Aquel Berlín de Joseph Roth. Acerca de Europa, Merkel e o populismo

Un paseo polo Ku’damm e por diante da Kaiser-Wilhelm-Gedächtniskirche e da porta dos elefantes do Xardín Zoolóxico condúcenos até a Nürnberger Strasse, unha rúa longa e moderna e impersoal, cuns edificios de construción recente que xa non nos permiten apreciar algunhas xoias do Berlín dos anos vinte e trinta do século pasado. O célebre restaurante xermano-ruso Tary Bary atopábase no número 65, xusto no punto por onde entramos na rúa. A fachada era bastante discreta, pero o interior tiña unha elegancia sobria moi particular. Adoitaba haber formacións musicais que tocaban a balalaica, e disque era tamén un local de encontro de lesbianas e gays. O actual número 65 é un edificio vulgar que alberga un hotel. Joseph Roth, un dos xornalistas e escritores máis brillantes do período de entreguerras, seguramente non identificaría este lugar, malia que aquí transcorreu unha parte da súa intensa vida e probabelmente entrase máis dunha vez no Tary Bary, que aparece mencionado (pero situado en París) n’A lenda do santo bebedor, a súa obra póstuma. Que nos diría se lle falásemos da Europa actual? Recoñecería algúns dos seus trazos máis preocupantes?

A Unión é unha abandeirada das “políticas de axuste” que desestruturaron o noso tecido social e conformaron o marco óptimo para o desenvolvemento de movementos de ultradereita: precarización, exclusión, desigualdade, inseguridade. Por moi pudorosos que sexamos no uso da linguaxe, xa non podemos ignorar o perigo do neofascismo. A expansión do nacionalismo étnico –branco e cristián– coincide co rexeitamento da diversidade e coa invención do inmigrante como novo chibo expiatorio. Tamén en Alemaña aumentan as actitudes populistas, que xa se detectan en case un terzo do electorado. Aínda non se traducen directamente nun voto á extremista AfD –que, con todo, podería ser xa a segunda forza política do país–, pero si nun forte debilitamento da chanceler Merkel, cuxo partido, a CDU, perde apoio electoral. Entrementres, o SPD, que sofre as consecuencias do esmorecemento ideolóxico da socialdemocracia, está en caída libre. Neste contexto, Merkel, queimada como cabeza de cartel, decidiu anunciar o seu retiro definitivo da política: deixa o liderado da CDU e procurará rematar en 2021 o seu derradeiro mandato como chanceler.

Con independencia de que consiga finalmente levar a cabo esta saída ordenada do poder, Merkel pasará á historia por moitos motivos, non todos positivos. É moi posíbel que a súa xestión neoliberal da última crise económica, imposta cun dogmatismo case obsesivo, alentase o desenvolvemento do populismo. A súa negativa a dotar a unión monetaria dunha arquitectura institucional razoábel podería ter consecuencias tráxicas nun futuro relativamente próximo. Os europeos afectados polos recortes e a austeridade non lembrarán a Merkel con simpatía; tampouco os alemáns con traballos inestábeis e mal pagados. Os bancos alemáns, pola contra, están en débeda con ela. Pero ninguén lle poderá negar que fixo unha carreira política excepcional, cun estilo parco, nada afectado, sen escándalos; e que, sendo unha muller conservadora, logrou moderar o seu partido con medidas como o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, o salario mínimo, a política migratoria ou a supresión do servizo militar obrigatorio.

A situación xeopolítica é preocupante. Nos EUA temos unha Casa Branca esperpéntica; en Europa, os populismos anti-establishment están en auxe; e Rusia intenta desestabilizarnos. Mentres diminúe a calidade democrática, a crecente polarización política reduce a nosa capacidade de cambio institucional. Porén, a Unión só pode reaccionar apelando aos valores democráticos e implementando políticas sociais. Alemaña está, neste sentido, comparativamente ben situada. Aínda que a polarización política aumentou tamén aquí, a súa democracia está entre as que teñen unha calidade máis alta. Agora empeza un período de incerteza, e non só en Alemaña. Ábrese na Unión, cuxos asuntos foron controlados por Merkel durante os últimos 13 anos, unha xanela de oportunidade para os reformistas? Que opinaría Joseph Roth? En 1933, tras o acceso de Hitler á chancelaría do Reich, os xudeus coma Roth empezaron a vivir un pesadelo. El marchou para París, onde acabou entregándose ao consumo inmoderado de alcohol para poder escribir e soportar a perda do seu mundo, e talvez tamén para lle pór fin á súa vida. Morreu, de feito, en 1939. Nunca saberemos se recoñecería, non xa a Nürnberger Strasse, senón a Europa dos nosos días. Pero algo intuímos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.