0 Gardados para despois

Ana Luísa Bouza

Que futuro para a sanidade?

Hoxe reúnese a Conferencia Interterritorial de conselleir@s de sanidade para concretar canto e como van pagar os excluídos do sistema sanitario para recibir atención: inmigrantes, retornados xubilados... pechando o círculo da eliminación da universalidade da atención sanitaria. Hoxe tamén celébrase en Vigo unha nova manifestación en defensa da sanidade pública, cunha poboación especialmente afectada polos problemas que trae a privatización da sanidade, dende o convenio especial con POVISA, con listas de espera que triplican as dos hospitais públicos até o hospital PFI paralizado por falta de financiamento, e para o que se aveciña un novo acordo do PP coa construtora que encarecerá aínda mais a súa factura.

Como, coas listas de espera de POVISA, poden atreverse a dicir que a solución dos problemas da sanidade é contar mais coa privada?

Nesta lexislatura temos visto un deterioro tal, que se a sanidade galega aguanta é pola presión da cidadanía na rúa e a profesionalidade do persoal sanitario, malia os recortes, as mentiras, os desplantes dunha Xunta que claramente aposta por privatizar e reducir os servizos. A foto de hai uns días da conselleira Mosquera coa patronal da sanidade privada galega é demostrativa desta posición. Como, coas listas de espera de POVISA, poden atreverse a dicir que a solución dos problemas da sanidade é contar mais coa privada?

Sabemos que logo do 21O virán novos recortes, a ministra Mato anuncia un recorte da carteira básica de servizos

Sabemos que logo do 21O virán novos recortes, a ministra Mato anuncia un recorte da carteira básica de servizos (os gratuítos para as persoas aseguradas). Estase a valorar a eliminación do cribado de cancro de mama, que supoñería a eliminación da prevención; xa dixo Feijóo que as mamografías, depende. Poden tamén desaparecer desa carteira básica certas vacinas polas que habería que pagar. Neste momento adíase a campaña de vacinación antigripal en Galiza ate finais de Outubro, logo das eleccións. Nalgunhas comunidades xa se iniciou a campaña, non hai motivos médicos para adiala, hai motivos políticos? Que están deixando para despois das eleccións galegas?

Queremos unha Xunta decidida a facer fronte aos recortes e garantir unha sanidade pública, universal e de calidade aínda a costa da insubmisión política a Madrid?

A sanidade que queremos debe ser un dos debates fundamentais deste período de presentación de propostas de futuro para Galiza. O SERGAS é a maior “empresa” do País, a que mais emprego xera, mais actividade económica promove e a que mais benestar garante ao conxunto da poboación. A orientación da súa xestión depende da vontade política do Goberno galego no exercicio das súas competencias exclusivas. Queremos unha Xunta decidida a facer fronte aos recortes e garantir unha sanidade pública, universal e de calidade aínda a costa da insubmisión política a Madrid? O Sr Feijóo ven de explicar que as súas prioridades serían de novo o control do déficit e non ser un problema para España. Esas prioridades son hoxe incompatibles coa garantía sanitaria para a poboación galega.

Pero son posibles outras políticas sanitarias: é posible rescatar o hospital de Vigo para a xestión pública, manter a universalidade, reconsiderar copagos, restablecer diálogos... precísase vontade política, un cambio de goberno e sobre todo un cambio de política sanitaria que considere a importancia da sanidade na cohesión social e na procura dunha saída xusta ao tempo convulso que vivimos.

Son posibles outras políticas sanitarias: é posible rescatar o hospital de Vigo para a xestión pública, manter a universalidade, reconsiderar copagos, restablecer diálogos...

As decisións que se están a tomar en materia sanitaria aféctannos a tod@s pero ademais definen a sanidade do futuro e a sociedade do futuro. Iso nos xogamos tamén este 21O, merece unha fonda reflexión, merece unha forte mobilización, merece un esforzo que converta a indignación en votos e bote o peor goberno da nosa historia, o peor presidente.

Acerca de Ana Luísa Bouza

Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, Informática de profesión. Deputada no Parlamento galego entre 2009 e 2012, Directora de Igualdade da Xunta entre 2005 e 2009. Membro do Consello de redacción da revista feminista Andaina.