0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Malia a moral de católicos e médicos: o aborto

Se alguén aínda pensa que a idea de que o corpo da muller é un campo de batalla é un produto do que o bloque católico chama “ideoloxía” de xénero, que lembre os debates sobre o traballo sexual ou sobre o veo islámico

Se alguén aínda pensa que a idea de que o corpo da muller é un campo de batalla é un produto do que o bloque católico chama “ideoloxía” de xénero, que lembre os debates sobre o traballo sexual ou sobre o veo islámico; e que repare tamén no aborto, que eses mesmos católicos –cuxa igrexa, ironicamente, padece o que quizais poidamos cualificar xa de problema estrutural de pedofilia– queren abolir como dereito.

En efecto, é posíbel que as conquistas do feminismo en materia de dereitos sexuais e reprodutivos non estean consolidadas. Por unha banda, o bloque católico atópase en constante mutación e incorpora agora numerosos actores localizados no contorno da Federación Española de Asociaciones Provida e da Plataforma Sí a la Vida, como a Federación Europea One of Us, a Fundación Redmadre ou HazteOir.org. Estas organizacións antiabortistas despregan un activismo moi sofisticado utilizando unha imaxe adaptada ás esixencias da mercadotecnia dixital e unha linguaxe menos acartonada que a tradicional da corporación católica. Así lanzan campañas propagandísticas, inflúen nos partidos políticos, organizan mobilizacións e emprenden accións xudiciais.

Case o 90% dos abortos teñen lugar, non directamente na sanidade pública, senón con financiamento público a través dun sistema concertado entre os centros privados acreditados e as administracións sanitarias autonómicas

Por outra banda, case o 90% dos abortos teñen lugar, non directamente na sanidade pública, senón con financiamento público a través dun sistema concertado entre os centros privados acreditados e as administracións sanitarias autonómicas. Ao socairo da problemática expansión do concepto de obxección de conciencia, a negativa do persoal sanitario impide o dereito das mulleres a abortaren con normalidade nun hospital público. É este un asunto realmente grave. Haberá que recordar que a interrupción do embarazo –unha práctica obstétrica perfectamente estandarizada– forma parte dos labores dos xinecólogos, ningún dos cales foi forzado a escoller a súa especialidade.

A pregunta que haberá que facerse aquí é: se o colectivo médico pode negarse a practicar abortos alegando a obxección de conciencia a unha lei, non está realmente impondo a súa visión moral en prexuízo dos dereitos das mulleres e da saúde pública? O seu dereito á obxección de conciencia non se converte, desta maneira, nun dereito absoluto? É dicir: abordamos correctamente a colisión entre o dereito ao aborto e á saúde das mulleres e mais o dereito á obxección de conciencia dos facultativos se o que sucede finalmente é que acabamos expulsando a interrupción voluntaria do embarazo da rede sanitaria pública?

Se o colectivo médico pode negarse a practicar abortos alegando a obxección de conciencia a unha lei, non está realmente impondo a súa visión moral en prexuízo dos dereitos das mulleres e da saúde pública?

Entrementres, a muller segue a ser a única que pode quedar encinta. O seu dominio sobre o seu corpo, a súa autonomía corporal, implica, en consecuencia, o control do embarazo. Se a muller debe poder decidir cantos fillos vai ter, non pode ser privada do dereito a abortar. Neste sentido, este dereito é unha concreción medular da igualdade de xénero. Cando a muller non pode decidir abortar é que outros exercen unha violencia sobre ela e deciden por ela que facer co seu corpo.

Cando este tema se trata como un asunto moral (ou mesmo teolóxico ou doutrinal) xorden decontado os argumentos reducionistas que se plasman en dicotomías insidiosas como a de defensa da vida contra cultura da morte, ou en comparacións odiosas como a que o papa Francisco fixo entre os abortistas e os sicarios ou mesmo os nazis. En termos morais, desde logo, o debate dá para moito, tamén para preguntarse se unha muller debe ser nai porque quere ou porque está embarazada. Pero as disquisicións de salón non borran do mapa os problemas sociais que cómpre resolver con realismo político. As mulleres non adoitan abortar alegremente, pero non viven nun mundo ideal e moitas acaban tomando a decisión, sempre tráxica e a miúdo traumática, de interromper o embarazo.

O teimudo dinamismo do movemento antiabortista debería servirnos como exemplo para esixirmos a constitucionalización dos dereitos sexuais e reprodutivos

O único que logramos desterrando o aborto –e tamén a prostitución ou o xador– a espazos marxinais é invisibilizarmos a violencia, a doenza, a morte. Pero criminalizar o aborto non significa abolilo: as mulleres non van deixar de abortar porque a lei llelo impida. (Por certo: tampouco teñen a obriga de abortar cando a lei llelo permite.) Con todo, o teimudo dinamismo do movemento antiabortista debería servirnos como exemplo para esixirmos a constitucionalización dos dereitos sexuais e reprodutivos. E que o bloque católico e mais os médicos non nos confundan: a reivindicación do aborto seguro na rede hospitalaria pública non é unha inmoralidade propia da “ideoloxía” de xénero, senón unha parte indisociábel da defensa dos dereitos humanos e da saúde de todos.

Publicidade

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Entre maio de 2014 e outubro de 2016 publicou en Praza Pública o blog Café Federal. Traduciu as Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, A morte en Venecia, de Thomas Mann, e os Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig, e é o autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.