decidimos que os nosos fillos non deben pertencer a este grupo?

A Asociación Galega de Xermanistas leva lustros intentando que a Consellaría de Educación tome conciencia –como tomaron conciencia outras administracións autonómicas e mais todo o ensino privado– da importancia fundamental de que o noso alumnado teña a oportunidade de aprender alemán. A reacción dos responsábeis do sistema educativo –tanto do PP como do PSdeG-PSOE– oscilou sempre entre a cortés indiferenza e a negativa máis obtusa, con argumentos tan peregrinos como que non hai demanda ou que se trata dunha lingua moi difícil. Tampouco os sindicatos do ensino amosaron xamais o máis mínimo interese por esta cuestión, que polo visto consideran por completo irrelevante.

Nestes momentos, os institutos públicos galegos onde se imparte a materia de Alemán non chegan nin á ducia, con menos de 1.500 alumnos matriculados. Son unhas cifras tan penosas como significativas. Se cruzamos a fronteira do país e entramos, sen irmos máis lonxe, en Asturias, atopámonos con que só en Xixón hai sete institutos públicos onde se imparte Alemán por parte dun profesorado especialista do cal forman parte seis docentes de carreira. En Galiza, obviamente, tampouco os másters universitarios en profesorado de ensino secundario están orientados especificamente á preparación dos futuros docentes de Alemán, e as actividades formativas para este colectivo son anecdóticas.

A nosa plana maior educativa adoita aparecer nos medios entoando exaltadas loas á diversidade lingüística e encomiando o dominio de idiomas estranxeiros, pero cando chega a hora de fomentar o alemán padece unha estrañísima amnesia selectiva. Así que propomos que os máximos responsábeis da nosa Consellaría de Educación fagan unha viaxe de estudo a Berlín para abriren aquí as súas mentes, tamén no plano lingüístico, ao socio comercial máis importante de España. Un paseo pola Potsdamer Platz podería obrar o milagre de lles amosar unha realidade que manifestamente descoñecen.

A Lois Tobío debémoslle as traducións ao galego dos Sonetos a Orfeo, de Rainer Maria Rilke, de Nai Coraxe e mais os seus fillos, de Bertold Brecht, e do Fausto, de Johann Wolfgang von Goethe. Entre as traducións de Tobío ao castelán hai que salientar a das célebres alocucións antinazis de Thomas Mann reunidas baixo o título de Oíd, alemanes... Discursos radiofónicos contra Hitler; a das dúas novelas sobre Henrique IV de Heinrich Mann; así como a de Narciso y Goldmundo, de Hermann Hesse. Que faría Tobío, o grande amante das linguas, se vise a calamitosa situación do alemán no noso sufrido ensino público? How would Tobío do it?

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.