A nai de todas as fraudes

Neste tempo de terríbel incerteza estanse a desvelar as verdades dalgunhas fraudes. A das preferentes é a primeira que nos ven á cabeza porque en Galiza non hai quen non teña familia e amigos estafados. Pero destas que estamos a ver, das que nos sentimos vítimas, eu denomino parafraseando a Sadám a nai de todas as fraudes á posición do Estado Español na Unión Europea e no Euro.

No seu día, como nas preferentes, as nosas autoridades vendéronnos a entrada na UE e a incorporación ao euro como a garantía da modernización e o benestar

No seu día, como nas preferentes, as nosas autoridades vendéronnos a entrada na UE e a incorporación ao euro como a garantía da modernización e o benestar, a UE sería unha fonte de cartos sen fin e o euro faríanos do club dos poderosos; as potencias europeas estaban desexosas de que nos incorporaramos en pe de igualdade, coma unha potencia mais, con toda xenerosidade, a ese espazo de riqueza, benestar e felicidade.

As posturas críticas que alertaban do perigo de desprotexer aos nosos sectores produtivos, subvencionando o seu desmantelamento, eran tachadas de indocumentadas; se advertían do perigo para a supervivencia dos servizos públicos pola vaga privatizadora que xa se vivía daquela en Alemaña ou Inglaterra eran conservadoras; se o tema “cesión de soberanía” se puña enriba da mesa, decimonónicos. Pero había letra pequena.

Como os das preferentes, a xente de a pé, o 99% da poboación veremos que os nosos impostos sofren unha quita, en forma de recortes de servizos públicos e de prestacións, para pagar as débedas resultado da mala xestión e da codicia sen límite das construtoras e financeiras

A fraude das preferentes leva camiño, coa benzón da UE e do PP, de rematar facendo pagar aos pequenos aforradores mediante unha quita, as débedas que os bancos e caixas teñen coa grande banca francesa e alemana que si recuperarán todo o que investiron.

Como os das preferentes, a xente de a pé, o 99% da poboación veremos que os nosos impostos sofren unha quita, en forma de recortes de servizos públicos e de prestacións, para pagar as débedas resultado da mala xestión e da codicia sen límite das construtoras e financeiras, unha quita reclamada por esa UE que era a garantía do benestar, e aceitada sumisamente por uns gobernos en Madrid e Galiza que asumen sen vergoña, e sen dimitir, que non saben que outra cousa facer que obedecer.

Como os das preferentes, o estado español está a vivir unha quita de soberanía, botado dunha labazada dende o club das potencias á periferia da periferia

Como os das preferentes, o estado español está a vivir unha quita de soberanía, botado dunha labazada dende o club das potencias á periferia da periferia. Non é doado para quen nos vendeu a estampiña, propoñer alternativas con un mínimo de coherencia que non condenen aos seus líderes ao papel de mentireiros, inconscientes ou incompetentes, así que parece que algúns intentan compensar os efectos desta quita con recentralizacións. Ningunha novidade.

Esta fraude desvelada empuxa á reivindicación da soberanía, no noso caso da soberanía galega

No prólogo de Cantares gallegos dicía Rosalía: “Ben din que todo neste mundo está compensado, e ven así a sofrir España dunha nación veciña que sempre a ofendeu, a misma inxusticia que ela, inda máis culpabre, comete cunha provincia homillada de quen nunca se acorda, como non sea pra homillala inda máis. Moito sinto as inxusticias con que nos favorecen os franceses, pro neste momento casi lles estou agradecida, pois que me proporcionan un medio de facerlle máis palpabre a España a inxusticia que ela á súa vez conosco comete.”

Esta fraude desvelada empuxa á reivindicación da soberanía, no noso caso da soberanía galega. Parece claro que a globalización non é unha vacina contra os nacionalismos, que renunciando á identidade non hai integración, hai sometemento. Mais que nunca é actual aquel vello lema do BNG gobernemos nós a nosa terra, a proclama alternativa e necesaria en tempos de submisión e desgoberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.