Estratexias electorais

Atrás quedaron as dúas primeiras semanas de precampaña. E por diante uns días aínda antes da campaña. Un tempo máis ca suficiente para observar cales son as estratexias de cada unha das formacións que concorrerá a estas eleccións de Galicia 2012. Ademais, onde podemos comezar a calibrar cales serán as consecuencias -se as hai- da Operación Pokemon que tan desprevida colleu a toda a clase política galega. Imos aló.

A polarización beneficia especialmente ao PP que pode conseguir un obxectivo estratéxico para eles nesta campaña: unificar toda a oposición nun tótum revolútum indistinguible

En síntese, entre todas as forzas políticas galegas identificase unha estratexia predominante: a da polarización. Todos os partidos dirixen o seu discurso contra o PP a través da crítica aos recortes e ás políticas de austeridade (se son de esquerdas) ou á debilidade política e ao modelo de Estado (se son de dereitas). Ironicamente, esta estratexia beneficia especialmente ao PP que pode conseguir un obxectivo estratéxico para eles nesta campaña: unificar toda a oposición nun tótum revolútum indistinguible, desconfiable e, finalmente, inelixible como alternativa de goberno. A lóxica dunha elección diádica simple moi clásica en política: “eu ou o caos” ou “máis vale malo coñecido que peor por coñecer”.

Outros beneficiados polo dominio das estratexias polarizadoras son os partidos pequenos con aspiracións a entrar por vez primeira no Parlamento, e especialmente a Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Pois outro dobre efecto asociado desta polarización é, por unha banda, soliviantar ao electorado descontento coa actual situación social –proclive a votar a estas formacións, e por outra banda, desactivar ao electorado moderado que desanimado coa política e os partidos tradicionais tende cara á abstención e en menor medida cara ao cambio de voto –orientado tamén cara a estas formacións.

A estratexia da polarización beneficia sobre todo ao PP e ás forzas minoritarias que con máis contundencia se lle opoñen e que son, non o esquezamos, os extremos dos polos

Isto lévanos á seguinte situación: o dominio da estratexia da polarización fai que, dentro do bloque da esquerda a tendencia sexa cara á abstención ou o cambio de voto a outras formacións –preocupante para PSdeG-PSOE e BNG, e dentro do bloque da dereita sobre todo cara á abstención e en moita menor medida ao cambio de voto –pois aínda que o impacto mediático de Mario Conde ou Rosa Díez poda ser alto o seu atractivo como alternativa de goberno non o é. Primeira conclusión que tiramos: a estratexia da polarización beneficia sobre todo ao PP e ás forzas minoritarias que con máis contundencia se lle opoñen e que son, non o esquezamos, os extremos dos polos.

Entón, existen alternativas estratéxicas a esta situación? Poden o PSdeG-PSOE e o BNG cambiar o rumbo dunha probable perda de voto e de representación que garantiría unha nova maioría absoluta para o PP? Si hai alternativas estratéxicas, aínda que o tempo para poñelas en marcha corre e se esgota. A máis obvia é a da diferenciación a través da triangulación: PSdeG-PSOE e BNG son os únicos partidos con posibilidade de representación que teñen experiencia de goberno. A defensa dunha alternativa sólida destes dous partidos representa a saída máis beneficiosa e posible de poñer en marcha o tempo dispoñible. Quizais un acto ou dous conxuntos, tratando temas clave e coincidencias mutuas, non estaría de máis. Os escépticos gritarán: “¡bipartito!” A eles habería que lembrarlles que o 2009 quedou atrás e que o contexto só nos permite mirar cara adiante.

O tempo de reacción esgótase e, a cada minuto que pasa, o PP camiña máis firme cara a unha nova maioría absoluta con menos votos pero quizais con máis deputados que hai catro anos

Así as cousas, a mala elección estratéxica dos principais partidos da oposición estalle permitindo ao PP desenvolver a súa estratexia con comodidade e practicamente polo manual. De seguiren así, non se descarta unha maioría absoluta ampliada do PP garantida polos restos electorais e pola volatilidade intrabloque facilitada dende os principais partidos da oposición. O tempo de reacción esgótase e, a cada minuto que pasa, o PP camiña máis firme cara a unha nova maioría absoluta con menos votos pero quizais con máis deputados que hai catro anos. Agárrense que veñen curvas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.